O
martes 24 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Lustres Rivas (Rúa Lustres Rivas, 20) de Ribeira, preséntase Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, publicado por Galaxia, nun acto onde Armando Requeixo falará sobre o autor chairego, acompañado por Arturo Ponte.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: presentación do libro CaRa inversa, de Xosé María Álvarez Cáccamo e Baldo Ramos
Xogos de rol no Pico Sacro dentro do Proxecto Dragal
Vigo: presentación de Sangue 12, de Cris Pavón
Ledicia Costas, Premio Merlín de Literatura Infantil
Cambados: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández
Gondomar: A Fogueira dos Versos, de Espazo Lectura
A
noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo con A Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo cultural que este ano correrá a cargo de Luís Correa “Caruncho”, quen, acompañado da súa zanfona, interpretará un repertorio de música tradicional.
A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida.
O escritor na súa terra: Xabier DoCampo. Castro Ribeiras de Lea, 2014, o sábado 21 de xuño
A
Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XX edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xabier P. DoCampo, que será homenaxeado en Castro de Ribeiras de Lea, terra onde se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha cerdeira elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida da Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea e o Mercado de gando.
A AELG conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, da Consellaría de Cultura, do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e do Concello de Castro de Rei.
PROGRAMA DE ACTOS
– 11:30 h. Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (Avenida da Terra Cha, 17).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da cerdeira (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
•Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Mario Outeiro, Deputado delegado de Cultura da Deputación Provincial de Lugo
•Francisco Xosé Fernández Montes, Alcalde de Rábade.
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
•Xabier P. DoCampo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado á avenida (Avda. Xabier P. DoCampo).
Acto de entrega da “Letra E” (Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea).
Interveñen:
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
•Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
•Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
•Agustín Fernández Paz: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xabier P. DoCampo.
– 14:00 h. Xantar de confraternidade. Restaurante Río Lea (Avenida da Terra Cha, 54).
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Castro de Rei e demais persoas interesadas. É preciso confirmar asistencia, até o 17 de xuño –inclusive–, en oficina@aelg.org ou 981 133 233, de luns a venres, de 09:00 a 14:30 h. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que faga a súa reserva canto antes.
Dores Tembrás: “O silencio permite que a palabra se escoite, se lea, se diga”
Entrevista
a Dores Tembrás en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Na poesía, ao igual que na música, o silencio é tamén parte esencial. Que papel xoga para ti o silencio nos teus poemas?
– Dores Tembrás (DT): O silencio é chave fundamental para min, como lectora e tamén como escritora. O silencio como orixe da palabra, un silencio activo, promesa. O que permite que a palabra se escoite, se lea, se diga. Como di Valente o poema conteno como material natural. Ouvir no poema, antes que a súa palabra, o seu silencio.
– VNC: Que significa para ti levar o Premio de Poesía do Concello de Carral por Cronoloxía da urxencia?
– DT: A concesión do premio foi un verdadeiro agasallo. Pero fun moi consciente de que tamén era unha lotería. Sentínme moi afortunada e feliz pola obra. Por saber que se publicaría en Espiral Maior. E no concello miman moito o certame, foi un pracer estar en contacto con todo o equipo de cultura.
– VNC: Por que ese título?
– DT: É un verso incluido nun dos textos que abre o poemario. Reunía todo o que me interesaba: presentar o libro ao lector de forma directa e breve, falarlle dos tempos da urxencia sen desvelar de máis. (…)”
Parlamento das Letras: Cesáreo Sánchez Iglesias
Entrevista
de Armando Requeixo a Cesáreo Sánchez Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Cesáreo Sánchez (CS): Tentei habitar a poesía con distintas poéticas. Un poeta non ten só unha poética, pois escribir poesía é pensar as emocións musicalmente. Unha delas é o dialogar coa natureza coma ser humano, coa natureza que é antes de ser vivida polo home. Outra é a poética da historia que o home de xeito colectivo, que non anónimo, creou en territorios concretos humanizándoos culturalmente e que así se volveron míticos. A Ribeira Sacra, a Costa da Morte, os Camiños a Compostela. E a poética do amor que atravesa todas. E quizais algunha da que non son consciente, ademais dos poemarios que xeran as miñas viaxes e que son froito dunha aprendizaxe da soidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CS: Creo que lle falta o recoñecemento social do papel que ten na construción da nosa identidade coma pobo, de depositario da alma colectiva, da patria. Creo que ten un grao de normalidade que é superior á normalidade cultural ou social do propio país. A nosa literatura sempre estivo atenta ao devir da historia, en cada tempo de noso. Sobrar sóbranlle os que non as aman, que nos di Bernardino, os que impiden a normalidade do noso idioma e en consecuencia da nosa literatura. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Ten a rica tensión creadora de todo momento en crise. A calidade da escrita do noso idioma mellorou moitísimo. Os novos e novas escritoras tan brillantes son o relevo xeracional que xa chegou. Queimáronse etapas necesarias en moi pouco tempo. Todo isto acontece cando a nosa industria editorial está a ser afogada e está baixo mínimos, o noso teatro, que dá a altísima calidade cultural da nosa sociedade, está a ser pouco a pouco extenuado, o noso idioma está a perder a transmisión aos máis nenos.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– CS: Como continuación da pregunta anterior, e dígoo desde a convicción, a nosa literatura será máis forte que os que non a aman, e volvo a Bernardino. Unha nación que ten unha cultura milenaria, con raíces tan fondas, sobrevivirá aos que a negan, sobreporémonos a este tempo tan difícil.”


