“O soneto como “disciplina e gozo””

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Catorce versos compoñen unha das máis universais formas clásicas do poema, o soneto. A ela entregouse Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) no seu último proxecto, o libro Soneto no alfabeto (Galaxia). “Foi un exercicio de disciplina e gozo”, explica sobre unha obra enfocada a lectoras e lectores mozos.
“Formuleino como un reto, adaptarme a moldes clásicos. E dentro deles, decidinme polo soneto, a forma máis universal”, di. Antecedidos por un texto cuxo título homenaxea a Manuel Antonio –Intencións-, os poemas amosan intencións lúdicas, unha apoloxía do lecer literario. “Engadín aneis de complexidade e certo sacrificio gozoso”, insiste.
Os 22 sonetos comparecen baixo cada unha das letras do alfabeto galego. E a primeira palabra de cada un deles comeza por unha desas letras. “Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en mozo ou moza naza”, escribe no derradeiro. “Soneto no alfabeto fala, sobre todo, da poesía non como algo requintado e sublime, senón cotián”, engade, “porque está presente, como xogo e iluminación, en calquera ámbito da vida”.
O traballo poético de Domínguez Alberte transitou maiormente polo verso libre. O desprazamento ao clasicismo tamén modificou os seus obxectivos. “Mais este non é un produto só para adolescentes”, expón, “aínda que responde a unha teima miña dos últimos tempos”. Que remite á “sobreoferta” da narrativa infantil e xuvenil. “Son un gran lector de narrativa, pero ás veces desviamos a nosa ollada e esquecemos a poesía. E esta ofrece moitas posibilidades para a rapazada”.
“É o primeiro libro de sonetos da literatura xuvenil galega”, resume Domínguez Alberte, quen asegura que, en Galiza, “non hai tantos sonetistas”. De feito, mesmo se estraña de que haxa “grandísimos poetas” que nunca, ou apenas, o practicaron, como Cunqueiro ou Rosalía de Castro.
O poeta, prolífico, prepara xa un novo volume. Misterioso, indica que será “a dúas mans, cunha persoa moi coñecida” e que houbo editoriais que se interesaron por el. Pero non dá máis pistas.”

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega este venres á Coruña a estrea de A leituga

Desde Agadic:
“O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá a estrea de A leituga, a nova produción da compañía galega Eme2, este venres día, 6 ás 20,30 h., cun segundo pase o sábado á mesma hora. Ambas as funcións inclúense dentro da programación de 21 actuacións que a Rede Galega de Teatros e Auditorios lle achega ao público coruñés este semestre.
Nesta carteleira, que se desprega tanto no Rosalía como no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello da Coruña fan un investimento conxunto de 65.400 euros.
Víctor Duplá é o director desta proposta, a partir da obra de César Sierra traducida ao galego por José Luis López Roca. Para levala a escena conta cun elenco de nomes tan coñecidos como Xosé Barato, Mercedes Castro, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez e María Vázquez.
Na obra preséntanse cinco familiares (tres irmáns e as súas parellas) reuníndose na casa da irmá maior para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en coma dende hai nove anos. A discusión por ver quen se encarga dos seus coidados fai que o que semella unha sinxela xuntanza acabe converténdose nun enfrontamento tenso que supón o centro desta comedia tráxica. Así, A leituga aborda a través do conflito íntimo os asuntos non resoltos, o sacrificio e a culpa, dentro da reflexión sobre o dereito á vida e o dereito á morte.
Programación do semestre
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido pola Agadic en colaboración coas entidades xestoras dos seus preto de 40 espazos asociados, conta na súa programación para a cidade herculina neste primeiro semestre de 2018 con propostas tanto de teatro como de danza ou circo para todo tipo de públicos.
Destacan entre as montaxes que poderán verse proximamente dous dos novos espectáculos desta temporada: Puño puñete (8 de abril)e O servidor de dous amos(18 e 19 de maio). A primeira, de Baobab Teatro, é unha peza teatral, musical e visual para espertar os cinco sentidos dos nenos e nenas máis pequenos. O servidor de dous amos, pola súa parte, presenta a revisión a cargo de Talía Teatro dun dos clásicos da commedia dell’arte, escrito por Carlo Goldoni.
A maiores, o público infantil poderá gozar con O secuestro da bibliotecaria (14 de abril), de Sarabela Teatro, ou co espectáculo circense Erori (27 de abril), da compañía Cair Circo. Nas propostas para espectadoras e espectadores adultos, ata finais de maio pasarán pola Coruña Emilia (6 de abril), de Teatro del Barrio, e Desconexión (26 de maio), de Xurxo Cortázar. Completa a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios na Coruña a compañía coreográfica vasca Lasala, que presenta a peza de danza Now (28 de abril).”

A Asociación Galega de Editoras, con stand propio nunha feira internacional

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““O libro galego ten que estar presente, esta (a presenza en Boloña) é unha proba de que somos capaces polos nosos medios de demostrar que o libro galego está vivo e que conta no mercado internacional”. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, entidade que por vez primeira conta cun stand propio nunha feira internacional. Comeza a feira do libro de Boloña na que participan nove empresas galegas. A entrevista pode escoitarse aquí.”