María Solar: “Os lectores gáñanse desde pequenos”

Entrevista de Ramón Nicolás a María Solar en Qué Leer, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como naceu a súa querenza polo xénero da literatura infantil e xuvenil?
– María Solar (MS): Naceu seguramente dunha infancia solitaria e do convencemento de que é un xénero poderoso nas súas posibilidades e nos seus resultados. Os lectores gáñanse desde pequenos e cando aos nenos lles gusta o que len son o público máis apaixonado, entregado e soñador. Devolven moito ao autor. (…)
– RN: Canto hai da súa experiencia profesional n´A verdadeira historia da mosca da tele?
– MS: Naceu dunha vivencia profesional, en concreto dunha mosca moi pesada que tiñamos no estudio de TV onde gravo o meu programa cada día e que se comportaba como unha profesional amolando só cando se acendía a luz vermella. De aí xurdiu unha historia moi divertida e tola contada por un destes insectos en primeira persoa, na que un humano a fai pasar por mil vicisitudes en teles de medio mundo. É un libro moi ecoloxista que non fala nada de ecoloxía.
– RN: O seu traballo na TVG vincúlase con contidos culturais. Dende esta perspectiva, cal é a súa visión sobre a importancia deste tipo de programas?
– MS: Máis que nunca a cultura ten que ter os seus propios programas para amosarse e, á vez, ten que estar tamén no resto da programación. Os libros, as películas, a música son atractivos para o espectador, por iso é imprescindible que haxa programas de cultura accesibles que nos abran os ollos sobre o que se está a facer, que é moito.”

Ourense: Acértalle no corazón, con Yolanda Castaño

“Co gallo do día dos namorados e celebración de San Valentín, un dos maiores referentes da respostería tradicional e creativa galega tras 40 anos de exquisito traballo –a casa Fina Rei- asóciase coa poeta Yolanda Castaño para presentar un produto moi especial. Trátase dunha frecha de chocolate rematada nun corazón, e que leva consigo un poema de amor asinado pola poeta actual santiaguesa-coruñesa, nunha saborosa alianza de versos e chocolate dirixidos a esa persoa querida. Baixo o lema Acértalle no corazón, vén de editarse ademais un cartel conmemorativo da frutífera colaboración culinario-literaria.
Para dar a coñecer este produto creativo tan orixinal, convócase unha presentación aos medios para este venres 8 de febreiro na propio establecemento de Fina Rei en Ourense (rúa da Paz, nº 20) ás 12:00 da mañá. Nel contarase coa presencia de Yolanda Castaño, que dará lectura ao poema escollido xunta os artesáns reposteiros que levan apostando polo galego dende os seus comezos. Unha camaradería de elegancia, bo gusto e exquisitez creativa que demostran que non fai falla facer grandes alardes consumistas ou botar man de culturas alleas para lembrarnos daqueles a quen queremos.”

Pontevedra: presentación de Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas

O venres 8 de febreiro, ás 20:00 horas, na Escola Profesional de Banda Deseñada “Garaxe Hermético” (Rúa Álvaro Cunqueiro, 4, baixo) de Pontevedra, preséntase o libro Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Kiko da Silva e Manuel Bragado.

Pontevedra: lanzamento de Mordida, de Eugénio Outeiro

A sexta feira 8 de febreiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 24), preséntase Mordida, o último poemario de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e a AGAL, participan, xunto ao autor, Xaime Toxo e Antón Sobral.

Marica Campo recibirá homenaxe da AELG no seu Incio natal

Desde Sermos Galiza:
“O Incio é o concello escollido pola propia Marica Campo para que os seus compañeiros e compañeiras das letras lle rendan homenaxe outorgándolle a letra E que vencella a quen recebe o tributo coa súa terra. Alí naceu Marica Campo e alí volvía nos inesquecíabeis veráns no Val do Mao que a escritora lembra como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.
Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico recollido na propia páxina da AELG da escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.
Humoristas Bos e Xenerosos
Xosé Lois, “O Carrabouxo”, Pepe Carreiro, Xaquin Marín, Siro López e Gogue son, para a AELG, os Bos e Xenerosos desta edición do 2013, cinco humoristas gráficos que recollerán de forma colectiva o galardón anual das persoas protagonistas da literatura. En canto ás institucións, o galardón da entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias decidiu recoñecer o traballo das asociacións culturais nacidas nos anos setenta e oitenta. O Galo de Compostela, O Facho e Alexandre Bóveda da Coruña, Auriense de Ourense, Lumieira de Carballo, Medulio de Ferrol e Francisco Lanza de Ribadeo son as agrupacións que naceron con vontade de difundir e apoiar a cultura galega e que despois de máis de catro décadas continúan en activo.
Confirmouse tamén o Premio AELG 2013 á Escritora Galega Universal para a portuguesa Lídia Jorge e sumou un novo galardón, o de Mestres/as da Memoria que premiará a informantes da literatura de tradición oral que contribuíran de maneira decisiva a recuperar o noso patrimonio.
Galeusca en Pontevedra
A AELG será desta volta a anfitriona do convívio entre as literaturas catalá, vasca e galega que cada anos ten lugar nunha das tres nacións. Á asociación galega decidiu que esta trixésima edición que lle toca organizar terá lugar na cidade de Pontevedra no mes de novembro e estará dedicada á literatura infantil e xuvenil.
Finalmente, a asemblea da AELG aprobou renovar o anterior Consello Directivo incorporando ás escritoras Rexina Vega e Alicia Fernández.”

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VI)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

-Meniña, ti a máis hermosa: CEIP Belesar, Baiona.
¿Que ten o mozo?: CEIP Agro do Muíño, Bertamiráns, Ames.
La gaita gallega (Ventura Ruiz Aguilera) e Has de cantar: CPI de Ponte Carreira, Frades.
A gaita gallega (Resposta): IES Pedro Floriani, Redondela.
-Vente, rapasa: CEIP de Bandeira, Silleda.