Santiago: presentación de Breizh, de Miro Villar

O xoves 7 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Breizh, de Miro Villar, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan David G. Couso e Xosé María Lema Suárez.

A Coruña: presentación de Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez

O xoves 7 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase o libro Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, publicado en A Porta Verde do Sétimo Andar. No acto, xunto á autora, participan Antía Otero e Mercedes Queixas.

Carlos Mella: “Só a figura de Castelao me podía facer volver a un posto público”

Entrevista a Carlos Mella en Sermos Galiza:
“(…) “Levo moitos anos arredado da política e das institucións e o único posto que conservaba era o do padroado da Fundación Castelao, da que fun fundador. Propuxen a miña candidatura e o consello aceptouna. Para min é unha grande honra e un dos desexos máis queridos”, comeza a falar Mella para deixar sobre a mesa, de saída, a ilusión que lle fai presidir unha entidade que ten como obxectivo a promoción e difusión da figura de Castelao.
Na súa idea, a débeda con Castelao é facer valer o seu pensamento. “Recoñecer a súa figura é fácil, agasallar seus libros, tamén. Castelao é coñecido mais hai que comezar a poñer a disposición da xente a súa doutrina e o seu pensamento para que se asimile”, afirma ao tempo que idea iniciativas para difundir o seu ideario en colexios e vilas.
Cos debuxos de Castelao non se ri, dan para pensar e sacar unha filosofía. Temos que traducir o traballo en feitos, coñecer, respectar e transmitir as súas ideas galeguistas”, engade o novo presidente da Fundación Castelao. Como todo o tecido cultural, a Fundación Castelao vive a crise e falta de recursos do momento. “Todo está moi verde e son tempos ben difíciles, mais traballar na leira de Castelao e sachar nela é unha grande satisfacción”, comenta. De saída, aceptan a oferta do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, para teren unha sede fixa na localidade natal de Castelao. Por diante quédanlle dous meses para estabelecer o plan de traballo da equipa que presidirá. “Temos que defender a importancia maiúscula da Fundación Castelao”, comenta. A falta de cartos vai ser unha dificultade que conta solventar a forza de traballo, xestionando os poucos recursos con imaxinación e esforzo. Declarar BIC a súa obra, a creación dun Centro ou Museo Castelao arredor da súa figura e mesmo facerse coa casa de Rianxo en propiedade son obxectivos que promoveu a Fundación e que agora a situación económica sitúan aínda máis lonxe e obrigan a reconducir os obxectivos e o traballo da entidade. A Carlos Mella non se lle esquece recoñecer a forza e enerxía de quen o precedeu, a entrega á causa de difundir a figura de Castelao por parte do anterior presidente Avelino Pousa Antelo, quen coñecera de rapaz ao fundador do Partido Galeguista.”

“Vivimos unha época na que o poder tenta que os parias sexan máis parias e máis derrotados”

Desde Praza:
“”Canto se bota de menos a Vidal Bolaño! Porque dende logo el non ía estar calado diante desta situación nin ía deixar de facer teatro. E se cadra sacaba o nariz de pallaso que lles di aos poderosos o que os demais calamos”. Fala Belén Quintáns, unha das impulsoras da Asociación Roberto Vidal Bolaño que se presentará publicamente este marrtes ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Estamos no ano Vidal Bolaño, no que se lle dedica a celebración das Letras Galegas, e un ano ademais no que a lingua e cultura galegas e as artes escénicas se revolven contra os ataques e o trato inxusto recibido dende o Goberno galego.
A asociación leva meses traballando na súa posta en marcha, da man de Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro, Camilo Franco e a propia Belén Quintáns. Nesta segunda fase incorpóranse Antonio Durán “Morris”, o titiriteiro Jorge Rei, Antón Dobao, Luis Rei e Luciano Fernández -en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais-, Roberto Pascual -xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, Manuel Guede -director do CDG-, Laura Ponte e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur. A asociación nomeará Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez.”

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (V)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Non che digo nada: Colexio Jaime Balmes, Noia.
Mais ó que ben quixo un día: CPI O Feal, Narón.
Castellana de Castilla: IES Miguel Ángel González, O Carril, Vilagarcía de Arousa.
Queridiña dos meus ollos: IES Salvaterra de Miño.
A Roberto Robert redactore da Discusión, a quen lle gustan os contos i o gallego: IES Xulián Magariños, Negreira.

Tabela dos Libros de febreiro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de febreiro. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.”