Entrevista
a Francisco Castro en Xornal:
“(…) – Xornal (X): Son tempos de furia para o sector no que traballa, tanto no ámbito literario como editorial. Que nos queda por ver coa situación que hai, coa crise que se vive, cos recortes que sofre a cultura e cos ataques que padece a lingua?
– Francisco Castro (FC): Eu son de natural optimista, incluso en momentos nos que hai motivos para ser moi pesimista. Aínda así, penso que o optimismo vai ser a única actitude que nos vai salvar. Son unha persoa que quere intervir na nosa realidade cultural e quero incidir nunha idea: a responsabilidade é nosa. Evidentemente, os ataques lingüicidas axudan a que as cousas nos vaian tan mal. Evidentemente, a manipulación que o Partido Popular está a facer da cuestión lingüística axuda a que nos vaia tan mal. Pero eu son dos que din sempre que a sociedade civil é a que ten a última responsabilidade. Se o país estivese á altura da nosa cultura, outro galo cantaría. Eu creo que, independentemente de que a situación apunte cara ao desastre, temos que levantarnos pola mañá para escribir libros, para editar libros, para compoñer cancións, temos que seguir pintando… E agora máis que nunca cómpre estar ilusionado. O contrario lévanos ao suicidio.
– X: Diego Ameixeiras, Domingo Villar e Carlos Reigosa son autores que cultivaron a novela negra en galego. É un xénero que dá moi bos resultados para a literatura do país. É unha fórmula necesaria para captar lectores?
– FC: É unha boísima nova os éxitos deste xénero para a literatura galega. Iguálanos con outros moitos sistemas literarios. Neste momento hai un auxe da novela negra. Nunca foi cativo en lectores este xénero, pero agora é un dos xéneros máis exitosos na nosa contorna occidental. Que a cultura galega participe diso é unha gran alegría, unha boa noticia. No caso de Domingo Villar é algo para sacar peito e sacar o noso orgullo por ter un autor que vende tanto, non só en Galicia, senón en moitos lugares. E todo partindo do galego. Outra cousa é o que pretendía facer eu aquí. A min apetecíame un pouco xogar co xénero. Ao final todas as críticas e os comentarios que chegan do libro [In vino veritas] coinciden en que ten unha dose de intriga moi forte e que cumpre con todos os parámetros da novela negra. Claro que si! Eu quería facer parodia, pero quería escribir novela negra.
– X: Varios dos seus libros publicados foron premiados. Os certames son un mecanismo imprescindible para publicar?
– FC: Se non fose polos premios sería máis complicado. De cando en vez aparece ese debate sobre se hai demasiados premios literarios. A nosa lingua é unha lingua minorizada, que non minoritaria e, polo tanto e aínda que sexa un topicazo, os premios axudan a visibilizar a literatura galega e é a porta para a edición de autores. Hai moita xente con talento que está farta de enviar as súas obras ás editoriais. Eu sempre digo que hai que ir aos premios e para min o principio foi así. No ano 97, xa con dous libros publicados e varios anos sen publicar nada e con serias dúbidas, a min cambioume a perspectiva sobre o meu propio traballo o premio Lueiro Rey de Novela Curta. Cando recibes un premio, recibes moitos folgos. Eu defendo os premios e, con isto da crise, hai premios moi importantes que están a caer e que temos que facer esforzos para que non desaparezan.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Convocado o XXIX premio de novela longa Blanco Amor
A
Concellaría de Cultura do Concello de Santiago convoca o XXIX premio de novela longa Blanco Amor, coas seguintes bases:
Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.
Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.
Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior Para o XXIX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de setembro de 2011. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de novembro de 2011.
Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago de Compostela, estará composto por cinco membros que serán: editores/as, Libreiros/as, escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de novembro de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2011.”
Convocado o IX Premio de narración e ilustración infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez
A Deputación de Ourense convoca o IX Premio de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, coas seguintes bases:
MODALIDADE DE NARRACIÓN
– 1. A este premio poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais.
– 2. De cada orixinal presentaranse seis copias, en papel tamaño folio ou en holandesa, meconagrafados a dobre espacio e só por unha cara, antes do día 12 de setembro do ano en curso, no Rexistro xeral da Excma. Deputación Provincial de Ourense (Rúa do Progreso, 32, 32003. Ourense).
– 3. Co orixinal, que se presentará baixo lema, achegaranse, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro, indicando no sobre: para o IX Premio Pura e Dora Vázquez.
– 4. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 3.000 euros.
– 5. O xurado estará composto polos seguintes membros: O Sr. Presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vocais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de Secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
– 6. A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu dictame ou resolución no mes de outubro do ano en curso.
– 7. O acto de entrega do IX Premio Pura e Dora Vázquez, nesta modalidade de narrativa, será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.
– 8. O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
– 9. A Excma. Deputación de Ourense, que se reserva tódolos dereitos de edición sobre a obra premiada en tódalas linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales deretos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cen exemplares da obra premiada.
– 10. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Os que non se retiren, serán destruídos.
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado, que se teña designado, que serán inapelables.
MODALIDADE DE ILUSTRACIÓN
– 1. Poderán concorrer ó premio tódolos ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste Premio Pura e Dora Vázquez e a el referidas.
– 2 O conxunto de ilustracións orixinais serán presentadas antes do día 20 de decembro, no Rexistro xeral da Excma. Deputación de Ourense (Rúa do Progreso, 32, 32003. Ourense).
– 3. Coas ilustracións, que se presentarán, no seu conxunto, baixo lema, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor.
– 4. Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 3.000 euros.
– 5. O xurado estará formado polos seguintes membros: o Presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa que el designe oportunamente) e catro vocais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de Secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
– 6. A composición do xurado darase a coñecer, así como o dictame ou resolución deste, en datas, que se comunicarán, oportunamente, nos medios de comunicación.
– 7 O premio poderá ser declarado deserto, no caso no que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
– 8. A Excma. Deputación de Ourense, como propietaria das obras, resérvase tódolos dereitos de edición sobre as obras premiadas, en tódolos ámbitos e linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, e poderá libremente publicar estas sen limitación de número nin de edicións. O beneficiario ou beneficiarios do premio comprométense a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os dereitos da obra ou das obras relativas ós cinco mil primeiros exemplares. O premiado ou premiadas recibirán gratuitamente cen exemplares.
– 9. Os orixinais non premiados poderán retirarse na Excma. Deputación de Ourense, nos dous meses seguintes á resolución do premio. Aqueles que así non se retiren, poderán ser destruidos.
A participación nesta convocatoria e modalidade de ilustración requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisión do xurado que se teña designado, que serán inapelables.
47 orixinais concorren ao IV Premio de Poesía Victoriano Taibo
O
pasado 31 de xullo rematou o prazo para a recepción de orixinais para participar no IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de corenta e sete obras, cifra similar, aínda que algo superior á das anteriores convocatorias. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nos medios de comunicación. O premio dotado con 3.000 euros, peza conmemorativa e a publicación da obra premiada está sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e será entregado nun acto a celebrar no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.
“Os Premios da Crítica renacen sen dar soterrada a polémica”
Reportaxe
de Santiago Jaureguizar en El Progreso: “(…) A directiva da Fundación Premios da Crítica de Galicia renovada presentouse o xoves 4 Santiago. [Bieito Ledo é presidente], Antón Pulido pasou a ser vicepresidente, encargándose a Manuel Bragado a secretaría. Os outros cargos son vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó, e vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela. Un total de 42 persoas integraran os xurados de Creación Literaria, Ensaio, Investigación, Música, Arte e Iniciativas Culturais. Terán a potestade de designar o nome do Galego Egrexio.” A nova recóllese tamén en Cultura Galega.
A banda deseñada galega á luz de Viñetas
“(…) En resumo, semella que boa parte dos proxectos que estiveron a dinamizar a nosa banda deseñada ao longo da última década están a ceder o seu protagonismo a novas iniciativas. Ao tempo, sexa pola crise económica ou por mudanzas políticas, boa parte do apoio institucional que historicamente impulsou boa parte do sector está a desaparecer ou pasar por épocas máis ou menos complicadas, con honrosas excepcións como o propio Viñetas. Queda por ver se o modelo que resulte das actuais tendencias, aparentemente máis centrado na iniciativa empresarial, logra manter ou desenvolver a edición e, sobre todo, a difusión dun xénero que aínda ten moito por medrar a nivel de recoñecemento público e de prestixio no mundo cultural.” Reportaxe en Cultura Galega.
Cee: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
xoves 11 de agosto, ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cee, preséntase a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Noelia Mancebo e Marcela Riera.
A Coruña: actividades do mércores 10 na Feira do Libro
Como
actividade máis destacada do mércores 10 de agosto, dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, no seu último día, destaca:
– 19:30 h. O escritor Manuel M. Barreiro asinará exemplares do seu libro A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
A Coruña: actividades do martes 9 na Feira do Libro
Estas
son as actividades máis destacadas do martes 9 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro de poesía, en edición bilingüe (galego e castelán) Golpear de sombras, publicado pola editorial Huerga y Fierro. Xunto co autor, participarán no acto a poeta Eva Veiga e a profesora e traductora Teresa Seara.
– 20:00 h. Presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, coa participación, acompañando ao autor, de Víctor F. Freixanes e Ángel de la Cruz.
A Coruña: actividades do luns 8 na Feira do Libro
Estas
son as actividades máis destacadas do luns 8 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que estará aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Presentación de Artur, un texto infantil de Xosé Manuel Gómez Barreiro “Oli”, ilustrado por Marc Taeger e publicado no selo editorial Faktoría K. Participarán no acto o autor, o ilustrador e un representante da editorial.