Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Moaña: presentación de FIM. Unha historia do Intercéltico, de Anna R. Figueiredo
O Carballiño: XVI Festa da Palabra na Insua dos Poetas. Homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín
Negreira: Libros Patria Vermú! 2024
O Saviñao: “A Revolta da fame no Saviñao, o nacionalismo galego e a loita pola Autonomía na Galiza republicana”, con Uxío-Breogán Diéguez
Ourense: “As nossas raízes. Do passado ao futuro”
Ares: presentación de Os oito mitos de Palermo, de Antonio Seijas
Carballo: sesión do Clube de lectura de Espiral Maior Foro arredor de Dos días do porvir, de H. G. Wells
Delas é o reino perdido
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a atinada decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral, toda vez que a nosa asociación leva moitos anos contribuíndo modestamente, na medida das súas posibilidades, á posta en valor e visibilidade desta importante manifestación da nosa literatura de tradición oral. Esta escolla constitúe, ao noso ver, unha oportunidade de repensar a concepción da creación literaria como tal, ampliando os seus marcos e expandíndoa a outras voces que lle dan forma á nosa psicoxeografía nacional e colectiva, actualizando a valiosa proposta do Día das Letras Galegas, formulada en 1963. Ao tempo, continúa con bo criterio a reivindicar e situar no centro as achegas fundamentais das mulleres á nosa literatura.

As coplas e cantigas da tradición oral galega agromaron espontaneamente nas fendas do capital, alleas a circuíto ningún, apegadas á vida cotiá, en delicados ecosistemas que teñen a súa cerna maiormente no rural. A palabra é un lume sen dono. O tempo, unha tristeza sen nome. E o canto, na tradición oral, axúdanos a sentir que vencemos o paso do tempo. Porque coa palabra cantada centramos a mirada sobre o mundo e dámoslle un sentido que non ten por si só. Ela é a gran broma bufa e abstracta que as persoas temos para burlármonos dos padecementos e da morte. E o canto aparece así naqueles espazos tradicionalmente considerados profanos á creación literaria, maiormente da man das mulleres das clases subalternas: na fin dun labor ou no seu descanso, nun fiadeiro, nunha feira, nunha romaría. Ou recollendo as redes do mar, traballando nunha conserveira ou entre as sabas molladas e o arrecendo a xabón dun lavadoiro… Está inscrito na vida e acompañou e acompaña o noso tránsito por ela.

Neste camiño conxunto a AELG vén desenvolvendo de xeito regular a través da súa Sección de Literatura de Tradición Oral –creada en 2007– diversos proxectos e iniciativas encamiñadas a recoller, conservar e divulgar a poesía popular oral e o noso patrimonio inmaterial. Un valioso traballo participado por un nutrido grupo de persoas, entre as que emerxen de maneira especial Antonio Reigosa e Isidro Novo, gravado e transcrito, dispoñíbel integramente na web da AELG. Testemuños impagábeis da xente maior dos lugares en todos os recunchos do país, dende o Baixo Miño á Mariña Lucense, dende a montaña de Ourense á Costa da Morte a través das Polafías, sesións de recollida oral abertas ao público; das Xornadas de tradición oral (polas que levan desfilado especialistas nas coplas, no Cancioneiro, nos roles da muller na tradición oral…) e que, dende hai 16 anos, se veñen celebrando puntualmente en Lugo e das que se derivan outros tantos libros de Actas dispoñíbeis na nosa web; da Gala dos Mestres e Mestras da Memoria, que distinguiu ao longo dos anos a cantareiras como Dolores Macías Pose (Mestra da Memoria 2010), Elba Requeijo Barro (Mestra da Memoria 2014), as Pandereteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos, Mestras da Memoria 2017), as burelenses Batuko Tabanka (Mestras da Memoria 2020), Teresa dos Cucos (Mestra da Memoria 2021), musicólogas fundamentais como Dorothé Schubarth (Mestra da Memoria 2019) ou poetas populares como Luz Fandiño (Mestra da Memoria 2018). Tamén, a través doutras actividades como os Faladoiros, a Escola de Narración Oral, A Letra das Festas e unha inxente serie de publicacións e unidades didácticas.

As coplas e cantigas das cantareiras, que celebraremos nestas Letras Galegas de 2025, conteñen, si, unha intención informativa: a contemplación da paisaxe, a evocación dun amor ou unha amizade, un conflito, unha mágoa, unha chanza ou unha perda, unha inesperada ledicia… Pero non só. É o relato da complexidade dos sentimentos e as relacións humanas, afiado pola tensión musical que contén o canto, a arpa do vento. Moitas destas pezas, por desgraza, perdéronse. Pero afortunadamente consérvanse moitas outras, transmitidas a través de varias xeracións de mulleres. Trátase, daquela, dun acto consciente, colectivista e xeneroso, aberto e plural. Elas subliman o seu carácter casual, transcéndeno e adquiren tamén categoría literaria e artística. Pasan a incorporarse entón ao inconsciente colectivo e fixan parte da identidade dun pobo. Transitan así da tradición oral ao que Malraux, segundo Deleuze, define esencialmente como arte. O que resiste o paso do tempo.

Delas é, como no Romance de Gerinaldo recollido por Dorothé e que cantaba a Concepción do Courel, o reino perdido.
Cantemos.
Lois Pérez, Vogal de Literatura de Tradición Oral.
Cesáreo Sánchez, presidente, en representación do Consello Directivo.
Felipe Senén: “Reivindico o ser humano como célula fundamental da creatividade, que era a mensaxe da Xeración Nós”
Entrevista a Felipe Senén en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recolleu este domingo o premio Freire Carril da súa edición de 2024. Feliz polo recoñecemento?
– Felipe Senén (FS): Sempre alegra que institucións de tipo popular como esta lle vixíen a un na súa ansia de dar a coñecer as cousas da nosa cultura, para defendela e promovela, como é o caso do noso patrimonio cultural.
– ND: Este galardón ten un carácter fondamente democrático. Outórgalle iso aínda máis relevancia aos seus ollos?
– FS: Asi mesmo é, tal como o dis. Desde sempre forma parte da miña profesión o estar vinculado á historia da cultura galega, a esa ansia de divulgar tantos aspectos descoñecidos das nosas tradicións, da nosa creatividade… todo iso forma parte da cultura, e a miña mensaxe sempre vai dedicada a iso, pois ademais a cultura é un valor, un espírito e unha marca que está nun proceso de degradación, como un valor de consumo para liturxias, actos, publicacións…
Persoalmente, eu defendo que a cultura lévase posta, e estou feliz de que desde a A. C. Agromadas se entendese esta mensaxe tan reitierativa miña, de reivindicar o ser humano como célula fundamental da creatividade, que a fin e ao cabo era a mensaxe da Xeración Nós, a de Cuevillas, a de Risco… (…)
– ND: Aos seus 76 anos, que lle queda por facer a Felipe Senén?
– FS: Simplemente continuar (ri). A cuestión é facelo ben, e que a xente entenda o que dis, algo que unha palabra galega tan bonita resume como “ter ansia”. Nesa necesidade de servir tamén podo referenciar outra palabra moi galega e que está moi perdida, enxergar, é dicir, pór os cinco sentidos nas cousas, con sabedoría, aplicando o que aprendiches, analizando as cousas con obxectividade e compartindo de formas moi diversas, a través da palabra ou do que poidas escribir. (…)”









