Desde a Real Academia Galega:
“Xosé Neira Vilas, membro da Real Academia de Galicia desde 2001, vén de ser recoñecido coa Medalla de Ouro de Galicia. O creador de Memorias dun neno labrego, obra que leva vendidos máis de 600.000 exemplares na súa versión orixinal en galego, recolleu o venres 24 de xullo a distinción nun acto celebrado en Santiago de Compostela. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Entrevista a Roberto Pascual no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Ante o remate da XXXI Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o seu director, Roberto Pascual, avalía programa e obxectivos. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2015
Na Galería das Letras do Festigal 2015, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o sábado 25 de xullo:
– 16:00 h. Presentación do libro: Guía para o descenso enerxético, Manuel Casal, Véspera de Nada.
– 16:30 h. Presentación dos libros: O bigote de Mimí e Sonetos á Casa de Hortas, de Manuel María, Fundación Manuel María.
– 17:00 h. Presentación do libro A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais.
– 18:00 h. Na Banca de Livros da Através Editora, Helena Miguélez-Carballeira e Valentim Fagim asinarán exemplares das súas obras Galiza, um povo sentimental? e a novidade O galego (im)possível. Ainda mais.
– 19:30 h. Presentación do libro A República das Palavras, de Séchu Sende, publicado por Através Editora.
– 20:00 h. Presentación de Historia de Galicia, de David Pérez, publicado en Edicións do Cumio.
– 20:30 h. Presentación de Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. No acto acompañan ao autor Afonso Ribas e Xavier Vence.
– 21:00 h. Presentación do libro Indecencias e corruptelas, de Manuel Monge, publicado por Corsárias.
– 21:30 h. Presentación do proxecto artístico-literario Libros para Mirar, de Luz Darriba.
Compostela: Romaría dos Libros 2015
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 25 e domingo 26
O domingo 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados nos dous últimos días desta edición:
Sábado 25
– 12:00 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de X. Ricardo Losada, publicado por Xerais, e Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato, publicado por Ézaro, coa participación de Manuel Bragado, Antón Riveiro Coello e Alejandro Miguéns. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 20:30 h. Presentación de A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro, publicado por Galaxia, e de O solpor dos deuses, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños Editora. Coa participación de Manuel Cartea e Adolfo Muíños Sánchez.
Domingo 26
– 12:00 h. Presentación do libro infantil As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro, publicada por Galaxia e de Leandro e os números, de Rocío Pérez Castro. Participarán no acto Francisco Castro, Lidia Brea e Rita Bugallo. Presenta o acto Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo). Na Casa do Concello.
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos por Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
Manuel Portas: “A estrutura literaria galega atópase bastante maltratada”
Entrevista de Óscar Manzano a Manuel Portas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como valora a realización de certames literarios coma este [Premio García Barros]?
– Manuel Portas (MP): A miña valoración é positiva, tanto antes de obter esta distinción como agora. Estes certames son necesarios para facer forte unha estrutura literaria do país que se atopa bastante maltratada. (…)
– LVG: Xa ten publicadas catro obras narrativas, todas diferentes entre s e en Lourenço, xograr realiza unha viraxe á novela lírico-medieval. ¿A que se deben estes cambios de rexistro?
– MP: Creo que a literatura non debe ter limitacións a ningunha época nin a ningún estilo narrativo. Persoalmente, a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é unha personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xurden tanto en Portugal como en Galicia, e desgrana as relacións sociais entre as clases. O protagonista é un xograr que quere ser trobador e atópase co rexeitamento das clases nobres.
– LVG: ¿Como observa a situación da literatura galega?
– MP: Primeiro débese fomentar a literatura, en xeral. Se se estende o goce de ler, despois xa se continuará traballando pola literatura galega. Sen embargo, estase a facer un gran esforzo desde os centros educativos creando actividades para fomentar a lectura. Pero fóra do sistema educativo non hai nada. (…)”
A Coruña: coloquio con François Davo e Tono Galán arredor do libro de artista 4 Voltas
O desexo está na pantalla, videopoema sobre un texto de Carlos Callón
O desexo está na pantalla | Videopoema de Alberte Calo en Vimeo.
Un poema extraído do libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, coa interpretación de Antón Blanco e Miguel Gendre, dirixido por Alberte Calo e Alba Romero.
José Luis Moure: “Francisco Luís Bernárdez é a figura ponte que está a unir as culturas galega e arxentina”
Desde a Real Academia Galega:
“Francisco Luis Bernárdez foi homenaxeado na VII Festa da Palabra, celebrada o pasado 18 de xullo en Esgueva (Madarnás, Carballiño). No acto participaron tanto José Luis Moure como o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen asinan dous capítulos do volume dedicado ao poeta, xornalista e diplomático. Esta monumental biografía colectiva foi deseñada e coordinada polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, quen este mércores acompañou o profesor Moure nunha visita institucional ao Concello do Carballiño. O consistorio inicia así os trámites para declarar o presidente da AAL fillo adoptivo.
(…) – Real Academia Galega (RAG): Como descubriu José Luis Moure a Francisco Luis Bernárdez?
– José Luis Moure (JLM): Foi algo, como as cousas importantes, casual. Un día ocorréuseme retirar da Biblioteca de la Caja Nacional un libro seu. Sabía que era poeta e que se estudaba na secundaria. (…)
– RAG: Que pegada galega coida que quedou nas letras arxetinas? No libro dedicado a Bernárdez, Armando Requeixo sinala que fai falta redescubrir a súa “matria Galicia” para devolvelo “máis grande e plural á súa patria Arxentina”.
– JLM: Se somos obxectivos e non queremos aternos só ao sentimental, a cultura galega está representada maioritariamente por un grupo enorme de inmigrantes con escasa instrución e un grupo moi reducido, coñecido, como sempre pasa cos intelectuais, por outro grupo moi reducido, e do que eu nunca tomei coñecemento. A miña familia non participaba na vida da colectividade nos centros rexionais, eu coñecín o do Carballiño cando xa era profesor da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires e me convidaron a participar nunha actividade. Mantívenme alleo a iso e os ecos chegaron indirectamente, no caso de Bernárdez de maneira moi directa porque era un home de dúas culturas (…). Pero non quero ser inxusto: no Centro Galego de Buenos Aires existía e existe unha moi rica biblioteca, feita seguramente por intelectuais galegos que eu non coñecín (…). O outro foi un contacto lento, que fun adquirindo despois, lendo algunhas cousas de Castelao e, por suposto, as obras de Rosalía de Castro que había na miña casa e que comprara o meu pai. (…)”
Manuel Portas: “O amor segue a ser o nó central do que escribo”
Entrevista a Manuel Portas en Galaxia:
“Onte ao mediodía coñecíase a identidade do gañador do Premio Manuel García Barros que auspicia o Concello da Estrada e que publica a Editorial Galaxia. Manuel Portas, coa súa novela titulada Lourenço Xograr facíase merecente do premio deste ano. Polo outono, a súa obra será publicada na nosa editorial na colección Literaria.
Co gallo do galardón mantivemos unha apresurada (había dez minutos que recibira a chamada do xurado) conversa con el sobre algúns detalles do premio e da novela.
– Galaxia (G): Empezamos con un tópico: que sentiches cando te chamaron do xurado para comunicarche que gañaras o premio?
– Manuel Portas (MP): Ao principio, certo mosqueo, para que negalo, porque vou con certa frecuencia á Estrada e pensei que a chamada era para me comunicar unha multa desas que che poñen co radar. Despois, cando falei co Concelleiro de Cultura –por principio, encargado dunha parcela diferente a das sancións de tráfico– e con Carlos Lema e aínda tamén con Xoán Blanco Valdés, o mosqueo tornouse en ledicia. Que vou dicir, que é un pracer un premio coma este, que vén da man dun xurado tan cualificado como o que valorou nesta edición o García Barros.
– G: Estamos diante dunha novela histórica. Adoita decirse que as novelas deste xénero sirven, tamén, para explicar o noso presente. É o caso da túa?
– MP: Da historia sempre se aprende, obviamente. Mediado o século XIII, no momento álxido da nosa lírica medieval, hai momentos, encrucilladas, que marcaron o noso futuro como país, como nación. A crise política en Portugal, o posicionamento e a deriva da nobreza galega, submisa co poder monárquico, cedendo independencia en favor das coroas orientais, León primeiro, Castela despois, a guerra contra os mouros e a crise económica conseguinte, o poder sinuoso de Roma, as aspiracións de Afonso X ao Sacro Imperio Romano… Todo acabou marcando a deriva do noso país.
Mais por riba de todo, tentei fotografar ao fondo o mundo da escrita, o dos ambientes cortesáns en que se compuña esa literatura, onde política e estética, onde estratos sociais e valor artístico se mesturaban. Aí é onde se engrandece a figura dun simple xograr, Lourenço, que aspirou toda a vida a ser recoñecido como trobador, enfrontándose ao clasismo que lle impedía brillar pola súa valía artística. A primeira vez que souben de Lourenço foi na miña etapa de estudante. Sempre me fascinou a súa perseverancia, a súa ousadía. “Assaz é meu amigo trobador!”, comeza unha cantiga del, nunha autogabanza descarada, nun poema en que a súa amiga louva os méritos literarios que lle negaban ao seu namorado. Lourenço é sensacional, e o tempo en que vive, fascinante.
– G: Sintes que hai diferenzas entre esta novela premiada e o resto da túa obra?
– MP: Creo que o amor segue a ser o nó central do que escribo. O amor á muller, neste caso desde a idealizada óptica platónica da lírica medieval; o amor ás persoas, a ese ser colectivo, o amor ao país, sublime quitaesencia requintada do pobo real. Non é nada orixinal e, xa que logo, pola mesma razón, son moi atrevido. Mais hai outros compoñentes. A xeopolítica, as relacións con Portugal, as grandezas e as miserias do mundo cultural… Vexo na historia un constante remoer no que aínda vivimos inmersos. No que se refire á técnica narrativa, manterei a prudencia respectuosa pola opinión dos e das especialistas e, sobre todo, pola dese receptor anónimo que, a fin de contas, é para quen escribo.”