Pilar Sampedro: “Produce emoción entrar nun relato que recupera a memoria silenciada dos perdedores”

Entrevista de Héitor Picallo a Pilar Sampedro en Nós Diario (foto de Arxina):
“A escritora e pedagoga Pilar Sampedro ten elaborado e coordinado varias guías no marco da literatura infantil e xuvenil vinculadas a ámbitos como a igualdade, o medio ambiente, a inclusión e os obxectivos de desenvolvemento sustentábel; todas co obxectivo de demostrar que en galego hai materiais de calidade para o seu tratamento.
– Nós Diario (ND): Por que mergullar na memoria histórica é o propósito da reedición desta guía?
– Pilar Sampedro (PS): Este empeño en elaborar guías de libros infantís en galego de diferentes temáticas responde a unha queixa (ou desculpa) que teño escoitado entre as persoas mediadoras (profesorado, bibliotecarios e bibliotecarias, familias) cando aseguran “disto en galego non hai, ou hai pouco”. Trátase de demostrar que existe produción de calquera tema que se queira buscar, iso si, hai que localizar esas obras, porque existen. De iso se trata, de mostrar a riqueza que hai en galego.
Esta guía de memoria histórica é moi necesaria porque non sempre se trata esta temática nas aulas de Ciencias Sociais ou se fai dun xeito moi distante, mentres que na literatura (igual que noutras artes) a abordaxe é máis próxima, porque se realiza a través dunha historia coa que te identificas e produce emoción ao entrar nun relato que recupera a memoria silenciada dos perdedores que eran os leais á orde democrática, á República. Desde aí podemos entrar na Historia (con maiúsculas) doutra maneira.
– ND: Coméntenos que entidade publica esta obra e cales son os obxectivos dela.
– PS: A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, que é unha asociación que traballa en todos os concellos da península para iluminar esa realidade que foi ocultada e negada, devolvéndolles a dignidade a aqueles que foron inxustamente represaliados a partir do golpe de Estado de 1936, na ditadura franquista e transición. Recoñecemento e reparación da memoria das vítimas. (…)”

Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, é a proposta premiada no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal

O 27 de outubro de 2024, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, dentro da IX Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo; e Roberto Pascual, dramaturgo, docente e investigador; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e recibir as votacións dos grupos participantes, decidiu que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña ao longo de 2025-2026 sexa:

NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, de Carlota Mosquera.

Bases do VIII Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño


“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa. Non se poderán presentar aquelas autoras e autores que tivesen gañado o premio nas tres edicións inmediatamente anteriores.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma e unha figura acreditativos e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 28 de febreiro de 2025.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
8. O XURADO estará conformado por unha persoa do equipo de EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e unha representante da Editorial Galaxia como secretaria con voz e sen voto; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer no mes de maio e a gala de entrega farase nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na semana das Letras galegas, sobre o 17 de maio de 2025.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o/a autor/a deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”

Eva Mejuto: “Este premio pega o meu nome ao de Agustín e iso faime moi feliz”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra:
“”Onde caben catro é, en realidade, o lema que lle puxen á historia para participar no certame. A min gustaríame que o libro se publicase co título As aventuras de Keco e Kika“, explica Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975). A escritora, afincada en Pontevedra, vén de gañar o VIII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, que convocan o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais. O xurado premiou o seu traballo “por poñer en valor os animais de compañía como parte da vida familiar”, porque o humor “ten un papel moi decisivo” e porque está escrita “con dúas voces”, as dos dous cans protagonistas alternadas, o que o converte “nun libro interesante para a educación literaria dos máis pequenos”.
– Diario de Pontevedra (DP): Que historia é a que conta en Onde caben catro?
– Eva Mejuto (EM): A de dous cans que viven en Valdepegas, un barrio moi semellante a un de Pontevedra que se chama Valdecorvos, onde vivo eu e onde pasean os meus cans. Aquí temos a dúas rapazas que son parella e viven neste barrio cun can e cunha gata. O can é un can xa vello que vive moi acomodado na casa, ata que un día chega outra cadela que vén rescatada dunha situación complicada. Entón aquí temos a voz narrativa de Keco, o can vello, que vai contando desde a súa perspectiva o que está pasando na casa, a chegada deste outro animal que lle quita o protagonismo e as ‘chuches’, e a voz narrativa de Kika, a cadela nova, que chega a este novo fogar con toda a enerxía e toda a ilusión. O libro baséase na contraposición destas dúas voces narrativas.
– DP: Vostede ten tamén dous cans, Neko e Mica. Canto deles hai nesta historia?
– EM: Pois a verdade é que case todo é real porque esta historia parte precisamente da vivencia de ter na casa estes dous animais. Evidentemente, as persoas humanizamos os cans, porque forman parte dos nosos vínculos, dos nosos afectos e, ao final, acaban tendo reaccións case de seres humanos. Si, esta historia ten moito que ver coa miña vida, co espazo no que vivo e coa miña familia humana e animal. A maiores, a min aquí había varios temas que me apetecía tratar. Un era o do maltrato animal e como lles afecta ese sufrimento ao seu comportamento. E o outro era o das redes de afectos e as familias diversas. Non é o tema central do libro, pero está aí.
– DP: Que supón recibir un premio co nome de Agustín Fernández Paz?
– EM: Para min é algo moi especial. Eu non lin a Agustín Fernández Paz de nena, porque aínda non tiña escrita a súa obra. Pero despois, xa adulta, en todo o traballo que desenvolvín dende o mundo da edición e como escritora, a súa obra estivo presente. Nun momento dado tiven a oportunidade de coñecelo de preto nunha viaxe á Feira do Libro de La Habana en 2008, cando Galicia foi país convidado. Descubrir a súa maneira de pensar, o profundo respecto que tiña pola rapazada como lectorado e a súa sensibilidade, marcoume moito. Así que, aínda que non o lin cando tocaba, si que me serviu para facerme unha composición do que debía ser a literatura infantil e xuvenil. Aprendín moito del. Un premio sempre é un apoio, sempre é un azo, pero que ademais leve o nome de Agustín faino de verdade especial. Permíteme pegar o meu nome ao seu e isto é algo que me fai moi feliz. E penso que a el tamén lle tería gustado. (…)”

Ferrol: xornada de portas abertas do Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, o 2 de novembro

O Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, impartido por Antón Cortizas Amado e cunha sesión especial con Ricardo Casás e Xurxo Souto, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido e o Concello de Ferrol.

A poesía naceu da oralidade e da socialización, e grazas á tradición hoxe somos quen de cantar do xeito que colectivamente somos. No ano próximo o día das letras galegas estará dedicado á poesía de tradición oral; nós, que tamén somos tradición, sacaremos á luz a melodía e a beleza das palabras que levamos dentro. E farémolo convertendo o noso nome en metáfora e a nosa voz en melodía, e brincaremos coas palabras utilizando a ferramenta das nosas mans e da música que nos mergulla no humilde mar da nosa esencia.

A sesión especial, coa presenza de Richi Casás e Xurxo Souto, terá lugar o sábado 2 de novembro, de 11:00 a 13:30 h. na Biblioteca do Centro Cívico de Canido, en Ferrol (Rúa Poeta Pérez Parallé).

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.