Entrevista
a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Ramón Nicolás sinalaba na súa reseña da obra [Os elefantes de Sokúrov] que na mesma consigue xerar «unha inequívoca vontade de avanzar case sen respirar ata a derradeira liña». ¿Vostede como a definiría?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Como unha novela actual, contemporánea, social, sentimental, intelectual, mesmo psicolóxica. E na mesma medida hai intriga, emocións, relacións e digresións sobre a realidade e os problemas actuais. (…)
– LVG: Unha filla da xeración hippy que anda á pescuda dun descoñecido que a ten engaiolada…
– ARC: A orixe é unha visión interxeracional: os de 50 anos ou máis remataron colocándose ou traballando todos. Os do baby boom tivemos unhas oportunidades que os mozos de agora non teñen. Por outra banda, Janis e Constantino -o escritor da cafetaría- comparten as inquedanzas polo proceso creativo, pola cultura e polas artes, e iso fai que teñan unha afinidade especial. (…)
– LVG: Na obra aparecen moitas referencias cinéfilas, de Tarkovski a Haneke. ¿Por que Os elefantes de Sokúrov?
– ARC: Janis escribe crítica cinematográfica e o cine é o principal tema de conversación, e o que a mantén unida ao seu pai. Elixir a Sokúrov é unha homenaxe clara ao cine máis humanista, xa que o director ten ese punto de conexión e esa carga intelectual que se relaciona cos creadores, cos poetas e cos pintores. Non é o cine de inmediatez, agresivo, violento ou de consumo rápido. As películas de Sokúrov teñen unha densidade filosófica importante, é un cine de pensamento e de expresionismo puro e crean a sensación de contemplar un cadro sucesivo. Son obras para pensar e reflexionar sobre o ser humano e os seus problemas.
– LVG: ¿E os elefantes?
– ARC: É unha metáfora. Os elefantes representan a carga simbólica; están en perigo de extinción, son compasivos e intelixentes e deben enfrontarse ao risco que supón sobrevivir na natureza. A protagonista da novela é culta, unha muller preparada e amante do cine, é debe sobrevivir nunha sociedade que non lle dá as oportunidades que se merece.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego
Desde
Sermos Galiza:
“Esta terza feira 5 de xaneiro fanse 55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, o maior ‘best-seller’ da literatura galega, que ten sido traducido a ducias de linguas.
Tal e como lle dicía o propio Neira Vilas a Sermos nunha entrevista do pasado outubro, “Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns 800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante. Unha señora de Ponteareas tróuxome hai pouco sete exemplares para diferentes nenos”.
Contábanos tamén, orgulloso, que se estaba a traducir nese momento ao xaponés, ao esperanto en Nova York e tamén á lingua aborixe de Cabo Verde por Viviane Furtado, quen nunha entrevista con Sermos afirmaba que “a pesar de que a súa infancia transcorreu no interior galego e a miña nunha illa africana, hai moitas vivencias en que me sinto identificada com el”.
En Galaxia xa vai pola 35ª edición, e subindo. Pero a primeira edición saíu do prelo por vez primeira un 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires da man da editorial Follas Novas. A cuberta orixinal fora deseñada por Luís Seoane e a editora fora creada en 1957 polo propio Neira e a súa muller, Anisia Miranda. Aínda que, tal e como afirma a Academia Galega, “o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro”.”
Entrevista a Érica Esmorís e Andrea Maceiras no Culturgal 2015
Vídeo da presentación na Libraría Cartabón de Vigo de 6 poemas 6 Homenaxe a Federico García Lorca
“Esperanza”, de Celso Emilio Ferreiro, no 104 aniversario do seu nacemento
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O 4 de xaneiro do ano 1912, ás catro da tarde, viña ao mundo Celso Emilio Ferreiro en Celanova. Traio aquí, para celebrar esta data, o seu poema “Esperanza”, impreso no envés da publicación-convite que un grupo de amigos artellaron para despedilo, no Hotel Roma de Ourense, o 15 de maio de 1966 antes de que collese o barco en Vigo para Venezuela. Van cincuenta anos xa desta última homenaxe, que gozou de inescusables dimensións socio-políticas e que cumprirá lembrar ao longo deste ano.”
Tabela dos Libros de xaneiro de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e bota a andar tamén unha nova xeira da Tabela dos Libros, desta volta cunha novidade importante: ao equipo habitual conformado por Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e un servidor únese un outro compañeiro, Mario Regueira, a quen damos a benvida.
Que este 2016 vos traia felicidade e lecturas venturosas!”
Xerardo Quintiá fala de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Xerardo Quintiá fálanos de Fornelos & Fornelos. Segunda Fundación, o libro co que gañou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Unha “xenciana” de Manuel María
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Todos os anos bota a andar este blog cun poema e penso que este ano cómpre facelo cun de Manuel María. Incorporo abaixo, así pois, un poema mecanografado e asinado polo autor que me fixo chegar en marzo do 2000 para formar parte do libro-homenaxe ao poeta trivés Manuel Luís Acuña que se editaría ese mesmo ano en Edicións Xerais.
Pouco despois, en 2004, a revista Xistral incluiría, en forma dun suplemento unha colleita de dez poemas no que este se incluía en primeiro lugar, con algunhas variantes ecdóticas, baixo o título global de “Poemiñas ás xencianas de Cabeza de Manzaneda”, separata que contaba cun prólogo de Xosé Lois García. A xenciana, xanzá ou xenzá -planta que, tras dez anos de espera, dá a súa flor en outono- foi sempre moi apreciada e procurada polo poeta chairego e aquí vincula con Acuña, poeta natural das terras de Trives. Creo que pode ser, o da xanzá, un fermoso símbolo para asociala á memoria de Manuel María, poeta con maiúsculas a quen se debe homenaxear como ben merece este 2016.”
Coñécese a obra gañadora do Premio Arume de Poesía para nenos 2015
Desde
a Fundación Xosé Neira Vilas:
“Na tarde do venres 18 do mes de nadal de 2015, na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, reuniuse o xurado do Premio Arume de Poesía para nenos ó obxecto de fallar a súa oitava edición. O xurado, composto por: Juan Andrés Fernández Castro (presidente), Luís Reimóndez Fernández e Rosalía Morlán Vieites -que actuou á súa vez como secretaria-, destacou a cantidade e calidade dos traballos recibidos, entre os que resultou elixido por unanimidade o poemario titulado Soños de nenos que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da autoría de Mónica Inés Varela Gestoso.
O xurado apreciou neste poemario, de versificación áxil e luminosas imaxes, todo un mundo de elementos tenros e marabillosos, tecidos por unha persoa que denota un perfecto coñecemento da alma infantil. A súa lectura pode facilitar un primeiro contacto coa lírica e ofrecer ós mestres un valioso recurso educativo.
A entrega do premio terá lugar o mes de xaneiro en data por determinar que será comunicada oportunamente.
Esta demora débese á luctuosa circunstancia (de xeral coñecemento) pola que atravesa esta Fundación.
A Fundación Xosé Neira Vilas quera aproveitar este comunicado para agradecer todas as mostras de adhesión e condolencia recibidas nestes días.
Gres, Vila de Cruces, 18 de decembro de 2015″
A Casa de Rosalía disponibiliza o seu arquivo informatizado
Desde
Sermos Galiza:
“A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta.
Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar “un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza”.
Así, “calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos”, acrecentan.
Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia, na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana… e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade.
Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa.
Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía.”


