O
martes 15 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Pérez Parallé de Fene (Casa da Cultura-Museo do Humor), preséntase Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, publicado por Xerais, e que obtivo o XXX Premio Blanco Amor de novela. No acto, coorganizado pola editora e o Concello de Fene, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Manuel Veiga: “O bo escritor é aquel que, como o bo cociñeiro, sabe mesturar o conxunto nas doses adecuadas”
Entrevista
a Manuel Veiga en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TlO): Presenta na Livraría Torga a novela titulada: Os xornalístas utópicos. Que nos pode contar desta obra -en canto ao seu argumento, personaxes…-?
– Manuel Veiga (MV): É un libro que comeza en 1977, coincidindo coas primeiras eleccións democráticas e remata no 2007-2008, ao pe da crise. Ten diversos escenarios: Madrid, Vigo, Monforte, un pequeno concello de Ourense, San Francisco, Porto. E ten un personaxe central, Obdulio Somoza, que é xornalista. Pódese dicir que se trata dunha autobiografía cunha parte imaxinada, incluso se podería dicir que é a memoria dunha xeración, e, por último, é unha sorte de historia dos últimos trinta anos. Isto último quizais resulta moi oportuno agora que parece que a crise nos está facendo entrar nunha nova fase. (…)
– TlO: Ademais de escritor, vostede é tamén xornalista. Aplica tamén este concepto ao seu traballo e/ou maneira de ver o mundo?
– MV: A túa profesión sempre determina en gran medida a túa forma de ser e de pensar, queiras ou non. Tamén son sociólogo de formación e iso tamén inflúe. Aínda que quixese disimulalo non podería. A novela, trate do que trate, sempre deixa transparentar o carácter e a formación do autor. É algo parecido a un confesionario. O xornalista é un observador e o novelista necesita observar moito, aínda que non tanto en extensión como en profundidade. Tamén é importante a claridade á hora de escribir. O xornalista necesita ser claro e preciso. Eu cando escribo novelas tamén procuro ser claro e preciso e penso que o lector o agradece. A literatura é a arte do concreto. Se te pos abstracto fas filosofía e ademais corres o risco de aburrir. (…)”
Luís Rei Núñez, Días que non foron
Agustín Fernández Paz volve ser candidato aos premios Astrid Lindgren
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Por un chío do propio Agustín Fernández Paz coñezo a ilusionante noticia de que volve ser candidato ao prestixioso galardón Astrid Lindgren. Son moitos os candidatos pero que bo e xusto sería que a concesión recaese na globalidade desa obra literaria tan extensa e talentosa. Moita sorte!”
Vila Nova de Cerveira: recital de poesía galega e música
Bases do VII Premio Arume de poesía para nenos
Parlamento das Letras: Rebeca Baceiredo
Entrevista
de Armando Requeixo a Rebeca Baceiredo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rebeca Baceiredo (RB): A resposta que podo dar é pura impresión… Coido que, a pesar do claro ataque contracultural por parte de institucións fascistas (e entendo por fascismo, simplificando, a anulación da diferenza), nalgúns casos estase a conseguir unha relación coa linguaxe cada vez máis elegante, por profunda e libre. Ben, isto é algo que me interesa a min, concretamente, nada máis.
O que penso que sobran son egos, en xeral, en todos lados, dentro e fóra, da literatura e de nós mesmxs. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RB: Do presente literario galego penso (o mesmo que da dimensión cultural xeral): os circuítos de poder (dende fóra, coas seleccións editoriais mimetizando as pautas do centro do sistema; dende dentro, cos propios micropoderes) asolagan a creación de formas-contidos que xeran, de verdade, diferenza. Por unha banda, no que sería a dimensión artística, entendo que esa apertura a novos terreos é o seu cometido; e en tanto que cultura, como acervo de instrumentos conceptuais, tampouco se ten que quedar nesa recompilación, senón que terían que ser empregados, estes instrumentos, para crear outras cousas, para seguir camiñando.”
A cantar os Cantares
Desde
Cultura Galega:
“O 150 aniversario de Cantares Gallegos está a deixar un ronsel inédito de novidades discográficas. Músicos de diversos estilos réndenlle homenaxe a Rosalía de Castro a reinterpretar os seus versos. Desde cancións para nenos ata o rock, as referencias multiplícanse e amosan o orixinalidade dos músicos do país. Repasamos estes lanzamentos nunha serie de dúas reportaxes.
É ben certo que unha obra fundacional para as letras galegas como é Cantares Gallegos só cumpre 150 anos unha vez. No entanto, e aínda que pode ter influído, este aniversario non explica por si só a proliferación de versións musicais da poeta. O interese editorial nunhas hipotéticas boas vendas apóiase nun público que semella ter interese na música en galego e nos seus intérpretes. Canda a isto, cómpren tamén músicos dispostos a lle meter man a uns versos moitas veces xa cantados e tentar achegar algo novo. Deste xeito, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, recoñece a pegada dos editores e dos axentes culturais nesta xeira de lanzamentos, pero insíreos tamén nun maior interese xeral da sociedade pola autora. “A conmemoración de Cantares foi decisiva. Toda a sociedade, aínda que xa o estaba a facer, puxo de novo os ollos sobre Rosalía con máis intensidade. Fixérono por exemplo desde a creación literaria, pero de xeito especial, a creación musical voltouse con Rosalía”. (…)”
Participación galega na Feira do Libro de Frankfurt
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“Brasil desembarca fachendoso en Fránkfurt, sabendo que protagoniza a feira do libro máis importante do mundo nun intre fundamental da súa historia, anos de recuperación identitaria, revolucións sociais, economía emerxente e moito, moito bagaxe de traballo intelixente para ser e estar no mundo. Máis de sete mil stands e 170.000 profesionais están acreditados na Feira do Libro de Fránkfurt do ano 2013. Galicia conta cun stand de 16 metros cadrados, deseñado por Escenoset e patrocinado pola Xunta de Galicia, non que se exponen os libros dos editores que traballan este ano no evento: Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Kalandraka e MCSports. A Asociación Galega de Editores leva concertadas diversas citas profesionais con asociacións de editores de diversos países, entre os que está a edición iraní. (…)”
Vigo: presentación de A batalla polas pensións (1981-2013), de Xabier Pérez Davila
O
venres 11 de outubro, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), en Vigo, preséntase o ensaio A batalla polas pensións (1981-2013). De como a clase capitalista quere privatizar os bens comúns e de como as clases traballadoras se opoñen, de Xabier Pérez Davila, publicado por Estaleiro. No acto, xunto ao autor, participan Serafín Otero e Miguel Mosqueira.


