A
edición viguesa de La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Jorge Lamas a Marcos Calveiro, Premio Merlín 2012 por Palabras de auga. Nela, o autor do Premio Merlín asegura que: «eu non elixín África como marco da novela: foi ela a que me elixiu a min». E logo engade: «Naceu nunha nova que lin nun xornal. Contaba que no Sahel, unha zona de moita fame, as mulleres non tiñas outra que procurar nos formigueiros os grans recollidos polas formigas. Pareceume unha imaxe tan impactante da condición humana que naceu esta historia». Marcos Calveiro observa o futuro con optimismo e asegura que «lectores sempre haberá e libros hai moitos na historia da literatura».
A entrevista completa pódese descargar aquí.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
As axudas á tradución chegan a 74 proxectos
“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.
Santiago: presentación de Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro
O
martes, 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ana Salgado e Manuel Bragado.
O Consello de Europa critica a redución do galego no ensino
“Galicia está a incumprir a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, promovida polo Consello de Europa e á que o noso está adscrita. O comité de seguimento deste convenio expresou nun informe que se facía público a semana pasada a preocupación “pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoios” que se está a dar no noso país. Ao tempo, reclamoulle ao goberno da Xunta que implante un número suficiente de escolas “que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego” de xeito que se garanta o dereito dos pais a que os seus fillos teñan unha educación na nosa lingua.
Este comité denunciou tamén a falta de información fornecida pola Xunta sobre a situación da lingua e a escasa presenza do galego nos medios de comunicación.” Desde Cultura Galega.
Enriquez Sáez Ponte: “Un dos eixos estratéxicos do galeguismo debería ser reintegrar Portugal”
Entrevista
a Enrique Sáez Ponte na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Escribiu vostede que os galegos temos un problema de confianza en nós mesmos e o uso do idioma propio sería un termómetro desa confianza. Ese é un problema central se atendemos á idea de que historicamente as elites galegas pactaron progreso por identidade.
– Enrique Sáez: Pero non é precisa esa transacción, iso é algo que nos venderon. Galiza ten un idioma que ademais está preto do portugués. Eu dirixín os negocios do Banco Pastor en Portugal durante 12 anos e tivemos un parceiro importante en Sonae, con Amorim o grupo empresarial portugués máis importante. Traballei moitos meses en Portugal con avogados, directivos, asesores fiscais, operarios de todos os niveis, con auditores… e sempre utilicei o galego. O noso idioma é un activo poderoso, igual que se falamos de bioloxía mariña o termos un mellor plancto é o activo polo que se queren instalar aquí as piscifactorías norueguesas. Os activos, sexan recursos naturais ou culturais, son vitais. Fixen unha suxerencia, e vouna repetir sempre: agora que se está debatendo que os profesores de galego dean francés, eu obrigaría a todos os centros de secundaria do país, públicos e privados, a ofrecer como segunda lingua estranxeira optativa, o portugués. Porque xa bastante vai custar que falen inglés como para facer que falen francés ou alemán. Se se estuda galego en todo ciclo escolar, nun ano apréndese portugués que ten máis falantes no mundo que o alemán ou o francés, e ademais é lingua oficial en Europa. Se lográsemos isto á fin da escolarización, co dominio de galego, castelán, portugués e inglés… poderían, por exemplo, ser funcionarios europeos ao dominar tres linguas oficiais. Isto é un activo enorme, non se precisan cartos para poñelo en valor e traducen unha autoestima na propia creación cultural. Estragar activos é como estragar cartos e neste caso é ocasión de manexar un idioma que falan 230 millóns de persoas no mundo. (…)”.
Bases da XV edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole 2012
A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XV Edición do Certame de Narración Curta ÁNXEL FOLE en lingua galega, que se rexerá polas seguintes
BASES
1ª.- Poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen.
2ª.- Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dúas obras orixinais e inéditas escritas en galego.
Enténdese por obra inédita a que non foi difundida publicamente en ningún soporte, nin publicada de ningún xeito a través da internet.
3ª.- O tema dos traballos será libre. A extensión dos textos non superará os 36.000 caracteres con espazos incluídos.
4ª.- Os traballos poderán presentarse mecanografados a dobre espazo por unha soa cara e en triplicado exemplar, ou ben en soporte dixital (CD / DVD ou lapis de memoria) en copia única. En calquera dos casos, presentaranse no departamento de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1), baixo un lema ou pseudónimo que figurará no soporte elixido, no cal non haberá ningún dato que identifique o seu autor/a. En sobre pechado, sinalado no exterior co mesmo lema ou pseudónimo, incluiranse os datos do autor: nome e apelidos, enderezo, poboación, código postal, teléfono e correo electrónico no seu caso, fotocopia do DNI ou pasaporte e título da obra presentada.
5ª.- O prazo de presentación pecharase o día 31 de decembro do 2012. Nos envíos postais admitiranse os que sexan expedidos ata a devandita data límite.
6ª.- O xurado estará formado por persoas competentes na materia, designadas pola Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
7ª.- O premio ou premios poderán declararse desertos sempre que sexa por decisión unánime do xurado.
8ª.- Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dun relato e o ditame do xurado ese relato obtén algún premio noutro concurso, o autor débello comunicar a este Concello, retirándoo do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, entenderase que a obtención dun premio anterior por un determinado relato implica a renuncia automática ao premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído por descoñecemento desa circunstancia.
9ª.- O Concello de Lugo poderá publicar os relatos premiados, considerándose os dereitos de autor incluídos no premio. Os autores poderán tamén, con posterioridade á primeira edición do Concello, publicar libremente os seus relatos, facendo mención do premio recibido.
10ª.- A participación no certame supón a aceptación total destas bases.
11ª.- Unha vez ditaminado o premio, os orixinais non premiados serán destruídos xunto coas súas correspondentes plicas.
12ª.- Os premios establecidos son:
Primeiro premio: 1.500,00 €
Segundo premio: 1.000,00 €
Terceiro premio: 500,00 €
Concello de Lugo
Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua
Praza Maior, 1, 27001, Lugo
Tel. 982297334
cultura@concellodelugo.org
As bases poden descargarse tamén aquí: Bases Premio Ánxel Fole 2012.
Láncara: entrega do XI Premio Ramón Piñeiro-Facer País a Agustín Fernández Paz
Ouzande, A Estrada: presentación de A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins
Cecebre, Cambre: presentación de Tinta, de Inma López Silva
O
sábado 27 de outubro, ás 19:00 horas, na Fundación Wenceslao Fernández Florez (Villa Florentina, Apeadeiro, 14) de Cecebre, Cambre, Inma López Silva presenta o seu libro Tinta, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Xosé Luís Vilela.
Gondomar: Ramón Caride participa na sesión do clube de lectura Lendo contigo
O
sábado 27 de outubro, ás 12:00 h., na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar unha nova sesión do Clube de Lectura compartida Lendo contigo, dirixido a nenas e nenos de 7 a 11 anos, xunto aos seus pais e nais. Nesta ocasión falarase sobre o libro Andanzas de Xan Farrapeiro, de Ramón Caride, publicado en Xerais. Na primeira parte comentarase o folleto preparado para esa lectura e logo manterase un encontro coa presenza do propio autor.

