Xaime Subiela gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

“A obra Para que nos serve Galiza? valeulle a Xaime Subiela facerse co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio na súa décimo segunda edición. O premio, dotado con 3.000 euros e mais a publicación da obra, está organizado pola Editorial Galaxia, a Consellaría de Educación e mais Gas Natural Fenosa. A obra premiada, segundo sinala a Consellaría de Cultura, propón unha análise dos restos que afronta o noso país, “en torno á idea de buscar alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación; cunha visión optimista de futuro”. O xurado do galardón estivo composto por Luís Alonso Girgado, Miguel Barros Puente, Encarna Otero Cepeda, Carme Vidal Lage e Carlos Lema. En total presentaronse sete obras ao galardón.” Desde Cultura Galega.

A Coruña: Manuel Rivas asina exemplares de As voces baixas

O venres 21 de decembro, a partir das 19:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas, publicada en Xerais.
O sábado 22 de decembro, ás 19:30 horas, estará na Librería Nova Colón (Rúa Olmos, 9) da mesma cidade, tamén asinando exemplares desta súa nova obra.

Autoaxudas para a lingua

“Edicións Xerais publicaba recentemente Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un volume no que Carlos Callón achega consellos e reflexións para mellorarmos o noso emprego da lingua. O título supón un exemplo dun tipo de obra que non resulta moi común no noso país, os libros de lingua destinados directamente aos falantes. Repasamos algúns destes proxectos.
Non se trata dun libro para aprender galego. Non é unha gramática nin un diccionario de dúbidas nin un libro de texto. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez preséntase como un manual para os falantes de galego que queiran mellorar a súa lingua, sen máis. A través de pequenos contos ou de breves reflexións, Carlos Callón busca nesta obra rachar tópicos sobre a nosa lingua e anima ao lector a se achegar a ela. “Brinco coa idea de autoaxuda, sobre todo coa intención de comunicar, tentando que os textos cheguen ao lector”, explica o autor. “Tento que se vexa como un manual práctico con consellos en positivo que pode practicar calquera persoa”. (…)” Desde Cultura Galega.

Ferrol: presentación de O carballo, de Calros Silvar

O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Exposicións da Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntase O carballo, de Calros Silvar, publicado en Baía Edicións. Con motivo da mesma, o autor impartirá un obradoiro de debuxo da natureza dirixido ao público infantil.

A Coruña: presentación de Lusocuria, de Verónica Martínez Delgado

A sexta-feira 21 de decembro, ás 20:30 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase Lusocuria, de Verónica Martínez Delgado, publicado por O Figurante Edicións. No acto, xunto á autora, participa Mário Herrero.

Parlamento das Letras: Xavier Alcalá

Entrevista de Armando Requeixo a Xavier Alcalá no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xavier Alcalá (XA): Fáltalles vivencia e conciencia de que os galegos son o pobo europeo que máis espazos ocupou no mundo en relación ao seu tamaño. É terrible ser xurado nun concurso literario en Galicia: parece incrible que haxa tanta historia vulgar e falte a épica da galeguidade. O peor é que xa morreu moito vello que podía contar historias das que deixan sen respiración. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XA: Preocúpanme: os escritores galegos que seguen pautas madrileñas; non len nada en portugués nin en inglés (perdón por xeneralizar). (…)”

Allariz: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 21 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Luís Martínez-Risco. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

Ordes: presentación de Caderno de Ordes, de Euloxio R. Ruibal

O venres 21 de decembro, ás 20:00 horas, no restaurante O Túnel (Av. Alfonso Senra, 119) de Ordes, nun acto organizado pola Asociación Cultural Inquedanzas, Euloxio R. Ruibal presenta a súa nova obra, Caderno de Ordes, publicada por Toxosoutos. No acto participarán, xunto ao autor, Carlos Pérez Casas, Charo Fernández Velho e David González Couso.