“Dicir Álvaro Cunqueiro é dicir Mondoñedo”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O investigador e crítico literario Armando Requeixo acaba de publicar unha guía literaria sobre Mondoñedo a partir dos escritos de Álvaro Cunqueiro e outros escritores mindonienses. Requeixo, tamén natural da vila, cre que visitar Mondoñedo é viaxar a un espazo e a un tempo, real e ó mesmo tempo mítico, que ninguén entendeu mellor ca Cunqueiro. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Teatro, danza e a colaboración con MADferia centran o programa da penúltima xornada de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado pola Agadic, alcanza mañá a súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco producións de teatro e danza, ademais da presentación da colaboración con MADferia para o intercambio de espectáculos galegos e madrileños entre ambos encontros.
No apartado de exhibición de espectáculos, pensado tanto para os profesionais acreditados como para o público xeral, esta penúltima xornada comezará ás 11,00 h. na Sala 2 da Fundación SGAE con Trompicallo e a súa montaxe de monicreques Planeta Ardora. O público infantil é o principal destinatario desta proposta, ao igual que de Patapatúm, o último traballo de Elefante Elegante, que poderá verse na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE ás 12,15 h.
Elisa e Marcela, de A Panadaría, será a terceira representación da xornada. Coproducido xunto ao Centro Dramático Galego e os concellos da Coruña, Vimianzo e Rianxo, este espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado obtivo catro galardóns na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro. Poderá verse no Auditorio Abanca, ás 17,30 h. (…)” [Na imaxe, Método negro, de Javier Martín. Fotografía: Sara Roca].

Emma Pedreira: “Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”. A intersexualidade de Romasanta no centro de Besta do seu sangue, a novela coa que Emma Pedreira gaña o Premio Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Pontevedra: entrega de premios do VI Certame de Relato Curto

O 11 de xuño, ás 19:00 h., terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a entrega de premios do VI Certame de Relato curto, que conta coa colaboración da AELG, quen se comprometeu a ofrecer un obradoiro da súa Escola de Escritoras e Escritores ás persoas autoras dos cinco mellores textos de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos).
Máis información, aquí.

Para perder o medo, [à] poesia! por Susana Sánchez Arins

Artigo de Susana Sánchez Arins na Sega:
“É mui complicado ser superoína. No quotidiano dos dias caminhas as ruas, as praças, as grandes avenidas, com todos os teus poderes aí, à vista para quem saiba ver, mas invisíveis para a maioria. E tanto melhor, porque muita gente não percebe e teme aquilo que ignora. É complicado chegar ao parque, sentar na randeeira, no alto da escorregadoira, e fazer o simulacro de brincar como criança para não estontear ao mundo com a nossa melhor cara de velocidade.
É mui complicado ser poeta. No quotidiano dos dias caminhas as ruas, as praças, as grandes avenidas, com todas as tuas metáforas aí, à vista para quem saiba ver, mas invisíveis para a maioria. E tanto melhor, porque muita gente não percebe e teme aquilo que ignora. É complicado chegar ao parque, sentar na randeeira, no alto da escorregadoira, e fazer o simulacro de vigiar como adulta para não estontear ao mundo com a nossa melhor cara de velocidade.
Mas quando és poeta e superoína a um tempo, é singelo explicar ao mundo, para que perceba e deixe de temer, as superoínas, a poesia.
Isso faz Marga Tojo num preciosista volume, maravilhosamente acompanhado dos desenhos de María Hergueta.
Cara de velocidade é a que pomos as superoínas, mesmo as poetas, para andar polo mundo. Podemos acompanhar com capa e pijama de dinossauros, aí ao gosto de cadaquém, mas o importante é que ao mudarmos a maneira de olhar, damos com esses pormenores que nos acompanham na rotina dos dias e que fazem destes uma aventura. (…)”