O
Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPI Conde de Fenosa, de Ares, do seguinte xeito:
“O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía co gallo da conmemoración do seu nacemento e para lembrar a súa obra,os alumnos e alumnas de primaria realizaron unha lectura dos seus poemas. Aquí tedes o magnífico resultado. Tamén realizaron un precioso mural que decora o corredor das aulas.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Convocada a XXVI Edición do Premio de novela Manuel García Barros
Cuestionario Proust: Henrique Monteagudo
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Monteagudo:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Optimismo da vontade, pesimismo da razón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Intelixencia e honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión e apoio.
4.– A súa principal eiva?
– Precipitación.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A realización plena.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda da miña dona ou dunha filla.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– País, neste que vivo. Cidade: Nova York.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as do mar, desde o azul opaco ata o verde cristalino.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A dos chuchameles.
12.– O paxaro que prefire?
– O mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
– Borges, Poe, Saramago, Cunqueiro, Martín Sarmiento.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Fernando Pessoa.
15.– Un libro?
– Os camiños da vida.
16.– Un heroe de ficción?
– Éitor.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
– Son moi ecléctico: desde a medieval e a clásica ata o jazz e o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Giorgio de Chirico, Magritte, Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malala Yousafzai.
21.– O seu nome favorito?
– Durandal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A pesadez e a mala educación.
23.– O que máis odia?
– O ruído.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia británica contra a ofensiva nazi en 1940-42.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A morte non me preocupa moito, preocúpame moito máis a doenza.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tornadizo, tendendo a ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula e a lascivia.
30.– Un lema na súa vida?
– Hinc et nunc, que é o reverso complementario de Tempus fugit.”
Vídeos sobre Luísa Villalta e Xela Arias, realizados por Illa Bufarda
O mércores 26 de marzo proxectouse no Consello da Cultura Galega un vídeo arredor da figura de Luísa Villalta no marco da Xornada: Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século. Pódese ver a peza audiovisual aquí.
Música e poesía en Luísa Villalta from Illa Bufarda on Vimeo.
Para esta ocasión, Illa Bufarda realizou outro vídeo arredor de Xela Arias e a súa faceta de tradutora:
Radiocrítica do 17-03-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (I: 00:37); o poemario Paisaxes de pan, de Ánxela Gracián (I: 4:45); o catálogo de fotos Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica (I: 9:24 e II: 0:00) e o libro de viaxes de autor Novos pasos por Bretaña, de Pemón Bouzas (II: 3:20).”
A Coruña: presentación de Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvarado
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXII)
O
Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Pintor Colmeiro, de Silleda, do seguinte xeito:
“Nós reinventamos a chamada da AELG e Bernardo e as súas mozas de plástica pasaron horas de frío tecendo este mural. A intervención foi realizada nun muro que nos ofreceu o Concello, no patio da Casa da Cultura de Silleda. Non deixedes de visitalo!”
Santiago: presentación de Maternosofía, de Inma López Silva
O
martes 1 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Maternosofía, de Inma López Silva, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Malós Cabrera e Francisco Castro.
María Reimóndez: “As alternativas están aquí mais é preciso darlles visibilidade”
Entrevista
de Carme Vidal a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu ensaio [A alternativa está aquí] parte dunha crítica da que define como cooperación que opera coa caridade. Trátase aínda dun modelo imperante?
– María Reimóndez (MR): As ONGs son produto dunha sociedade que construíu certas estruturas que beben da lóxica dominante, herdeira da caridade cristiá e da colonización. Calquera persoa que se achegase a ese mundo tanto hai vinte anos coma hoxe o primeiro que atopaba era este sistema de cooperación que chegaba á cidadanía mediante potentes mecanismos de mercadotecnia. As persoas que tiñan inquedanzas eran os primeiros espazos que atopaban. Esa foi unha das razóns da creación de Implicadas no Desenvolvemento, crear novos espazos que son minoritarios no sector, tamén polo apoio social que teñen. O número de persoas que contribúen con asociacións que traballan desde a caridade é inmenso comparado coas que o fan con entidades críticas. O traballo que desenvolven as organizacións hexemónicas é mesmo contraproducente, reafirma os conceptos nos que se basea a pobreza e son organizacións que operan na superficialidade, nas intervencións e nas mensaxes. Seguen o impulso da caridade e non van ás raíces dos problemas, que están sobre todo no imaxinario. (…)
– SG: A alternativa está aquí chega ás librarías pouco despois de publicar tres libros de poesía, Presente continuo, Moda galega reloaded -revisión do publicado en 2002- e Cousiñas. A poesía responde ás mesmas preocupacións que o ensaio?
– MR: Dáse unha continuidade. Os temas que me interesan ou me conmoven son os mesmos cando escribo ensaio, narrativa ou poesía. A crítica patriarcal ecoa ás veces sobre a miña escrita e a doutras autoras feministas que facemos narrativa moi ensaística mais eu creo que é ao revés, que no meu caso e no doutras moitas autoras empregamos as capacidades como autoras de ficción para o ensaio e a min persoalmente interésanme que os libros de pensamento en calquera formato teñan a capacidades de chegar polo entretemento, polo lúdico ou polas emocións, que son tan humanas como a suposta razón. A poesía é un vínculo excepcional entre persoas porque crea comunidades de consensos afectivos arredor dos textos. É un espazo de encontro que vive tamén na oralidade. Na alternativa poderían estar incluídos tamén recitais e actos literarios que se realizan en moitos lugares. A poesía é tamén unha maneira de reflexionar e de chegar ás emocións novamente, niso tamén é moi feminista. Permite chegar a persoas moi diversas e provocar pensamento, que é o que me interesa da escrita. (…)”
A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo
O
martes 1 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.




