Agustín Fernández Paz: “Daríame raiba que me leran só porque o libro entra no exame”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Acaba de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola universidade de Vigo.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Estou abrumado, todos os premios fanme moita ilusión, pero ser nomeado Doutor Honoris Causa pola universidade da cidade na que vivo é toda unha honra.
– EP: E ademais estrea libro, un compendio sobre a súa vida [O rastro que deixamos]…
– AFP: A orixe deste libro remóntase a hai tres anos. Por aquel entón diagnostícanme un cancro e eu prexubílome. Entón propoño ao editor publicar un conxunto de textos que teño acumulados a moreas no meu ordenador. Isabel Soto fixo a selección.
– EP: Que temas saíron?
– AFP: A obra está dividida en dúas partes: unha é de recordo da nenez e a outra sobre o oficio de escribir. En xeral hai unha liña común biográfica, tanto na parte da memoria como na da escrita. Eu sempre digo que as novelas se escriben con fíos da vida. (…)”.

Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012

Desde o blogue de Francisco Martínez Bouzas, Novenoites:
“O xornalista e narrador ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) obtivo o sábado 24 de novembro o Premio Lueiro Rey de Novela Curta,  na súa XIX edición, que convoca e organiza o Concello do Grove coa colaboración da Editorial Sotelo Blanco de Santiago de Composta. A novela de Juan Tallón, Fin de poema, foi galardoada por unanimidade dos membros do xurado presidido por Manuel Quintáns en formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Mario Regueira e quen asina isto. (…) O xurado valorou por unanimidade o gran valor literario desta aposta narrativa que sairá á luz no vindeiro mes de xaneiro, editada por Sotelo Blanco Edicións, e que supera de xeito incuestionable o intranscendente, o sentimental, o comercial e as puras lambetadas narrativas.”

Vigo: presentación de Cartas ao director, de Rafael Laso Lorenzo

O martes 27 de novembro, ás 19:30 horas, no Salón de actos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais (Rúa Venezuela, 37, entrechán) de Vigo, preséntase Cartas ao director, de Rafael Laso Lorenzo, publicado pola Editorial Tambre. No acto, xunto ao autor, interveñen Ricardo Soto (editor) e Manuel da Costa (profesor da Escola de Enxeñería de Vigo).

Dióxenes en Dolorida e Tara, novelas finalistas do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

Na tarde do pasado venres, 23 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Fene o xurado encargado de fallar a trixésima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor presidido pola Concelleira de Cultura, Rocío A. Bértoa Puente e formado por Xosé Mª Dobarro Paz (catedrático da Universidade da Coruña), Miro Villar (poeta e crítico literaio); Marga Romero (escritora e crítica literaria) e Manuel Lourenzo González (escritor e gañador da anterior edición do Blanco Amor), actuando como secretario o coordinador técnico do Premio, Daniel Romero. O Xurado salientou a participación das cincuenta e catro obras que concorreron a esta XXX edición, deixando constancia do importante incremento de participantes, o que provocou unha longa deliberación previa e que dá a medida do interese e importancia da convocatoria do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Logo das oportunas deliberacións, o Xurado acordou proclamar, por maioría como finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas cos títulos: Dióxenes en Dolorida e Tara. A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, no decurso dunha gala que se desenvolverá no local da SCRD Agarimo de Sillobre e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.

Congreso sobre Rosalía para conmemorar o 150º aniversario de Cantares Gallegos

“A saída do prelo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro cumprirá o ano vindeiro o 150º aniversario. A saída desta obra, datada por algúns un 17 de maio, servira a Francisco Fernández del Riego a principios dos anos sesenta para propoñer o Día das Letras Galegas. Con este referente da nosa literatura o Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu celebrar entre os meses de febreiro e xuño de 2013 un congreso dedicado a súa figura. O anterior congreso sobre a figura de Rosalía de Castro celebrárase en 1985. Ramón Villares, presidente do CCG, explicou na presentación desta iniciativa que terá lugar o ano vindeiro que agora hai outros obxectivos. “Buscamos outras olladas”, asegurou, “procurando a vixencia de Rosalía no século XXI”. Os tempos mudan, hai máis información e máis medios. Por este motivo unha parte do Congreso será virtual, un xeito máis económico e produtivo de que participen investigadoras e investigadores de todas partes do mundo. Despois de tantos anos desde o anterior congreso as achegas serán importantes “mais non revolucionarias”, como indica María do Cebreiro, membro da comisión organizadora. Como exemplo puxo o traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con nova documentación ao redor das figuras materna e paterna de Rosalía. “Achegará novas informacións”. O Congreso celebrarase as últimas quintas de cada mes desde febreiro até xuño de 2013 de maneira presencial no propio CCG e tamén de forma virtual. Na Comisión organizadora figuran, ademais de María do Cebreiro, Rosario Álvarez, Anxo Angueira e Dolores Vilavedra.” Desde Sermos Galiza.

A Asociación Roberto Vidal Bolaño sobe o pano

“Nace en Compostela a Asociación Roberto Vidal Bolaño, co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo, que formaliza a súa inscrición como asociación cultural despois de postular con éxito o dramaturgo compostelán para a conmemoración do Día das Letras Galegas, está integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
Baixo a denominación de RVB 2013, a asociación proponse impulsar un programa de actividades nas que o teatro sexa protagonista fundamental, nas que se evidencie o valor literario da obra do dramaturgo e nas que se dean a coñecer os seus aspectos menos divulgados. Outro dos obxectivos que se propón esta asociación é realizar labores de orientación ou asesoría sobre a obra e a figura do escritor, fornecer de materiais para o ensino e canalizar as necesidades que poidan ter colectivos e particulares arredor de RVB, en especial no sector da educación. Tamén é intención da asociación realizar un labor de coordinación entre entidades organizadoras de actividades para evitar duplicidades nas celebracións.
Para todo isto, a Asociación Roberto Vidal Bolaño traballa xa na confección da web, que se presentará xunto coa propia asociación no Culturgal o domingo 2 de decembro ás 18:00 h. Mentres, a asociación anima ás persoas e colectivos que queiran achegarse á figura do dramaturgo a contactar con eles a través da dirección de correo-e: info@robertovidalbolano.org.” Desde Praza.

O Consello da Cultura Galega inaugurou en Sâo Paulo a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil

“O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurou na Casa Guilherme de Almeida, en Sâo Paulo (Brasil) a exposición Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil, en colaboración co Governo do Estado de São Paulo e a Secretaria de Cultura paulista. A mostra poderá contemplarse ata o 30 de decembro. A exposición repasa a actividade de Valentín Paz-Andrade (1898-1987), avogado, xornalista, especialista en economía pesqueira, poeta, ensaísta e político activo no compromiso democrático, republicano e galeguista. Figura sobranceira da Galicia do século XX, á quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi tamén dos primeiros en tender pontes coa lusofonía, e nomeadamente co Brasil, reivindicando a Guimarães Rosa e Guilherme de Almeida como autores que valorizan a literatura galega. Sobre os contidos da exposición, a biografía de Valentín Paz-Andrade e as relacións entre Galicia e Brasil falou despois na Casa Guilherme de Almeida o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen describiu ao autor de Galicia como tarea como “persoa de reflexión pero tamén de acción, unha figura singular no panorama da cultura e da política galegas do século XX, autor dunha inxente e innovadora obra”.” Desde o Consello da Cultura Galega.

Na lembranza de Xoán González-Millán, por Dolores Vilavedra

Artigo de Dolores Vilavedra en Galaxia:
“Hai dez anos falecía en New York, víctima dun accidente de tráfico, Xoán González-Millán. O 2002 foi un ano duro: recén encetado perdíamos Carlos Casares e, cando case lle puñamos cabo, veu mancarnos esoutro pasamento inesperado. Os camiños vitais de Xan e Carlos cadraron moito máis do que a simple vista poida parecer, e por iso quero lembralos hoxe aquí. Alén desa morte súpeta e prematura que disque o destino lle ten reservada aos eleitos, ambos eran moi semellantes no vital e no intelectual: moi amigos dos seus amigos e amantes incondicionais da tertulia, os parrafeos nocturnos na casa de Vilariño eran unha competición de enxeño, e para os convidados un espectáculo ver faiscar senllas intelixencias. Carlos foi o mellor cómplice que Xan puido atopar para botar adiante os seus proxectos, tanto tempo soñados, para unha Galicia mellor, máis culta, crítica, lúcida e competente. Procurar o talento alí onde estivese, e darlle ocasión de desenvolverse, foi tamén unha teima común, que axiña deu froitos logrados: se o Anuario de estudios literarios galegos se fixo realidade a partir de 1992 foi polo apoio incondicional de Carlos, que lle abriu a Xan, de par en par, as portas de Galaxia. Carlos e Xan combinaban un don singular que era a capacidade de exercer a crítica sincera cunha dose de cordialidade que anulaba calquera efecto colateral non desexado. Conscientes de que a este país lle sobraba compracencia e lle faltaba madurez cívica, ambos entenderon esa práctica crítica como unha faceta máis do seu compromiso íntimo con Galicia. Se no caso de Carlos ese compromiso se encarreirou máis polos vieiros institucionais (do Parlamento á dirección de Galaxia e logo á presidencia do Consello da Cultura), Xan concretouno nun mangado de libros que renovaron radicalmente os estudos literarios galegos, aínda moi ancorados nuns modelos historicistas que nin sequera o pulo estruturalista e as contribucións feitas nos 80 dende eidos como a narratoloxía conseguirán actualizar en plenitude. (…)”.

Lugo: xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego

PROGRAMA

Martes 27 de novembro
– 18:00 h. Presentación a cargo de Mario Outeiro, deputado delegado da Área de Cultura e
Turismo da Deputación de Lugo
.
– 18:10 h. Táboa redonda con Xoán Carlos Garrido Couceiro e Pilar García Negro: VIXENCIA DE CASTELAO: NA ARTE, NO PENSAMENTO GALEGO.
– 19:00 h. Debate.
– 19:30 h. A restauración da obra en papel de Castelao no Museo Provincial de Lugo, por Blanca Besteiro García.
– 20:00 h. Visita técnica guiada á nova disposición da sala monográfica de Castelao a cargo da directora do MPL, Aurelia Balseiro García.

– No Museo Provincial de Lugo.
– Aforo: 80 asistentes.
– Información e contacto: direccion@museolugo.org Tlfno: 982 242 112 (Museo Provincial de Lugo).

Lugo: presentación de 22 documentos do feminismo galego

O martes 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase o libro 22 documentos do feminismo galego, publicado pola Fundación Galiza Sempre. No acto participan Isabel Rodríguez Mate, Xesús Veiga e Mario Outeiro.