Alexandre Peres Vigo: “A literatura castelá do século XVII favoreceu a aparición do autoodio entre o galegos”

Entrevista de Cilia Torna a Alexandre Peres Vigo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Acaba de publicar Através Editora un libro da súa autoría titulado Do ódio à paródia, onde se analiza o estereotipo antigalego na literatura española do século XVII. Como nace este proxecto?
– Alexandre Peres Vigo (APV): Pois podemos dicir que foi unha sucesión curiosa de feitos. O tema sempre me fascinou, e de feito ese período centrou boa parte da miña tese de doutoramento que tiven a honra de que dirixise Manuel Ferreiro. Hai que dicir que o tema leva décadas sendo estudado e este libro, impulsado por Através, pretende ser unha achega máis, exhaustiva, que nos axude a coñecer mellor esa imaxe, ese estereotipo tan sumamente deformado de nós como colectividade humana, como nación.
– ND: En termos xerais como foron descritos os galegos e galegas desa época na literatura do denominado “Século de Ouro español”?
– APV: Sen dúbida, dunha forma extraordinariamente negativa, e niso hai total unanimidade entre os estudosos e estudosas do tema, dentro e fóra de Galiza. E non é fácil atopar outros casos similares na literatura española. Dun punto de vista moral, eramos acusados de sermos ladróns, traidores, falsos, malos cristiáns ou herexes. Inclusive nos imaxinaba como seres feos e grotescos, de brazos e pés desproporcionados. Algún autor mesmo nos considerou “monstruos”, xa non digamos bestas. O noso idioma, por ser noso, tamén foi tratado de zafio e ridículo. No caso das mulleres esa ridiculización foi moi acusada, negábaselles todo o que a sociedade do momento valorada da muller. Por iso as mulleres galegas sempre son descritas como obscenas, rústicas e de modais baixos. Na maior parte dos casos somos retratados como inmigrantes míseros, criadas e lacaios cobizosos, sucios e bebedores. Podemos dicir que os galegos eramos vistos como a perfecta antítese dos valores cortesáns de Castela. O tema é moi longo mais creo que está ben resumido e organizado no libro. (…)”

Moaña: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Unha formiga baixo a cama, con Míriam Ferradáns

O Obradoiro de creación literaria Unha formiga baixo a cama, impartido por Míriam Ferradáns, cunha sesión especial con Ismael Ramos, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Moaña e o patrocinio da Xunta de Galicia.

Unha formiga percorre o chan do cuarto. Sobe polas paredes. Regresa áxil e veloz pola cabeceira e métese baixo a cama. Só é un escuro insecto minúsculo. Un diminuto insecto minúsculo. Entón, por que nos interpela? Que sabe de nós? Da nosa estrañeza? Por que sentimos que se trata dunha sombra que medra?

Quizais só o poema pode atopar a formiga baixo a cama. Quizais debamos intentalo.

Terá lugar na cMo – Casa da Mocidade de Moaña (Rúa María Martín).

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, no correo electrónico oficina@aelg.org

Calendario e horarios
Sábados 9, 16, 23 e 30 de setembro; 7 e 14 de outubro de 2023, de 10:30 a 13:30 h.
Sábado 21 de outubro de 2023, de 11:00 a 13:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Betanzos: presentación de Os trobadores da terra de Betanzos

O 15 de agosto, ás 12:00 horas, na Libraría Biblos de Betanzos (Rúa Santiago, 4), preséntase o libro Os trobadores da terra de Betanzos, con textos de Leticia Eirín, Manuel Ferreiro e Teresa López, editado por Biblos. Participan no acto Manuel Ferreiro e Concha Delgado Corrral. O acto serve tamén para conmemorar o décimo aniversario da Libraría, polo que ás 13:00 horas haberá un petisco coas persoas que queiran achegarse.

Viveiro: actividades do 15 de agosto na Feira do Libro 2023

Ana Cabaleiro: “Para min unha casa é o lugar onde nacín e crecín a nivel persoal e a nivel literario”

Entrevista a Ana Cabaleiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Estase a voltar a un patrón de relacións dependentes e mesmo tóxicas logo de anos onde precisamente se puña en valor o contrario?
– Ana Cabaleiro (AC): Non creo que haxa dous momentos diferentes. Quero dicir, penso que hai que pór en valor a independencia nas relacións, isto depende tamén de ter os medios posíbeis, e sobre todo de que a liberdade individual sexa respectada.
Hai realidades que non van parellas co que defendemos. Non é cuestión do que defendemos ou deixamos de defender na literatura. A min gustoume sempre traballar coa fenda, con esa fenda que contrasta coa tendencia do que sería o ideal. Cando falo de empoderamento feminino ou cando falo de feminismo, falo moitas veces de ideais que teño como persoa feminista.
Cando escribo, escribo sobre cousas que lastran o meu día a día. Quero dicir, escribo sobre cousas que permanecen e que non fan posíbel que o ideario que teño a nivel persoal se realice.
– ND: A protagonista realiza o Camiño de Santiago para escenificar un novo comezo e conectar novamente consigo mesma, por que o Camiño?
– AC: Por un lado porque o Camiño é realmente un tipo de viaxe totalmente diferente do habitual, é dicir, é unha forma de viaxar que se pode facer de moitas maneiras pero que se saía do común.
Elixín precisamente o Camiño porque se deturpou e a maneira que hai actualmente de facer o Camiño perdeuse en moitos sentidos. Supoño que é posíbel facelo en certo silencio, e de maneira individual, pero está francamente masificado, mercantilizado e ao servizo do capitalismo, e está ao servizo incluso das viaxes organizadas que son o contrario ao espírito do Camiño, dunha peregrinación. Por iso eu quixen meter o Camiño como unha toma de distancia física e real e tamén como contraposición do que se converteu o Camiño nos últimos tempos. (…)”