Publicado o Revista de Poesía nº 2 en Poesía Galega

“Pode lerse e baixarse en pdf o número 2 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas, obra gráfica e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon a disposición pública o segundo número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. (…)” Vía Poesiagalega.

Carballo: actividades do venres 24 na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá até o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o venres 24:

12:30 h. Contacontos de Paula Carballeira e presentación do seu libro O principio, publicado por Kalandraka.
19:30 h. Presentación conxunta das obras Patente de corso, de Rafa Villar, e Acuario, de María Canosa, publicadas por Embora. No acto, nenas e nenos recitarán poemas dos libros.
20:30 h. Espectáculo poético-musical de presentación de Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. No acto participan, xunto á autora, Mon Búa, Mon Lendoiro e Chiña.

Monforte: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas

Dentro da XV edición da Feira do Libro de Monforte, que se desenvolve na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, o venres 24 ás 20:00 horas, preséntase Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado en Everest Galicia. No acto, xunto á autora, participan Montse Pena Presas e Daniel Puente Bello. O programa completo pódese descargar aquí: XV Feira do Libro de Monforte.

Cambados: presentación de Locus Solus, de Raymond Roussel e Angel Esquire, de Edgar Wallace

O venres 24 de agosto, ás 20:30 horas, no Pazo de Torrado, Fefiñáns, Cambados, preséntanse as obras Locus Solus, de Raymond Roussel e Angel Esquire, de Edgar Wallace, publicadas en Hugin e Munin. No acto, organizado polas librarías Ramón Cabanillas e Contos, participan os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, xunto ao editor, Alejandro Tobar.

Carballo: actividades do xoves 23 na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 23:

13:00 h. Pregón inaugural a cargo de Fernando Cabezas Quiles, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
19:30 h. Presentación conxunta de Outramente…, de Pilar García Negro, e Lingua e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicados en Laiovento. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños, participa, xunto aos autores, Xosé Cotelo.
20:30 h. Presentación do libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Pablo Vaamonde, Xosé Turnes e Manuel Bragado.

Parlamento das Letras: Miro Villar

Entrevista de Armando Requeixo a Miro Villar, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miro Villar (MV): Na miña opinión visibilidade. O coñecemento (escaso) que hai da nosa literatura no exterior, ben sexa na Península (porque inclúo a Portugal) ben sexa en Europa ou en América, é debido case sempre a azares, provocados polo interese persoal de alguén que chegou a nós e que decide promocionar ese discurso literario porque lle di algo. Non é estraño que isto suceda así, porque o mesmo ocorre entre nós a respecto doutras linguas que están, pola razón que sexa, nas marxes, na periferia do sistema literario. A literatura galega (como as outras literaturas periféricas do estado español: a catalá ou a vasca) apenas se traduce e son moi poucos os autores, case sempre narradores, que son coñecidos fóra das nosas fronteiras. Aos poetas tradúcesenos pouco e case sempre en antoloxías colectivas, como A tribo das baleas (2001), que reúne trece poetas galegos dos anos 90 nunha edición trilingüe galego/castelán/inglés. Pero esta é unha iniciativa dunha editorial galega. As foráneas non se arriscan a publicarnos. Polo tanto, as dificultades á hora de promocionar a nosa literatura son inmensas. Cómpre xa crearmos un organismo semellante ao Ireland Literature Exchange ou o catalán Institut Ramon Llull que subsidian que a súa literatura propia sexa trasladada a outras linguas do mundo. Só lle teño lido unha opinión algo semellante ao editor Manuel Bragado nas súas Brétemas. E doutra banda, visibilidade aquí tamén, nas librarías e na prensa galega (feita en Galicia, pero con case todas as súas páxinas en castelán), porque calquera novidade editorial en español adoita ocupar máis espazo que a aparición dun libro en galego. Así sucede que a literatura galega é invisible no seu propio país. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Feraz, moi feraz, mais falto de lectoras e lectores. Os inquéritos son teimudos, metade da nosa poboación nunca le e das persoas que o fan tan só unha pequena porcentaxe é lectora na nosa lingua. Sempre boto de man dunhas palabras do poeta alemán Arnfried Astel: O home, para quen escribo/ non le. Velaí pois un dos maiores problemas. E como tamén dixo Jean Paul Sartre: “Por tanto, o autor escribe para dirixirse á liberdade dos lectores”, esa mesma liberdade que teñen para nos ignorar. Dicíalle isto a Ramón Vilar Lavandeira en Letraenobras hai uns meses á pregunta de como avaliaba o momento polo que pasa hoxe a literatura galega: “Coma unha moeda de moito valor e de escasa circulación. Explícome. Pola banda de arca a nosa literatura está nunha época feraz e de moito dinamismo, conviven nela varias promocións ou xeracións en plena produtividade, cultívanse todos os xéneros posibles (mesmo algúns que até hai moi pouco non tiñan tradición no noso idioma) e hai obras de moitísima calidade. En poesía, por exemplo, é algo recoñecido por autores doutros ámbitos como o poeta Antonio Gamoneda. Agora ben, pola banda de couso, temos dous graves problemas, que mesmo están incardinados. Velaí a situación regresiva da lingua que nos presenta un futuro pouco esperanzador, e non só polas continuas agresións que recibe o noso idioma senón porque a sociedade está a mudar e nesa muda semella desexar perder o seu maior signo de identidade. E, en paralelo, está a mingua do público lector atraído por novos soportes que está a levar a unha crise da literatura da que aínda non somos quen de agoirar a onde nos vai levar. Os meus amigos libreiros xa levan tempo advertíndome da crise de vendas, as feiras son agora case “descampados”, e non estou certo de que iso só teña a ver coa crise económica, senón coa tamén coa crise das humanidades, algo que apalpo todos os días nas aulas, como docente que son, onde o “lóxico” semella encarreirar o alumnado cara ás ciencias”. (…)”

Monforte: mesa redonda na XV Feira do Libro

A XV edición da Feira do Libro de Monforte, que remata o sábado 25 de agosto, desenvólvese na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas. O acto máis destacado do xoves 23 será unha mesa redonda, ás 21:00 horas, baixo o título Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. O programa completo pódese descargar aquí: XV Feira do Libro de Monforte.