Entrevista
a Ramón Caride en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como foi a experiencia [O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas]?
– Ramón Caride (RC): Pois a verdade é que me gustou. Pasáronme o material que tiñan, as curtametraxes de animación e os pequenos anuncios feitos co persoaxe real e eu intentei recoller o espírito de todo ese traballo e crear unha aventura sinxela e ao mesmo tempo interesante de ler. Tamén me atraía o feito de poder ubicar a historia no casco vello, que me parece que é bastante descoñecido, e achegarlle aos pequenos o Ourense monumental e ao mesmo tempo facer unha pequena guía das zonas termais. Motivados polo libro xa estiven con rapaces de Muros e Bertamiráns que organizaron excursións para coñecer a cidade, cousa que me comprace.
– LVG: ¿Non limita o espírito do creador o traballar con tantos elementos predefinidos?
– RC: Pois por un lado si, pero por outro tamén adiantas traballo. Xa sabes que personaxes hai e o que se trata é de afondar neles. Variei algo a historia orixinal do heroe, que no libro non é un elemento independente, senón que aparece como resultado da confabulación dos catro nenos. Facer o libro foi moi divertido, incluso sóubome a pouco. Chegou un momento que me din conta que xa me pasara de páxinas. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: recital colectivo poético e audiovisual
Manuscritos: Antón Avilés de Taramancos
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XVIII)
O
Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES San Paio de Tui do seguinte xeito:
“Lectura continuada de poemas, intervención artística perfilando o rostro de Rosalía a partir da escritura dos seus versos e ambientación músico-poética a partir dunha pequena lista de reprodución de vídeos. Todas estas accións desenvolvéronse na entrada principal do centro e contaron coa participación e asistencia de numerosos membros da comunidade educativa.”
Xavier Alcalá: “Os galegos apoiaron a revolución contra Batista por razóns ideolóxicas e prácticas”
Entrevista
de Montse Dopico a Xavier Alcalá en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A base da novela [Verde oliva] son as lembranzas e a documentación de Juana Maseda. Que outras fontes e arquivos che axudaron a reconstruír a memoria dos galegos que viviron a ditadura de Batista?
– Xavier Alcalá (XA): Enfronteime ás memorias dunha axente secreta, membro dunha organización que non deixaba nada por escrito; aínda máis, que tiña por sistema memorizar anacos de información para que non puidese revelala enteira nin baixo tortura… Nun caso así non che queda outra que confiares na memoria do informante (e na súa vontade de contar o que foi certo). Ora, contrastei moita documentación: libros sobre a revolución contra Batista, e a revista Bohemia, que apoiou a revolución e é unha fonte veraz, sobre todo polo material gráfico que ofrece. Tamén falei con persoas que pasaron o período da revolución en Cuba e lembran os feitos vistos desde fóra. Houbo moito galego –miles deles– metidos na loita, outros que a apoiaron, e outros que non foron alleos ao que pasou. Escoitei moita xente, algunha notoria, como don Manuel Fraga.
– MD: Precisamente a memoria, -como na triloxía sobre os evanxelistas-, e a emigración -en todos os teus outros libros sobre os galegos en América-, son dous alicerces fundamentais de toda a túa obra. Quixeches narrar aspectos da emigración galega menos coñecidos? -Como a participación na colonización de América-.
– XA: Eu crieime entre “cubanos” e “arxentinos”, e non podemos esquecer que son un inmigrante (castelán) a un país de emigrantes (Galicia) casado cunha inmigrante dun país de inmigrantes (Arxentina). O “non ser destes pagos” é unha constante na miña vida; e, despois, a profesión fíxome andar polas Américas e por Europa, e así fun descubrindo miles de vidas de emigrantes galegos, e clasificándoas: as dos que fixeron “o normal” e as de suxeitos extraordinarios. Por exemplo, falando coa avoa da miña muller en Buenos Aires, e con Eduardo Blanco-Amor en Ourense, descubrín que “el basco Santamarina” (apelido que me cheiraba a galego) era un fidalgo galego conquistador das pampas, con historia tráxica; ou outro exemplo: un velliño de Río Gallegos contoume que “el gallego Soto”, xefe da maior revolución obreira anarquista da Historia, a dos anos 20 na Patagonia, era “galego de verdade, de Ferrol”. Certo: Xaime Bello conseguiume a súa partida de nacemento, e con ela fixemos aos historiadores esclarecer un punto nunca coñecido de semellante personaxe. (…)”
Elena Gallego no Rio de Janeiro. Entrevista
Entrevista
a Elena Gallego en Quilombo Noroeste:
“(…) – Quilombo Noroeste (QN): – Antes de nada, que tal a túa estadía polo Brasil e no Río de Janeiro?
– Elena Gallego (EG): Foi unha grande experiencia, curta pero moi intensa, cunha axenda ateigada de compromisos. Na miña visita ao Río tiven oportunidade de entrevistarme con editores cariocas cos que xa contactara dende Galicia, e que están interesados na miña obra literaria. Pero o principal obxectivo da viaxe era participar coa miña saga Dragal no XI EIDE, Encontro Internacional de Escritoras promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil. Celebrouse do 13 ao 17 de marzo na capital federal, Brasília, reunindo a escritoras, xornalistas, editores e formadores de opinión de varios países. Este foi un fantástico foro para facer novas amizades e contactos aos que dar a coñecer os meus libros. Agora, coa semente botada, agardo que a maxia do dragón galego non tarde en prender nesa outra beira do Atlántico.
– QN: Comezamos con Dragal. Sétima edición en catro anos de A herdanza do dragón; traducións asinadas en catalán, castelán e inglés; videoxogo e serie de televisión de camiño… Sentes vertixe?
– EG: Se me deteño a reflexionar, si, e coido que non é para menos. Ademais das traducións xa comprometidas e das que poidan xurdir trala miña visita ao Brasil, Dragal tamén está en mans dunha importante editora francesa, conta con aliados en Italia e Portugal, o proxecto audiovisual será presentado na próxima MICSUR que se celebra na Arxentina… Por sorte, dende os últimos meses estou tan ocupada en acompañar os meus libros polo mundo adiante que non teño tempo de pensar no alcance que pode acadar a saga se continuamos con esta progresión. Ás veces teño a sensación de formar parte dun soño, porque estas cousas non acontecen na “vida real”. Cando escribín a primeira novela, para o meu fillo, nin sequera podía imaxinala publicada. E xa ves… (…)
– QN: – Necesitaba a mocidade un Dragal na literatura galega para se prender dela?
– EG: Os libros que lemos de cativos e durante a mocidade son os que marcan a nosa vida, os que nos enganchan á lectura ou nos frustran para sempre. Nesa opinión coincido con grandes autores galegos como Fina Casalderrey ou Agustín Fernández Paz. Nese senso, a combinación que Dragal fai de fantasía, historia e realidade conseguiu engaiolar milleiros de rapaces que devecían por unha historia así. Salvando as distancias, un fenómeno semellante ao que xerou J. K. Rowling co seu Harry Potter. Cando xurdiu Dragal, esta obra foi pioneira en Galicia (trátase da primeira triloxía fantástica creada en lingua galega, non o esquezamos). Hoxe xa hai novos escritores e editoras traballando nesta liña de ficción fantástica, con grande acollida por parte da mocidade. Isto é unha boa noticia para a literatura galega, que vive un momento creativo excepcional. E tamén para os novos lectores. (…)”
Cuestionario Proust: Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Henrique Rivadulla Corcón:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Actuar con xustiza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A sinceridade e a fidelidade.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita de poesía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sempre sen medo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte da muller coa que comparto a vida.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dedicarme unicamente a escribir.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, pero se hai que dicir un distinto a onde se vive, Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hortensia.
12.– O paxaro que prefire?
– O mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
-. J. R. R. Tolkien
14.– E na poesía?
– Uxío Novoneyra.
15.– Un libro?
– Os Eidos.
16.– Un heroe de ficción?
– Sam Gamlli (Compañeiro de Fodro Bulseiro n´O señor dos aneis).
17.– Unha heroína?
– Frolinda (personaxe principal da lenda “A Buserana” de Muxía).
18.– A súa música favorita?
– O jazz e as músicas étnicas.
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Pepita Carrer (percebeira de Muxía, xa maior e que foi aos percebes dende moi nena).
21.– O seu nome favorito?
– Henrique.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O comportamente inxusto.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– As revoltas irmandiñas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A elegancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sendo moi consciente de que estou morrendo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un optimismo prudente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Sexamos lóxicos e busquemos o imposible.”
Lugo: exposición sobre o booktrailer de As meigas de Lupa de María Solar
Desde
Xerais:
As meigas de Lupa de María Solar xa ten exposición, trátase do traballo realizado por La Cosa Gráfica entorno ao libro editado por Xerais. A exposición recolle o making of do audiovisual elaborado a través dunha técnica novidosa que recupera a esencia do teatro de sombras e das técnicas de edición dos libros pop-up con despregables. Cinco proscenios amosan o labor desenvolto para facer o audiovisual, mesturando imaxes de actores reais insertados en escenarios miniaturizados recortados en papel, dando un fermoso resultado de sombra e movemento que se pode ver no audiovisual proxectado na sala. (…) A exposición pode verse ata o 6 de abril no Museo Interactivo de Historia de Lugo no Parque da Milagrosa.”
Compostela: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal
O
mércores 26 de marzo, ás 20:00 horas, no Restaurante Grândola de Santiago de Compostela (Rúa Cardeal Payá, ao lado da Praza de Mazarelos), terá lugar un encontro arredor do libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas.
Parlamento das Letras: Manuel Darriba
Entrevista
de Armando Requeixo a Manuel Darriba no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Darriba (MD): Máis risco de investigación e experimentación, ambición artística, autocrítica feroz, inconformismo, traballar máis as obras. Sobrar, pois non o sei… Os complexos e a reiteración de fórmulas caducas. Daría a mesma resposta en relación á literatura española. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MD: Supoño que a pregunta se refire a Galicia. Do artístico xa dei algunha nota nas respostas anteriores, así que vou facer unha consideración socioeconómica: creo que non debemos resignarnos a facer literatura para a propia parroquia, nin considerar que o que facemos é unha parte máis do “Proxecto Galicia”. Somos escritores, artistas, cunha cosmovisión de noso e con todas as potencialidades para ser universais. Axudaría bastante que todas as partes implicadas arredor da industria do libro consideren algún día que a literatura galega pode/debe saír do recuncho, romper o teito de cristal do mercado literario español (que parece unha peaxe de paso obrigada, non entendo ben por que) e saír ao ancho mundo.”

