Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Montse Pena, crítica de Literatura infantil e xuvenil
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Montse Pena Presas, onde presenta os títulos que tiveron máis éxito entre o público galego. Pode escoitarse completa aquí.”
María Solar presenta Teño uns pés perfectos
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O novo libro de María Solar, Teño uns pés perfectos, fálanos dunha das partes máis descoñecidas do corpo. A entrevista completa pode verse aquí.”
Vilalba: recital poético e presentación de obras de Xoán Xosé Fernández Abella
O
2 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase Poemas de amor, loanza, condena e outros e Guardad mi voz, de Xoán Xosé Fernández Abella. No acto, presentado por Mario Paz González, recitarán, xunto ao autor, Pilar Sampedro e Xulio Xiz. Ao mesmo tempo, preséntase unha exposición pictórica de Baldo Ramos, quen recitará algúns poemas de Xoán Xosé Fernández Abella, e cantarán cadanseu poema deste autor Miro Casabella e Manoele de Felisa.
Bases do XIX Concurso de Poesía Concello de Carral
Entrevista a Antón Patiño no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Novo poemario de Antón Patiño: Teoría do riso preséntase en Vigo. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Lara Dopazo gaña o I Premio Literario Nortear con Clamentina
Desde
a Consellería de Cultura:
“A obra Clamentina, de Lara Dopazo Ruibal, fíxose coa primeira edición do premio literario Nortear, un certame promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) que ten como principal obxectivo incentivar a creatividade da mocidade escritora de Galicia e do norte do país veciño.
O xurado, constituído pola directora da AECT, Maria Geraldes, que participou como presidenta; polos escritores galegos Ledicia Costas e Carlos Arias; e polo editor executivo de Edita-me Editora, Carlos Lopes, destacou a beleza da historia, a través do uso marcadamente literario e persoal da linguaxe, do dominio seguro e orixinal da técnica narrativa e do ritmo da obra, acompañado de dimensión lírica.
Xunto con este premio, dotado con 2.000 euros, o xurado tamén decidiu concederlle unha mención de honra pola súa calidade á obra Coração cheio de nada, da autoría de João Maria Cardoso.
Un total de 60 traballos concorreron á primeira edición deste certame, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, nacidos ou empadroados na rexión norte de Portugal ou en Galicia, con obras literarias orixinais e inéditas escritas en lingua galega ou portuguesa, que se encadren no xénero narrativo, no subxénero do conto. (…)”
Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira
Desde
Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”
Entrevista a Ledicia Costas
Entrevista
a Ledicia Costas na Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como levas adiante o processo de criação literária?
– Ledicia Costas (LC): Son moi instintiva. Parto dunha idea moi xeral e imprecisa que vai collendo forma a medida que escribo. Nunca conto cun plan inicial, aposto pola liberdade. Deixo que os personaxes configuren a súa personalidade devagar, ao ritmo da historia. Paso moitas horas diante do ordenador, dedicándome só a pensar. Escribo a medida que penso. E case nunca volvo atrás, sempre vou cara adiante. A trama vai encaixando como por arte de maxia a forza de escribir e pensar, pensar e escribir. (…)
– P: Como ves a literatura galega nestes momentos?
– LC: Esta pregunta é difícil de contestar. Intentando sintentizar a resposta, por un lado coido que estamos nun momento de eclosión, onde non deixan de agromar novas voces que irrompen con forza. Iso é fantástico porque garante o futuro da nosa literatura, polo menos a medio prazo. Mais existe unha especie de pesimismo histórico que pesa demasiado. Arrastramos desde moi atrás un discurso negativo que coido que cómpre transformar para empezar a construír en positivo. Creo que é necesario tomar conciencia de que en galego tamén podemos voar e chegar lonxe. E, malia as dificultades engadidas que ten escribir nunha lingua minorizada como a nosa, o esforzo paga moito a pena.
– P: Fala-nos da revista Criaturas…
– LC: Criaturas naceu coa vontade de ser unha publicación especializada en literatura infantil e xuvenil. Un tellado baixo o que abeirar a escritoras, ilustradores, críticas, libreiros, bibliotecarias… e a todos aqueles axentes e persoas que traballan a prol da LIX. Falando con Daniel Landesa, de quen partiu a idea inicial e que botou a andar toda a web e a parte visual do proxecto, e tamén con Montse Pena, crítica especializada en literatura infantil e xuvenil, chegamos á conclusión de que era necesario crear unha ferramenta centrada na LIX, que puidese ser de utilidade a docentes, bibliotecarias, etc., ademais de contribuír a visibilizar a todas as persoas que traballan neste eido. Ao longo deste mes de decembro sairá un especial de nadal que vén cun suplemento que pretende ser un agasallo literario. E a primeiros de abril de 2016 lanzaremos un especial dedicado ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Criaturas débelle todo ás persoas que, de xeito totalmente desinteresado, colaboran en cada número e tamén no material que achegamos á web.
– P: Que perspectiva tens sobre a língua galega -a sua situação, a sua vinculação com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia), etc.-?
– LC: Somos unha resistencia. Como país e como cultura. E cústanos poñernos de acordo. Ás veces semella que se nos esquece que sumar é positivo. Xeograficamente estamos moi preto de Portugal. Mais eu, ás veces teño a sensación de que estamos moi lonxe. Ignoro cal é a vía para acurtar distancias. Talvez deberíamos empezar polo máis básico: polo respecto mutuo. (…)”

