A
escritora María Reimóndez, a poeta Susana Sánchez Arins e a Concelleira de Igualdade do Concello de Vigo presentaron hoxe A Sega, unha plataforma de crítica literaria feminista que pretende crear un espazo de referencia para a crítica, ata o momento monopolizada por voces masculinas e en moitos casos patriarcais.
O obxectivo desta plataforma, que se presenta no mes do nacemento de Rosalía de Castro e na cidade que conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, é visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas de todo o acervo literario en lingua galega. A plataforma, no seu esforzo de tecer redes, colaborará co Centro de Recursos Feministas do Concello de Vigo doando ao seu fondo aquelas obras recensionadas que sexan de interese para esta iniciativa da cidade. Tamén colaborará activamente coa Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela.
No manifesto de fundación (que se pode consultar completo aquí) recóllese que A Sega “nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición e pola falla de análise crítica dos textos das autoras”.
A plataforma recollerá recensións críticas sobre obras de autoras galegas e foráneas e tamén textos de teoría da crítica “para compartir as ferramentas e os discursos críticos” con quen queira sumarse á “destreza segadora” das críticas.
No inicio da andaina d´A Sega participan Andrea Nunes Brións, María Reimóndez, Marga Romero, Lara Rozados, Susana Sánchez Arins e Beatriz Suárez Briones. É esta unha plataforma aberta á que se irán incorporando novas voces.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Santiago: Escenas poéticas
Moaña: presentación de Emily on the road, de Ramón Blanco
O
venres 1 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría O Pontillón (Avenida Concepción Arenal, 7) de Moaña, preséntase Emily on the road, de Ramón Blanco, publicado en Acha Escrava. No acto, xunto ao autor, participa Vítor Cancelas. Ao remate do acto haberá un recital poético.
Illa de Arousa: lanzamento de Mordida, de Eugénio Outeiro
A
sexta feira 1 de marzo, ás 18:00 horas, na Sala de Plenos do Concello da Illa de Arousa, preséntase Mordida, o último poemario de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora. No acto participa, xunto ao autor, José Manuel Vázquez Vázquez.
Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a Real Academia Galega
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai un chamamento ao Presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, para que siga nas súas funcións como presidente, e non abandone a Academia. Respectando as súas decisións persoais, instamos, a el e a todos os Académicos e Académicas, a pensar no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver. A súa dimisión ou marcha da Academia significaría un empobrecemento na pluralidade que é necesario teña a RAG.
Así mesmo facemos un chamamento a todos os Académicos e Académicas para que, dentro da necesaria pluralidade e transparencia, os problemas da Academia sexan resoltos dentro dos organismos da Academia dialogando, para manter a súa independencia na defensa da nosa cultura e do noso idioma.
A sociedade galega precisa dunha Academia que sexa lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural. A situación do noso idioma non permite ter unha Academia en conflito interno e proxectando unha imaxe pública de descrédito.
Rosalía, homenaxeada polos escritores
Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (XII)
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Finalizamos con esta entrega as reproducións na Axenda dos vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.
Coloquio da mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía.
Santiago: presentación de Lusocuria, de Verónica Martínez Delgado
A
quinta feira 28 de febreiro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Lusocuria, de Verónica Martínez Delgado, publicado por O Figurante Edicións. No acto, xunto á autora, participa Teresa Moure.
Antón Cortizas: “A natureza é como un gran comercio, a gran xoguetería”
Entrevista
a Antón Cortizas en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) “Despois de publicar Chirlosmirlos. Enciclopedia de xogos populares, en 2001, comecei con este traballo [Tastarabás]. Xa nese libro indico que falta un capítulo e púxenme con el. É unha especie de catálogo coa intención de que o que fun argallando, de recollas e memoria, non quede esquecido”, explica Cortizas, na actualidade profesor de lº e 2° de ESO no IES de Canido.
O seu interese polo xogo tradicional vén desde que era mozo. “Xa na adolescencia comecei a escribir sobre os xogos dos que eu me lembraba, dos enredos que fabricabamos no barrio de Canido nos anos 60 ou por aí. Esa foi a orixe de Chirlosmirlos e tamén dun programa de radio que fixen en Radio Fene durante máis de dous anos”. A memoria foi o punto de partida pero para lograr reunir máis de 900 entradas sobre todo tipo de artefactos que se poden facer precisou tamén de axuda. “Grazas ós meus libros de literatura infantil fun a moitos centros para encontros con autores e aproveitei para poñerme en contacto con profesores e recoller información por aquí e por alá. Tamén traballei con bibliografía, de feito o libro inclúe moitas referencias de bibliografía galega e tamén foránea, xa que que grazas a internet temos cantidade de bibliotecas ás que acodir. Atopei libros divulgativos desde o século XVIII e XIX ara a actualidade, de varios países. O xogo é universal, en todos lados xogamos ó mesmo, máis ou menos cos mesmos entedos”, asegura. (…)”.
Vigo: presentación de A punta de pistola, de Fran Alonso
O
xoves 28 de febreiro, ás 10:30 horas, no IES de Teis (Vigo), preséntase A punta de pistola, de Fran Alonso, publicada en Xerais. Na presentación, que está dirixida aos alumnos e alumnas da ESO do devandito centro e busca unha interlocución directa entre o escritor, a súa novela e os lectores e lectoras xuvenís, participan o director do centro, Fernando Carrasco, o editor Manuel Bragado, e o propio autor, cun grupo de 15 estudantes coordinados pola profesora Encarna Osorio (responsable do proxecto lector do centro) que entrevistará ao autor mantendo un coloquio áxil entre o escritor e os lectores e lectoras.

