Negreira: presentación de O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Giraut

O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro) de Negreira, preséntase O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Giraut, publicado por 3C3 Editores. No acto intervirán, xunto ao autor, José Antonio Ponte Far, Adelino Pose Reino, Ignacio Carballo González e José Blanco Pazos. Haberá tamén unha actuación musical do guitarrista Xosé Guzmán.

María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón: “A defensa da lingua é un dos puntos centrais do noso libro”

Desde Xerais:
“La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Uxía López a María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, gañadores do Premio Xerais de Novela 2012 sobre Tonas de laranxa.
(…) – La Voz de Galicia: Tonas de laranxa arranca dun conto escrito por María anos atrás. ¿Como chega a converterse nunha historia que convence por unanimidade ao xurado do Xerais?
– María Lorenzo Miguéns: Pasaron moitas cousas no camiño. A partir do conto que escribín hai case cinco anos, houbo moitas tardes de traballo, moitas horas, cambios e retoques de aquí de alá.
– Manuel Lorenzo Baleirón: Fraguouse no verán pasado, a partir dese conto inicial no que eu vin cousas fermosísimas, e sobre o que lle insistín a María para que o continuara. Como non se daba posto, sentámonos os dous e démoslle forma pero o fundamental é a base, o fío condutor de María. (…)”.

Ribeira: presentación de A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar

O mércores 26 de decembro, ás 20:00 horas, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, preséntase A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Francisco Castro, Quico Cadaval e Tonhito de Poi.

A Coruña: Día Lugrís, o sábado 22 de decembro

O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar, este sábado 22 de decembro.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos–  protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís  ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos (Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas  e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:

20:00 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20:30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21:00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunidos ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.

Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar!

Gondomar: O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, en Espazo Lectura

“O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario. Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá…” Desde Espazo Lectura.