O
xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, preséntase o libro Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco, de Goretti Sanmartín, publicado pola Universidade da Coruña. No acto a autora estará acompañada por Pilar García Negro e Xosé Manuel Sánchez Rei.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Santiago: presentación de Oroonoko, de Aphra Behn
O
xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase Oroonoko, novela de Aphra Behn, traducida ao galego por María Fe González en Hugin e Munin. No acto participa, xunto á tradutora, Alejandro Tobar.
Monforte: presentación de 22 documentos do feminismo galego
O
xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Monforte, preséntase o libro 22 documentos do feminismo galego, publicado pola Fundación Galiza Sempre. No acto participan Isabel Rodríguez Mate e Xabier Macías.
Pontevedra: presentación de Atl, de Manuel Lourenzo González
O
xoves 22 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, interveñen Manuel Bragado e Manuel Figueiras. Como peche, actuará o grupo de pandeireteiras Adonairare.
Laíño, Dodro: recensión da homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón
O
sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, tivo lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón. Na seguinte ligazón pódese ver a galería de imaxes do acto.
Deixamos aquí o texto da intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:
“Dona Neves, Flavia, querida familia de Eusebio, autoridades, amigas e amigos.
En nome da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega doulles a benvida a este acto de amorosa reivindicación.
Vimos da nación toda honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón nesta súa terra máis íntima e creadora do seu mundo poético, nesta súa casa, nos lugares onde ollou a luz por vez primeira e camiñou.
A luz que na súa man de ourive teceu as fervenzas da alma. A que habitou as palabras súas de fulgor para que a tenrura acariñe o íntimo de nós, coma orballo que vén con voar de ave nesta mañá outonal de novembro.
Esta placa insculpida no granito celebra hoxe a Eusebio, nesta súa casa, feita dos materiais cos que a terra crea os alicerces imperecedoiros con pedra sábrego e tenrura e que, e sobre de todo, está feita do cálido alento das voces dos seus seres queridos que nela moraron e compartiron a palabra e os seus silencios. A casa natal de Eusebio, feita de todo o que nela foi soño e fixo realidade amada, ou só ficou no invisíbel territorio do soñar para seren de novo soñados polas novas xeracións nun eterno enxendramento.
Cada casa é a suma dos seus pasados, nos que van deixando a súa pegada as xeracións que a habitaron e que viven entre nós ou xa son parte do alén, que é a patria máis fecunda e perdurábel.
A casa que habitan os recordos das xeracións que a viviron e dos que a viven, a casa, depositaria da alma da familia Lorenzo Baleirón que é un anaco da memoria colectiva de todo un pobo, que non é un absoluto abstracto senón os seres que son suma: os seus afectos na ledicia e na dor.
A casa que, coma nun libro nas súas paxinas, podemos ler a luz nas súas variacións do dia e a noite. Do albor ao solpor. Nesta terra onde chove miudiño, que nos manca por ser tanta a beleza, escoitamos hoxe os sons da natureza e os seus silencios tan cheos de vida, que deron a música da alma ao noso poeta.
Eusebio deunos nos seus poemas os máis innúmeros xeitos de nos comunicar humanamente tamén cos nosos silencios e o seu vocabulario que é nube e recende.
Permitídeme unha lembranza á cidade de Lisboa onde, coa nosa mocidade, atravesamos os seus brancos de cal. Compartín con Eusebio e mais Paulino e Asun un tempo de verao que hoxe semella soñado: compartimos a poesía, a amizade e aquel noso nacer de poetas na adolescencia do mundo.
A poesía de Eusebio, escrita na flor da idade, é parte das nosas biografías, aquela que vivimos non só no que humildemente somos, senón con aquel que soñamos ser.
Hoxe, en Laíño, na compaña da familia de Eusebio, celebrámolo con todos vós. E esta equipa fraterna que é AELG, filla da conciencia que somos, hónrase conmovida de poder falar por boca dos escritores ao amigo querido e admirado que vive en nós para sempre nunha eterna mocidade.
Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
En Tarrío, parroquia de Laíño, Concello de Dodro, 17 de novembro de 2012.“
Yolanda Castaño, finalista aos Premios do Tren
“A
poeta Yolanda Castaño é unha das doce finalistas aos Premios do Tren, Antonio Machado de Poesía e Conto que convoca a Fundación dos Ferrocarrís Españois. Un total de 976 obras foron as presentadas ao certame, procedentes de 22 países. Despois de que o 14 de setembro rematase o prazo de presentación de obras, a Fundación ven de facer públicos os doce traballos finalistas, seis de poesía e seis de narrativa. Yolanda Castaño é a única muller nos nomes finalistas tanto en poesía como en narrativa e na sección de poesía, a súa obra Tren de vida é a única presentada nunha lingua distinta do español. O fallo do xurado coñecerase o próximo día 28 deste mes nun acto público ao que asistirán os participantes finalistas. Un xurado composto por oito persoas, homes na súa totalidade, decidirá o fallo dun premio dotado en 6.000, 3.000 e 500 euros que contempla a publicación das obras finalistas na Colección Premios do Tren. Entre os membros do xurado atópase Jon Juaristi, Eduardo Mendicutti ou Luis García Montero.” Desde Sermos Galiza.
Salvador García Bodaño e Miguel Anxo Fernández, entre os Premios da Cultura 2012
“Un
xurado
formado por representantes da Xunta de Galiza, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, ademais de catro persoas do mundo da cultura, escolleron como premiados nesta edición dos Premios da Cultura Galiza a Salvador García Bodaño na categoría das Letras; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; Manuel Quintana Martelo na das Artes Plásticas; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández na modalidade de Creación Audiovisual. Estes galardóns crearonse no ano 2008 co nome de Premios Nacionais da Cultura Galega. Desde a chegada do PP ao goberno da Xunta non levan o nome de “nacionais” e non dispoñen de dotación económica algunha.” Desde Sermos Galiza.
Entrevista a Agustín Fernández Paz no programa Zig zag
O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou ao escritor Agustín Fernández Paz, que resultou gañador o sábado no Premio da Crítica Galicia na categoría de Creación Literaria polo seu libro Fantasmas de luz, publicado en Xerais. Desde a web da editora.
(Retro)visor, máis que poesía con Antía Otero
“Acompañada de Isaac Garabatos, a poeta e actriz Antía Otero afronta na sala Normal da Coruña a escenificación dos seus textos de 2010, cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, a instalación artística e o poema obxectual.” No programa Zig zag, da Televisión de Galicia.
Se non vos namorastes de Gaia en @ViasDeExtincion é que non tedes sensibilidade nin corazón! ;) #ParaGaia
“O
xoves 15 de novembro celebrouse en Pontevedra a presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez. No acto, celebrado na Libraría Paz, participaron, xunto á autora, Eva Mejuto e Fran Alonso. Na presentación da novela tivo lugar o sorteo de dous libros de María Reimóndez, Usha e O club da calceta, entre todas as persoas que enviaron tweets á conta de Twitter @ViasDeExtincion. Unha persoa entre o público escolleu o tweet gañador, que pertence a @luchinhagz. (…)” Desde a web da novela.