A Coruña: Xogos con papel, obradoiro con Ángel de la Cruz

O obradoiro Xogos con papel, dirixido por Ángel de la Cruz, permitirá aos asistentes traballar a creación e xeración de ideas, o desenvolvemento paso a paso da idea ao guión e a súa presentación, venda e comercialización. Practicarán a escrita do guión como un xogo, con exemplos e exercicios prácticos.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: 12 horas. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 14/11/2012 ao 19/12/2012.
Horario: mércores de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 90 € socios. 120 € non socios.
Inscrición: aquí.

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas

“(…) As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n)versos convoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis. (…)” Desde Sermos Galiza.

Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro pasan a formar parte do Portico of Galician Literature

“O portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro.  Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.

Ponteceso: proxecto Os camiños do Mar

Ponteceso. Os Camiños do Mar é unha iniciativa turística do Concello de Ponteceso que pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán. Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco, e que, a través das novas tecnoloxías permiten vertebrar sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.

Rematou o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

Rematou xa o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, co lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, celebrado no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, os pasados 20 de setembro e 4 e 18 de outubro, baixo a organización da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
A seguir, deixamos aquí as crónicas das tres mesas celebradas, recollidas no Diario da Universidade de Vigo, e elaboradas por D. Besadío.

Convite a participar na mesa redonda Cercando as ondas, no Obradoiro Internacional Con barqueira e remador, o martes 30 de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida a participar nunha actividade na que colabora e que se enmarca no amplo programa do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador.
Presentamos unha mesa redonda con título Cercando as ondas. Que significa ser poeta en … (Finlandia, Cataluña, Croacia, Islandia, Eslovenia, Letonia e Galiza), a celebrar o martes 30 de outubro no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira, Pontevedra) ás 19:30 horas, como foro aberto dirixido a todos os escritores/as, docentes de literatura, editores/as, tradutores/as e persoas interesadas na escrita poética do noso e doutros territorios.
Para iso contaremos coa presenza de sete poetas de recoñecido prestixio en lingua finesa, croata, rusa, catalá, islandesa, eslovena e galega -cuxas biografías podedes consultar no documento anexo-, e así achegarnos á realidade poética e autorial desoutros sistemas literarios, e tamén para que os e as convidadas teñan a ocasión de coñeceren máis de perto o tecido cultural do noso país e tomar contacto cos nosos públicos.
Para facilitarmos a organización do evento, de carácter aberto, agradecemos que nos confirmes a túa asistencia antes do 29 de outubro nos contactos habituais da nosa oficina técnica:
– Teléfonos: 981 133 233 e/ou 696 581 971.
– Correo electrónico: oficina@aelg.org.

Manuel Rivas: “Necesitaba facer este libro e fíxeno coma se fose ou último”

Entrevista a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia: ¿É o retrato dunha época [As voces baixas]?
– Manuel Rivas: É unha memoria individual e unha memoria colectiva. É un retrato dunha época, pero non dende unha vontade totalizadora histórica. Aparece unha atmosfera do que era o medo. Hai un capítulo do Entroido que se chama O primeiro enterro de Franco que é cando unha comparsa de Elviña, o Meco que van tirar o río Monelos é Franco. Está retratada non só a materia pesada da historia, tal e como nola contaban na escola, está a outra historia que oías como neno na condición de espía dos adultos. O que non se pode dicir, o que non se pode contar. Nesa fase, que oín moitísimo, non hai un tratado político pero di moito da política da época. Tamén está contada esa vida alternativa, esa capacidade da xente para ter espazos de reexistencia nos que eran quen de protexer o hábitat da festa, da solidariedade, iso aparece moito: os partidos de fútbol entre as mulleres, nos anos 60, que era poñer o mundo ao revés. Hai moitas claves da época que non se encontran nos libros de historia, atópanse nas voces baixas, que poden contar a historia desde o ras, a rentes do chan. A este libro, se tivese que buscarlle un equivalente pictórico, serían as espigadeiras de Millet, que van buscando os grans, os grans da historia. (…)”.

Illa de San Simón: Con barqueira e remador, obradoiro internacional de tradución poética, do 29 de outubro ao 3 de novembro

Do luns 29 de outubro ao sábado 3 de novembro, na Illa de San Simón, terá lugar o obradoiro internacional de tradución poética Con barqueira e remador, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coa institución británica Literature across frontiers, e coordinado por Yolanda Castaño.
Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia concibida a semellanza doutros proxectos de tradución de grandes literaturas que se levan a cabo en países europeos. Ao longo desa semana, os e as participantes convivirán e traballarán para trasladar os seus textos, de ata sete páxinas por autor, a cada unha das linguas representadas neles mesmos. Os participantes, Brane Mozetič (esloveno), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Txema Martínez (catalán), Marko Pogačar (croata), Sergej Timofejev (ruso), Merja Virolainen (finés) e Yolanda Castaño (galego), cumpren o dobre perfil de seren poetas de recoñecida traxectoria no marco do seu respectivo sistema literario e, asemade, posuíren experiencias no eido da tradución. Mediante lecturas en voz alta, postas en común, debates grupais ou diálogos por parellas, os autores e autoras puirán, perfilarán e rematarán os bosquexos de traducións que os e as poetas traian a Galicia. Tras este traballo inicial, o compromiso finalizará unha vez de volta nos seus países de orixe, onde rematarán os seus traballos antes de darllos a coñecer ao público lector.
Os seráns de seis días de convivencia e traballo encheranse cunha serie de actividades que lles permitirán aos participantes coñecer máis de preto o tecido cultural do país. A mesa redonda Cercando as ondas. Que significa ser poeta en… (Finlandia, Croacia, Cataluña, Letonia, Eslovenia e Islandia) será a primeira delas e terá lugar o martes 30 de outubro, ás 19:30 horas no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra. A acción, amais de co apoio da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da AELG e do Concello de Pontevedra.
Dous recitais poéticos multilingües que levan por título Atendendo ao meu amigo serán a mellor mostra do traballo poético dos autores e das autoras. Un deles terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 19:30 horas, no Museo do Mar de Vigo. O outro, o venres 2 ás 20:00 horas no Auditorio Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, en colaboración co Concello.
O programa complétase con Non morrerán fremosos. Un paseo polo Vigo de onte, unha ruta literaria polo Vigo histórico que arrancará no número 1 da rúa Urzáiz o xoves 1 de novembro, ás 17:30 horas, cunha duración de hora e media. Achegaralles aos participantes anécdotas e fitos relacionados con autores e autoras locais e universais, en colaboración coa Fundación Carlos Casares.
Todas as actividades do programa son gratuítas e abertas ao público en xeral.

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 72

“A Asociación Cultural Entre Bambalinas presentou o seu último número da Revista Galega de Teatro. Nesta ocasión acaparado por outras citas escénicas como o Festival de Avignon, o de Almada, o FITEI de Porto ou o Gil Vicente de Guimarães. Canda el, este traballo, que fai o número 72 da súa serie inclue o texto Ritos de sangue, de María Xosé Queizán, no marco do proxecto de difundir a dramaturxia galega. Críticas (Galicia Caníbal, A función do tequila, Paus de cego e A terapia exposta) completan un número que dedica un artigo a Wajdi Mouawad (Líbano, 1968), un dos creadores escénicos máis relevantes do momento.” Desde Cultura Galega.