O
mércores 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan cinco dos seus autores, Carmen Blanco, Darío Xohán Cabana, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer e Alberte Suras.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ourense: O día de Nós
En
2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista Nós (1920-1935) no prelo de La Región, declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. Dende estón esta data dedícase a lembrar e poñer en valor a actividade do grupo cultural xurdido ao redor da revista e, sobre todo, quentar motores para as grandes celebracións que terán lugar en 2020, no seu centenario. Nesa data quérese celebrar un Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, neste eido, tanto do interior coma da diáspora. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura. O programa deste día é o seguinte:
– De 12:30 h. a 13:30 h. Xardíns e Praza do Padre Feijoo, ou Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense (por imperativos meteorolóxicos).
1. Lectura pública da revista Nós, a cargo dos directivos/as, socios/as e compromisarios da ApCNós2020. Mantedor: Uxío Novo. Lectores convidados: Sarabela Teatro.
2. Lectura do Manifesto Ourense 2020: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da Cultura. Inicio da campaña de recollida de asinaturas a prol do manifesto.
3. Peche: Himno Galego.
– De 17:30 h. a 18:30 h. Camposanto de San Francisco.
1. Ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais.
2. Roteiro-memorial guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020 co acompañamento musical dun gaiteiro.”
Marcos Abalde gaña o premio Marqués de Bradomín por Xudite
“Unha
obra lírica sobre a maternidade, a medicalización do parto ou o sexo como ferramenta de poder. Todos estes temas se dan en Xudite, a ora co que o dramaturgo galego Marcos Abalde (Vigo, 1982) acaba de obter o premio Marqués de Bradomín 2012 de textos dramáticos que outorga o Instituto da Xuventude, Injuve. A súa foi seleccionada entre 52 obras e, ademais de ser o a primeira vez que este galardón recae nun autor galego, faino cun texto na nosa lingua.
Marcos Abalde continúa neste xeito a súa traxectoria como autor dramático. Malia ser moi novo, en 2011 fíxose co premio Álvaro Cunqueiro cun texto poético situado nun contexto bélico titulado A cegueira e neste ano foi finalista dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega con Canibalismo.” Desde Cultura Galega.
Camiños de letras en Compostela
“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.
Quiosco: Grial 195
“Chega
aos quioscos a entrega 195 de Grial. A revista de Galaxia centra boa parte dos seus contidos en Diálogos O2, encontro no que antigos bolseiros da Fundación Barrié reflexionaron sobre a ordenación do territorio no noso país e o proceso global de urbanización acelerada. Canda a isto, a publicación aborda temas como a relación de Celso Emilio Ferreiro coa censura, recuperando un conto inédito do autor, ou o Conto galego de Rosalía de Castro, entre outras cuestións.” Desde Cultura Galega.
A Coruña: conferencia sobre Nocións de literatura africana, de El Hadji Amadou Ndoye
O Goberno reduce á metade a súa asignación á Academia Galega
“O
Goberno central vén de aplicar unha drástica redución na asignación que o Ministerio de Educación e Cultura destina anualmente á Real Academia Galega nos Presupostos Xerais do Estado. O departamento que dirixe José Ignacio Wert aplicará de novo as xa célebres tesoiras ás axustadas contas da RAG, que pasarán dos 682.000 euros consignados no presente exercicio a exactamente a metade, 341.000 euros. Así consta no proxecto dos orzamentos do 2013 presentado polo Executivo de Rajoy, actualmente en proceso de trámite parlamentario, pendente aínda da súa aprobación definitiva e da posible introdución de emendas a proposta dos diferentes grupos. (…) Á vista destas cifras, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou onte que vén de remitir unha carta ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, para que asuma persoalmente a decisión de corrixir as contas elaboradas polo equipo de Wert, xa que considera que existe unha discriminación clara da RAG e das academias vascas e catalá fronte a institucións con moita menor actividade. «Neste caso non hai, como en anteriores ocasións, discriminación da Academia Galega fronte ás academias vascas e o Institut d’Estudis Catalans, que sofren todas un recorte do 50 % na súa partida, pero si hai unha discriminación das institucións de Galicia, Euskadi e Cataluña respecto ás academias españolas, ás que só se lles reduce un 39 % a axuda do ministerio», subliñou Ferrín. (…)”.
Conclusións do XXIX Encontro Galeusca
O
Congreso da Federación Galeusca reúne anualmente representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate, que nesta ocasión foi Oralidade. O que se escribe para dicir, unha reflexión desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
Así pois, reunidos en Donostia os días 26, 27 e 28 de outubro no marco do encontro anual da Federación Galeusca, os escritores cataláns, galegos e vascos, chegouse ás seguintes
CONCLUSIÓNS
1. Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2. Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3. Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4. Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5. Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6. Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.
Este encontro é tamén o marco no que se celebra a Asemblea da Federación Galeusca, creada polas asociacións de escritores de Euskadi, Cataluña e Galicia como instrumento para a coordinación e a acción conxunta, esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas. A Asemblea tomou, entre outros, o acordo de facer xestións ante o Ministerio de Cultura para que aplique e leve á practica a proposición non de Lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura (1), que, impulsada pola propia Federación Galeusca, foi finalmente foi aprobada por unanimidade o 15 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Esta proposición indica que o Estado debe crear as condicións para que poidan ser perceptoras das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado, feito que non está a acontecer dado que a Asociación Colegial de Escritores de España recibe axudas ás que non optan as súas homólogas de Cataluña, Euskadi e Galicia.
(1) Foi aprobada nos seguintes termos:
1. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir avanzando no impulso e protección da multiculturalidade e o plurilingüísmo existente en España, mediante unha política de promoción, protección e difusión da obra artística e literaria, con independencia da lingua utilizada.
2. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir impulsando a incorporación de representantes do ámbito literario en todas as linguas do Estado en Actos, Premios, Xurados e Institucións dependentes do Ministerio de Cultura. Así mesmo insta a crear as condicións para que poidan ser perceptores das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
3. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir establecendo canles de diálogo coas asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
Parlamento das Letras: Rosa Enríquez
Entrevista
de Armando Requeixo a Rosa Enríquez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rosa Enríquez (RE): Faría falla, creo, traducir moitas máis obras galegas a outras linguas. Así é que, consecuentemente, falta visibilidade e, nalgúns casos, sobran egos. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RE: Estou ben orgullosa da nosa literatura, principalmente da poesía. Paréceme de gran calidade, por esa razón, fáiseme triste non dála máis a coñecer fóra da terra.”
Ramón Caride: “O peor desta provincia é que se está indo xente moi preparada”
Entrevista
a Ramón Caride en La Región:
“(…) – La Región (LR): En que está traballando agora?
– Ramón Caride (RC): Estou escribindo outro conto infantil e acabo de rematar O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ambientado na cidade de Ourense, concretamente nas termas, e que presentarei en xaneiro do ano que ven. Ademáis, acaba de sair en Xerais unha recopilación de relatos e de novelas de serie negra: Sarou/Louzós, son libros para adultos que estaban esgotados, e que presentarei en novembro en Vilagarcía, aínda que xa está a venta nas librerías. (…)
– LR: Cómo lle afecta a crise ós escritores?
– RC: Os escritores estamos menos afectados pola crise porque a crise forma parte de nós en Galicia. Hai moi poucos que podan vivir de escribir, cóntanse cos dedos da man e sobran. A quen máis lle repercute é as editoriais, ós músicos, ós actores, ós deseñadores gráficos, en xeral, a todo o mundo, pero ós escritores menos porque xa estabamos mal, e onde non hai non se pode empeorar. A situación xa non permitía vivir da literatura porque o mercado galego é pequeno e non temos capacidade para vendernos fora, non temos medios nin axentes literarios que son os que fan que un autor poda vivir do que escribe.
– LR: E non ten solución?
– RC: Si, hai paises como Finlancia, Islandia ou Dinamarca, en xeral todos os nórdicos, nos que os gobernos consideran prioritaria a cultura e apostan moi forte pola política cultural.
– LR: Con este panorama, ata debe ser difícil inspirarse para escribir.
– RC: Escribir non é o resultado dunha inspiración, no meu caso responde a unha necesidade interior. Por exemplo, a situación de crise non me condiciona, o que quero é evadirme, escribir sobre un mundo imaxinario. Agora non é a mellor época pero tampouco é a peor, porque meus pais tiveron que pasar moitos apuros para pagar os estudios meus e do meu irmán, penso que a deles era unha vida peor que agora. Creo que non estamos no fondo do pozo, na historia houbo épocas moito peores. (…)”.
