Anxo Mena, gañador do XIII Premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga entregou os premios do XIII Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo xunto coa Área de Cultura do organismo provincial “co afán de estimular a creación poética entre os mozos e mozas”. Neste acto, celebrado o sábado 22 de decembro na casa consistorial mindoniense, tamén participaron Orlando González, alcalde de Mondoñedo; e Xosé Ramón Barreiro. Nesta ocasión presentáronse máis dunha trintena de traballos, o que supón un incremento a nivel participativo respecto ao ano pasado. De entre todos os poemas que entraron a concurso, Comezando a loita, de Anxo Mena Rodríguez, de Carral, conseguiu o máximo galardón, dotado con 1500 euros. O segundo premio, de 600 euros, recaeu en Paisaxe con afogado, do pastoricense Jesús Castro Yáñez, e o terceiro, de 300 euros, foi para María Helena López González, de Sarria, pola súa obra Poñentes. (…)”. Tamén foi reseñado por Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Olga Novo gaña o XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal

Desde Toxosoutos:
“O xurado do XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, composto por Henrique Monteagudo, Clodio González, Xerardo AgraFoxo, Pedro G. Vidal e Antonio Rey concedeu o premio a Olga Novo polo seu traballo Leda m’ and’ eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria, centrado nos textos líricos da escola trobadoresca, que aborda os contidos de xeito multidisciplinar, manexando instrumentos da historia social, do dereito e da antropoloxia histórica. Trátase dunha obra que busca coñecer a alma da Galicia medieval, enmarcada no Occidente europeo, por medio da súa concepción do mundo erótico e da realidade das súas prácticas. Analiza a historia da sexualidade desa época, a súa repercusión socio-política e mental, a oposición de xéneros nos diferentes grupos da poboación, a participación do pracer transgresor e das súas formas e códigos na cultura dun pobo, incluídas a marxinalidade e a obscenidade. Falamos dunha cultura de dobre moral, de intención relixiosa e controladora, que este estudo explica de maneira interdisciplinar, politemática, ampla e seria, pero detallada nas ideas (mesmo filosóficas) e documentada con especial precisión nos textos líricos galego-portugueses con toda a súa diversidade.”

Monforte: lectura colectiva de Do G ao Z, de Manuel Veiga

O venres 28 de decembro, a partir das 20:30 horas, na Librería Agrasar (Rúa Cardenal, 38) de Monforte de Lemos, terá lugar a lectura colectiva do libro  Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico de Manuel Veiga, publicado en Xerais.

Lugo: edición nº 31 da revista oral O Pazo das musas

O xoves 27 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar unha nova edición, a número 31, da Revista oral O pazo das musas, de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), coordinado por Antonio Reigosa, e que estará centrado nos centenarios de Manuel Lerias Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912) e Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979). O sumario é o seguinte:

Portada musical. Pilocha (3 minutos).
Proxección. Deitado frente ao mar (Celso Emilio Ferreiro). Video creado polo alumnado de 3º ciclo de E. Primaria do CEIP da Barqueira, Cerdido (A Coruña) (2 minutos).
Celso Emilio. A Di-versíada de Celso Emilio Ferreiro, por Armando Requeixo (10 minutos).
Música. por Pilocha (3 minutos).
O son da nosa fala (Radio Lugo), por Paco Nieto e Tania Lombao (10 minutos).
Música. por Pilocha (3 minutos).
Proxección. Monólogo do vello traballador (Celso Emilio Ferreiro). Videopoema creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira con motivo do recital poético Ergueremos a esperanza, celebrado na Universidade de Deusto o 26 de abril de 2012 (3 minutos e 22 segundos).
M. Leiras Pulpeiro. Manuel Leiras Pulpeiro: o poeta que amou a Verdade e practicou o Ben, por Armando Requeixo (10 minutos).
– A obra de M. Leiras Pulpeiro na voz do alumnado do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo. Participan alumnos/as e profesores/as deste centro, coordinados polo Departamento de Lingua e Literatura Galega (12 minutos).
Música. Pilocha (3 minutos).
Lecturas da obra de Leiras Pulpeiro (Banco de Voces de Radio Lugo). Convidaremos aos asistentes a ler un poema de M. Leiras Pulpeiro, converténdose así nos primeiros colaboradores dun ambicioso proxecto da emisora Radio Lugo para que a poesía teña presenza continuada na súa programación e, ademais, ir facendo realidade un arquivo oral que se vai denominar Banco de Voces de Radio Lugo (10 minutos).
Opinión. Intervención do público (5 minutos).
Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3 minutos).
Contraportada musical. Pilocha (3 minutos).

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Maceda: presentación de Sarou/Louzós, de Ramón Caride

O xoves 27 de decembro, ás 19:30 horas, na Librería Ler (Praza Maior) de Maceda, preséntase Sarou/Louzós, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Alejandro Vázquez, Avelina Losada e Francisco Prol, estrearase o booktráiler do libro, realizado por David M. Fidalgo.