A Coruña: obradoiro O ollo da arte, impartido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal. Pódese coñecer o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Celebrarase todos os luns entre o 18 de febreiro e o 3 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas, na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos de libre elección (plans antigos) e 1 crédito de recoñecemento (plans novos). O número máximo de participantes é de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 30 de xaneiro até o día 15 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

Convocados os XXII Premios Irmandade do Libro

A Federación de Libreiros de Galicia comunica a celebración dos XXII Premios Irmandade do Libro nas modalidades de:

Libraría.
Autor/a.
Libro do ano.
Centro de ensino.
Obra editorial.
Fomento da lectura.

Estes premios pretenden homenaxear a todas as persoas, entidades e institucións que durante o ano 2012 desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego.
A presente edición terá lugar en Monforte de Lemos o día 20 de abril de 2013. O acto terá lugar na Casa da Cultura da localidade monfortina.
As bases están dispoñibles no apartado da web Premios Irmandade do Libro, e as candidaturas podense presentar a través de email: libreiros@librarias.org, correo postal: Rep. de El Salvador, 28 Entrechán B, 15701 Santiago de Compostela ou por fax: 981591421.

Santiago de Compostela, xaneiro de 2013

Na rúa o número 20 da revista de libros ProTexta

“Neste ProTexta 20 abórdanse algunhas das máis salientables novidades editoriais nos campos da poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada. Procuramos o alento crítico e estamos na rúa grazas a unha completa nómina de colaboradores e colaboradoras que len canda nós.
“Non son alleo á normalización cultural, son contrario”, afirma Alberto Lema na capa, chamada á entrevista longa deste número. No fío da publicación de Da Máquina (Galaxia, 2012), a súa terceira novela, falamos co narrador e poeta dunha escrita que entende como forma de acceso ao real contemporáneo. Tamén recollen as páxinas deste ProTexta entrevista con Samuel Solleiro, que regresa ao relato con Gran tiburón branco (Xerais, 2012) e que anda arredor de posmodernidade fronte a modernidade.
Letras de cancións que constrúen un retrato colectivo percorren a reportaxe coa que abrimos este número, de Ataque Escampe a Das Kapital. E entre a crónica e o artigo de ton ensaístico achegámonos á entrega dos últimos Premios Rosalía de Castro, do PEN Clube, e á traxectoria dun dos recoñecidos, José Viale Moutinho, narrador, poeta e xornalista portugués.
No apartado de narrativa dedicamos un artigo ao volume de relatos de Bieito Iglesias, Contos da terra da tarde, e unha crítica á novela Dark butterfly de Rexina Vega. Aténdese a poesía na recensión da obra Balea2, de Estevo Creus. Canto ao teatro, trázase unha ollada á creación dramática de Isaac Díaz Pardo. E o apartado de literatura infantil e xuvenil inclúe noticia da máis recente tradución de Canto de Nadal, de Charles Dickens, de 2044 de Eduardo Santiago, e do álbum de Eric Carle O artista que pintou un cabalo azul. Habibi, de Craig Thompson, é o volume escollido para a banda deseñada.
A crítica dun volume colectivo arredor da achega dos emigrantes a América ao desenvolvemento da educación, editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, abre unha cumprida sección que atende o ensaio. Nela inclúese tamén un artigo sobre dúas publicacións urxentes arredor do 15M, A praza é nosa e O pobo indignado. Amais, críticas dunha recolleita de artigos de Xavier Vence, dos volumes que percorren a vida e o pensamento de Luís Soto, José Pasín e Santiago Montero, e de O rastro que deixamos, libro de Agustín Fernández Paz, a camiño entre crónica e creación. A crítica dunha compilación de estudos arredor da arte en América Latina e un artigo que aborda os dous libros máis recentes de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo e A rota do sol, completan este apartado da publicación.
Pechamos este número vinte cun artigo en que o poeta, narrador e xornalista Manuel Darriba anda os carreiros do pensamento contemporáneo para opor á interpretación característica da posmodernidade a contundencia dos feitos.”

Taboleiro do libro galego (II), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nesta segunda entrega do taboleiro do libro galego non se observan grandes mudanzas respecto dos títulos que maior aceptación tiveron nas librarías galegas consultadas a anterior semana, ás que desde agora se suma tamén a libraría Andel. Por este motivo a periodicidade da sección pasará  a ter, desde agora, un carácter quincenal. Grazas, de novo, a todas as librarías colaboradoras polo seu entusiasmo neste proxecto. Velaquí, así pois, os resultados desta última semana.

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Séchu Sende, autoedición.
4º-. Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, Redelibros.
5º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman: un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, Urco Editora.

POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
4º-.
O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.
5º-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.

ENSAIO-TEATRO
1º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. O labirinto da saudade, de Luís G. Soto, Laiovento.
5º-. Falemos de ourensanía, de  J. M. Baltar, Auga Editora.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
2º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
3º-. Cidades, de Fran Alonso, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O soño de Matías, de Leo Lioni, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas e Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (IV)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Eu ben vin estar o moucho: CEIP de Seixalbo, Ourense.
Airiños, airiños aires: Equipo de Dinamización Lingüística do E. H. San José de Pontedeume.
Ao Sr. D. Camilo Álvarez e Castro, Chantre da Catedral de Salamanca: CEIP Chano Piñeiro, Gondomar.
Pasa, río, pasa, río: CEIP de Sobrada, Tomiño.
Ora, meu meniño, ora: CEIP de Cedeira.

Carlos Mella, novo presidente da Fundación Castelao

Desde Sermos Galiza:
“A Fundación Castelao vén de nomear presidente a Carlos Mella, economista, escritor e político nado na Estrada en 1930. Mella ocupa o cargo, baleiro após o falecemento de Avelino Pousa Antelo. Mella foi vicepresidente de asuntos económicos na Xunta de Fernández Albor. Na súa traxectoria política pasou por diferentes formacións, como UCD ou Coalición Galega. En 1994 foi candidato do BNG ás eleccións europeas. Carlos Mella foi presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, porén só ocupou o cargo durante vinte días en xullo de 2001.”

Santiago: presentación da Asociación Cultural Roberto Vidal Bolaño

O martes 5 de febreiro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, preséntase a Asociación Cultural Roberto Vidal Bolaño, que naceu a finais de 2012, co obxectivo de promover a figura e a obra do autor, dez anos despois da súa desaparición. O colectivo inicia así de xeito simbólico o seu traballo no ano de Roberto Vidal Bolaño e abre as súas portas a todas as persoas que desexen formar parte da asociación. A entrada será libre e gratuíta.

Convocado o XLV Concurso Literário de Contos de nenos para nenos da A. C. O Facho

“Recuperados em 2008 os prémios literários que desde os anos sessenta convocou O FACHO e nos que participárom ou ganhárom muitos dos escritores e escritoras que hoje fam possível com a sua obra umha literatura galega de qualidade e de grande importância nas letras universais, realiza-se a convocatória para 2013 do XLV Concurso Literário de Contos de Nenos para Nenos.

BASES DO CONCURSO

1. Poderám participar rapazes e raparigas que pressentem as suas obras em Língua galega. Os trabalhos presenteados deveram ser originais e inéditos em toda a sua extensom.
2. O prazo de admissom de originais finaliza o dia 31 de Março de 2013 às doce da noite.
3. A apresentaçom de originais para o Concurso fará-se por correio postal dirigido à sede da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia, 12-1º 15005A Corunha. Podendo fazer individualmente ou por médio do centro onde curse os seus estudos.
4. No caso em que sejam os centros escolares os que pressentem os originais ao Concurso, deveram fazer umha pré-selecçom dum máximo de dous trabalhos por categoria, qualquer outro terá que ser apresentado individualmente.
5. As obras haverem de serem relatos originais e nom estarem editados por nengum procedimento impresso ou electrónico, nem terem sido premiados em qualquer outro concurso ou certame literário e em condiçons para que os seus direitos de publicaçom podam ser cedidos à Associaçom Cultural O FACHO por período de cinco anos contados a partir do dia do falho do júri.
6. Para além da originalidade literária, o júri valorizará a riqueza lingüística e o conhecimento gramatical reflectido nas obras.
7. Estabelecem-se duas categorias:
– Categoria A. Nenos e nenas de 6 a 12 anos.
– Categoria B. Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos.
8. As quantias dos prémios serám as que seguem:
– Categoria A.
* 1º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
– Categoria B.
* 1º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
9. Cada autor só poderá apresentar umha obra atendo-se aos seguintes limites de extensom:
– Categoria A Um máximo de cinco fólios.
– Categoria B Um máximo de dez fólios.
10. As obras haverem de se apresentar por duplicado, manuscritas ou mecanográficas, encadernadas ou grampadas e levaram por detrás do último folio os seguintes dados:
– Nome e apelidos do autor/a.
– Endereço e telefone. Correio electrónico.
– Centro onde cursa os seus estudos.
– Categoria na que participa.
11. Os prémios serám escolhidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O Facho em falho que se fará público no mês de Maio.
12. O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas na sua interpretaçom.
13. A participaçom neste Concurso implica a aceitaçom das presentes bases.

Correo electrónico: o_facho_a_cultural@yahoo.com.br

A Corunha, 31 de Janeiro 2013