Santiago: presentación de Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila

O mércores 28 de novembro, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro O mundo secreto de Basilius Hoffman. Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, publicado por Urco Editora. O programa de actos é o seguinte:
– De 19:00 a 20:00 h. Firmas e ilustracións
– De 20:00 a 20:30 h. Presentación, charla e preguntas.
– De 20:30 a 21:00 h. Sinaturas.

Branca Novoneyra: “Nada que non me transforme con intensidade ten espazo hoxe nos meus poemas”

Entrevista de Montse Dopico a Branca Novoneyra en Dioivo:
“Hai un movemento cara á luz nos dous poemarios de Branca Novoneyra, Dentro do labirinto e Cristal escuro. Unha procura da saída, unha viaxe a través dos simbolos. Pero é no segundo onde todo se concentra. En poemas de poucos versos. Algúns como haikus. Nos que só queda o esencial.
– Dioivo: No caso de Dentro do labirinto, había unha peza de danza creada a partir do poemario. Con Cristal escuro tamén é así?
– Branca Novoneyra: Si. Presenteino na Galería SCQ con Linde, unha instalación sonora que materializa a poesía fóra do papel. Para a produción da peza contei con Mónica de Nut no espazo sonoro e con Jesús Andrés Tejada nos visuais. Linde é un espazo simbólico onde a palabra procura unha última fronteira. (…)”.

Vídeo da presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro da Coruña de 2012

Vídeo da presentación na Feira do libro da Coruña 2012 de Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicado en Galaxia. Acompañan o autor Víctor F. Freixanes, Vicente Araguas e Tati Mancebo. Desde o blogue do autor.

Convocado o IV Certame de Poesía María Mariño, 2013

BASES

1. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que o desexen calquera que sexa a súa nacionalidade sempre que o seu traballo sexa escrito en galego.
2. Os poemas que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados noutros concursos, sendo libres o tema e maila forma.
3. O IV Premio María Mariño de Poesía estará dotado cun: Primeiro Premio de 300 € e un Segundo Premio de 200 €.
4. Cada concursante participará cun só poema, que non deberá exceder os CEN versos mecanografados a dobre espazo en formato DIN-A4, por una soa cara e por quintuplicado.
5. Os poemas deberánse presentar baixo lema, indicando no sobre: PARA O IV PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO. No interior do sobre que conteña o traballo , achegarase en sobre aparte, pechado e lacrado cos seguintes datos: nome, apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo e teléfono, da persoa autora do traballo así coma un resumo dos seus datos biográficos que non deberá exceder as quince liñas.
6. O Xurado cualificador estará integrado por cinco personalidades das letras e da cultura galegas actuando coma secretari@ con voz e sen voto una persoa, elixida pola directiva da asociación.
7. O fallo do Xurado será inapelable, a súa composición así como o nome dos galardoados, darase a coñecer a través dos medios de comunicación. Os galardoados recibirán comunicación directa por parte da organización.
8. A entrega dos Premios terá lugar nun acto poético en día a sinalar dentro da Semana das Letras Galegas 2013.
9. O prazo para a entrega dos traballos é improrrogable, rematando ás 12 horas do 16 de Abril do 2013.
10. Os poemas remitiránse a:
ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE
ESCOLA DE VILANOVA, 1º ANDAR. RECESENDE.
15895- TEO- A CORUÑA
11. Os traballos gañadores quedarán en poder da Asociación Teenses pola Igualdade, que se reserva os dereitos sobre os mesmos.
12. Os traballos presentados non premiados deberán ser retirados polos autores previa identificación, no prazo de dous meses, dende a entrega do Premio. Transcorrido dito prazo procederáse a súa destrucción.
13. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes Bases. Tódalas incidencias non previstas nas mesmas serán resoltas pola Directiva ou polo Xurado cando éste quede constituído.

São Paulo: conferencia de Iolanda Zúñiga sobre Periferia

“A escritora Iolanda Zúñiga impartirá o luns 26 de novembro unha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo, Brasil, sobre a súa novela Periferia. A actividade, promovida polo Consello da Cultura Galega, devolve a escritora ao escenario do que partiu a novela, que foi gañadora do Premio Xerais en 2010. Periferia foi considerada pola crítica unha das novelas máis innovadoras da literatura galega dos últimos tempos. (…)”. Desde Xerais.

Alberto Ramos gaña o XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Todos os días

“O escritor Alberto Ramos foi elixido polo xurado do XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria como o gañador da nova edición deste tradicional galardón que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco. A obra Todos os días foi escollida entre os orixinais presentados a concurso por reflectir a novela «a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal». O xurado tamén salientou da novela que na mesma «van aparecendo como elementos secundarios os ERE, o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional, a falta de expectativas vitais e a contraposición entre a realidade laboral doutros países emerxentes economicamente e a nosa propia». O xurado do premio, que está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra, estivo composto por Adelaida Vidal, Ánxela Gracián, Serafín Alonso e Soedade do Muíño.” Desde Sotelo Blanco Edicións.

Sempre perden os mesmos, de Pere Tobaruela, novela por entregas na rede

Pere Tobaruela irá publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”

Anmistía Internacional Galicia convoca un concurso de microrrelatos en prol da liberdade de expresión

Desde Fervenzas Literarias.
“Que pensas cando ves esta imaxe? Esa é a pregunta á que terán que dar resposta os microrrelatos que participen no I Concurso de Microrrelatos de Amnistía Internacional Galicia, un certame que nace co obxectivo de fomentar a reflexión da cidadanía galega achega do labor de promoción e defensa dos Dereitos Humanos levada a cabo por Amnistía Internacional.
O tema do microrrelato deberá estar baseado nesta imaxe e ter relación directa co dereito á liberdade de expresión. Este microrrelato, que será orixinal, terá unha extensión máxima de 250 palabras (sen incluír o título) e poderá redactarse en galego ou castelán. O prazo para enviar os microrrelatos será desde o 10 de novembro ao 29 de novembro de 2012 (ambos incluídos) e cada autor só poderá enviar un microrrelato. A inscrición pódese realizar desde aquí.
Haberá dous premios: Premio ao microrrelato mellor valorado por un xurado e premio ao microrrelato máis popular. Os microrrelatos colgaranse no Facebook oficial dos Grupos Locais de Amnistía Internacional Galicia (Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo) durante un prazo dunha semana desde a súa recepción, durante a que as/os seguidoras/es poderán votar mediante a opción “gústame”. Aquel relato que máis votos obteña será o ganador. As/os ganadoras/es obterán como obsequio unha escultura en bronce realizada para a ocasión pola artista Cuqui Piñeiro e un lote de libros.” Desde Fervenzas Literarias.