Paula Merlán: “Cando levo os meus libros ao meu alumnado, danse de conta de que tamén poderían escribir”

Entrevista de Laura Veiga a Paula Merlán en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal foi a idea que a levou a escribir Uxía e o mar?
– Paula Merlán (PM): Adoro o mar. Sempre vou coa miña familia, tanto no inverno como no verán. A raíz dalgunhas noticias que vin na prensa que falaban de persoas que viran o mar por primeira vez sendo xa maiores, ocorréuseme escribir algo similar. Tiña ganas de escribir unha historia que estivese ambientada no mar e iso deume a pista para crear unha arredor da motivación que levaría unha persoa ver o mar e cales serían as súas sensacións ao velo por primeira vez. Claro, para min é algo natural, mais quería pórme na pel das persoas que o viran por primeira vez xa de adultas, aínda que a protagonista é unha nena. Aínda así, creo que reflicte esas sensacións e a motivación de perseguir ese soño.
– ND: Como foi o traballo coa ilustradora, Mónica Fernández (Terteres)?
– PM: Eu fun escribindo o texto inicial e máis adiante foi cando a coñecín na Semana do Libro de Compostela en 2018, cando eu estaba presentando outro libro. Este foi un proxecto que se foi elaborando con tempo e con mimo. Estivemos en contacto en todo momento.
Ela comentábame as ideas que tiña para facer o que sería a primeira mostra da ilustración. Démoslle moitas voltas porque eu tiña escrita unha primeira versión, mais logo decidín cambiar un pouco a historia e isto provocou tamén un cambio no ton da ilustración. Foi un proceso longo, mais tamén moi bonito. Máis adiante foi cando xurdiu a oportunidade de publicar con Xerais e iso para min xa foi un soño feito realidade.
Neste tipo de obras a ilustración é importantísima e o ideal é que as imaxes sexan quen de falar por si mesmas. As ilustracións de Terteres teñen algo de poesía, e aínda que traballamos xuntas nesa primeira mostra, logo foi ela quen lle foi dando forma a todo. (…)”

Concha Blanco: “A miña intención era que os nenos visen que as linguas eran todas iguais”

Entrevista de Sonia Iglesias a Concha Blanco en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario: Tamén trata o galego na escola, como navegan este conflito as crianzas e como axudalos como docente?
– Concha Blanco: A experiencia do galego na escola foi o que me serviu de proxectil de lanzamento para que me vise reflectida de pequena e mo tomase en serio.
Eu estiven estudando en Ferrol, unha cidade cosmopolita, onde había moitísimo militar de fóra. Todo o mundo era castelanfalante. Era inviábel falar galego. Cando volvía a Lires, o primeiro que facía era ser eu e era eu falando na miña lingua. Os meus amiguiños esperaban que chegase falando castelán.
Ao comezar a traballar volvín revivir o problema porque na escola de Dumbría, veu unha nai cun neno que non quería vir á escola e veu ver que facía, porque quería que aprendese a falar. Crin que se refería a algún problema que se podía solucionar con logopedia pero o neno sabe falar o que pa-sa é que fala coma nós e dixen pois hai que facer algo e me puxen a observar os rapaces e redactar contos dos que poñía exercicios partindo dunha lectura en galego.
A miña intención era que os nenos visen que os textos en galego tamén podían estar na escola e que as linguas eran todas iguais porque servían para entendernos. Un compañeiro meu díxome que podiamos aproveitar para potenciar a nosa lingua desde dentro da aula. Enviámolo a Edicións do Castro, e contestáronme que mo publicaban. Así naceu que eu comezase escribir. (…)”

Radio Redondela: “Outro mundo é posible: Andreia Costas”

Entrevista a Andreia Costas en Radio Redondela:
“Con motivo da celebración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, Compostela Diversa recolle unha serie de accións e actividades para facer en Santiago de Compostela. Alí a poeta redondelá Andreia Costas Otero foi galardoada co primeiro premio do IV Certame de Poesía LGBT+ de Avante LGBT+ Compostela. Falamos con ela da peza gañadora Eurídice Dixit, da súa poderosa mensaxe sobre a bisexualidade e de como é “saír do armario literario”. Un exemplo de diversidade no mundo da arte, con moito percorrido e historias que contar.
A argumentación do xurado para concederlle o galardón foi a seguinte: “Polo diálogo entre xéneros, misturando teatro e poesía. E pola revisión dun mito clásico, dende o humor e a forma. Introduce un léxico diverso e orixinal, propoñendo novas palabras híbridas. Demostra un traballo extenso de investigación e de edición do propio documento”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Rosalía Fernández Rial: “Todas escribimos desde o inconsciente”

Entrevista de Ana G. Liste a Rosalía Fernández Rial en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que é unha illa este poemario?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Pois como di Yolanda Castaño no prólogo “todo libro é unha illa”, que é algo que me fascina. Iso no plano metaliterario, no plano da creación é unha illa porque di Bonet que a illa é moi sedutora porque a podemos ver completa, podemos concibila na súa totalidade. E iso teno en común co corpo, un corpo é unha illa e ambos coinciden na orografía e nesas lindes. A min seducíame moito esa idea da plenitude e desa fuxida cara a un lugar que non está vinculado por ningún istmo á terra. Cercadas polo mar, para min viaxar ás illas sempre ten algo de poético.
– P: Sentícheste como unha illa mentres escribías estes poemas?
– RFR: Si, estaba explorando eses límites corporais e mentais. É moi contraditorio, pero síntome moi vinculada ás outras persoas, tanto que ás veces me resulta moi difícil entenderme como individuo fóra da sociedade. Aínda que é necesario autocoñecerse e saber que existen eses límites. Resulta paradoxal, pero na miña etapa de madurez volvín exploralos e pareceume enriquecedor xogar con esta idea. O libro vai dirixido a un ti e logo remata coa tribo, co colectivo, porque esta illa está habitada por todas. Di Chantal Maillard que toda viaxe exterior é unha viaxe interior, gustábame moito pensar na metáfora do eu e do nós; atraíame esa autoexploración do eu para chegar mellor ás demais.
– P: Xogas con esa idea de que saber poñer límites, en ocasións, incluso é bo.
– RFR: Efectivamente. A iso me refiro coa exploración desde a madurez desa linde, que ao final é fantástico abrir e fusionar e convidar; pero tamén o outro. Habitar ese paradoxo paréceme moi humano, ao final vivimos na contradición constante e non hai nada máis coherente que admitir a contradición da existencia. Ademais, esta contradición é moi rica filosoficamente falando.
– P: E non che parece unha contradición á que chegamos habitualmente as mulleres? Que, ao final, somos as que temos que poñer eses límites; ou as que aínda estamos aprendendo a poñelos…
– RFR: Non teño a menor dúbida. De feito, esa construción da que eu falo só se entende desde aí, desde a construción da muller. A illa tamén é unha muller, é unha exploración feminina desde o feminismo, por tratar de explicalo dalgunha forma. Penso que todas as persoas, especialmente da nosa xeración pero das anteriores doutro xeito, tivemos unha evolución máis rápida ou máis esixente de construción desas lindes e dese transvase –outra vez na contradición– do que é ser muller. O que non é, o que non era e o que pode ser. Esa linde trans que é tan importante na nosa era para a construción de todas. Penso que mover os marcos na construción do que é ser muller enriquécenos a todas. (…)”

Tareixa Roca: “É unha homenaxe aos meus anos de bacharelato, e unha reivindicación do tempo libre”

Entrevista a Tareixa Roca en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Veráns de misterio é a súa primeira novela. Resultoulle complexo?
– Tareixa Roca (TR): Eu dedícome un pouco a todo. Son moi dispersa e todo me chama. Aínda que ata agora nunca escribira narrativa, realmente todo ten unha continuidade. É certo que non é o mesmo escribir un ensaio que unha novela, pero tampouco me custou moito máis traballo que outras obras.
– EP: De onde xurdiu a idea?
– TR: Non é unha resposta fácil. Como dicía, doulle a todo, e todo me vale tamén. Esta era unha idea que me levaba moito tempo rondando pola mente, foi madurando pouco a pouco e quería compartila.
– EP: Entón esta obra contén algo especial para vostede. De que trata?
– TR: É unha homenaxe aos meus anos de bacharelato, e unha reivindicación do tempo libre. Ademais, aproveito tamén para conmemorar á miña terra, Guitiriz. Relato os meus últimos anos de instituto a través de mil aventuras e fago fincapé na importancia do tempo libre para a autonomía dos rapaces, por iso se centra no verán, que era a época na que máis vacacións tiñamos os rapaces. (…)”

Ferrín analiza nun novo libro os momentos clave nos que se manipulou a figura de Castelao

Desde La Opinión:
Sempre en Galiza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao está considerada a Biblia do galeguismo. Hoxe, podemos conseguilo sen problemas. Non iremos ao cárcere; non nolo confiscarán; non sufriremos torturas. Mais dende que se publicou en Bos Aires no 1944 ata expirar a ditadura de Franco, portalo podía supoñer acabar entre reixas. A pesar dos riscos, un rapaz de 15 anos chamado Xosé Luís Méndez Ferrín facíase cun exemplar prestado no 1953. Nunca máis prescindiría dos postulados desta catedral de principios. Estes días, chega ás librarías o novo libro de Ferrín, Castelao é noso (Alvarellos Editora) onde expón os momentos cumio nos que se manipulou o legado do histórico galeguista.
Castelao é noso tamén lembra como Ferrín logrou o Sempre en Galiza. Por teléfono, explicaba onte o escritor e exdirector da Real Academia Galega (RAG) o que sentiu ante aquelas páxinas: “Resultoume moi emocionante e incluso perigoso. Era un libro prohibido, ilegal, transmitido de forma clandestina a través de mariñeiros de barcos de liñas regulares que colaboraban na difusión”.
A súa nova obra recompila 13 artigos publicados neste diario entre 2007 e 2020 en No fondo dos espellos. Os textos falan —como sinala no limiar Fernando Ramallo— do “apropiacionismo” da figura de Castelao, “un suxeito político radicalmente republicano, nacionalista federalista, contrario á monarquía” pero que nos últimos anos foi defendido por determinados políticos —Núñez Feijóo, por exemplo— como monárquico. “Castelao era republicano e morreu como tal”, recalcaba onte Ferrín polo teléfono. A continuación, algúns exemplos da usurpación. (…)”

Pontevedra: Obradoiro de creación literaria Correspondencia, impartido por Míriam Ferradáns

O Obradoiro de creación literaria Correspondencia, impartido por Míriam Ferradáns, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

As cartas adoitan ser paisaxes íntimas, ensoñacións demoradas, lugares para un só destinatario, espazos en branco, ausencia de inmediatez, contrarréplica tardía e a posibilidade de explorar os límites permeables entre unha misiva e un poema.
Xogar con esa distancia. Aprender dela. Intentalo.

Actualmente está cuberto o número de prazas dispoñíbeis. Todas as solicitudes que cheguen a partir deste momento incluiranse nunha listaxe de reserva.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro. As prazas asignaranse por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.
– O obradoiro desenvolverase na Aula da Escola de Escritoras-es da AELG (Seminario 7), no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n).

Calendario
– Días: sábados 7, 14 e 21 de setembro; 5 e 26 de outubro; e 2, 16 e 23 de novembro de 2024.
– Horarios: de 11:00 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Ramallosa, Teo: entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo a Carmiña de Soutomaior, o 20 de agosto

O 20 de agosto, ás 12:00 horas, no Parque Avelino Pousa da Urbanización Os Verxeis en Oza (Concello de Teo), organizado pola Irmandade Avelino Pousa Antelo, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos, terá lugar o acto de entrega do Caxato de Avelino a Carmiña de Soutomaior. Na laudatio intervirá tamén Marica Campo. O acto estará presidido e coordenado por Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias “Mero”, Esperanza Lema, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Miro Casabella, Raúl Galego e Xosé Valdi (creador do Caxato). Logo do acto no Parque Avelino Pousa terá lugar un xantar de irmandade no Restaurante María Castaña da Ramallosa (é preciso avisar, antes do 16 de agosto, no teléfono 636032750).