Xerardo Quintiá gaña o XX Premio Narrativa Breve Repsol

“A obra baixo o título e lema A Miseria de Xerardo Quintiá, resultou gañadora da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega e recibirá unha dotación de 15.000 euros alén da publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Armando Requeixo.
O acto do ditame deste 20º aniversario foi na Fundación Luís Seoane e contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o concelleiro de Cultura e Turismo coruñés Gonzalo Castro; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; Cesáreo Sánchez, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Dolores Sánchez Palomino, académica da Real Academia Galega e Armando Requeixo como voceiro do Xurado.
Este ano a convocatoria do XX aniversario superou o número de obras presentadas con máis de 60 obras orixinais e inéditas.
O Xurado da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco recoñecidas voces das letras galegas: o director Xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; a escritora e gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Carmen V. Valiña; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo, e a poeta e escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Alicia Fernández.
Armando Requeixo, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de Xerardo Quintiá ” a capacidade para artellar un relato de fonda sensibilidade social, que plasma a traxedia dun desafiuzamento e as dramáticas consecuencias que provoca na familia que o padece.
Tamén si, salientou especialmente o talento do autor para espellar a transformación na identidade do protagonista, que ve como unha vida acomodada acaba virando nunha traxedia que remata por anulalo”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de moi fino burilado, chea de imaxes poéticas, esta historia conmoverá ao lectorado, convidándoo a repensar o inclemente e feroz mundo no que vive unha parte da sociedade actual. (…)”

Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da Arte: “Na campaña do Estatuto do 36 era fundamental a arte”

Entrevista de Antón Escuredo a Iria-Friné Rivera Vázquez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como ideou este traballo ao redor da campaña do Estatuto do 36, precisamente agora que se cumpren 90 anos desde que tivo lugar?
– Iria-Friné Rivera Vázquez (IFRV): A campaña foi curta mais intensa. Todas as referencias artísticas, estéticas, políticas, sociais, económicas, tecnolóxicas e históricas que estiveron presentes na campaña están recollidas no libro. Unha cuestión que me pareceu particularmente importante foi que eles daban moita importancia á arte como elemento que vertebra a sociedade. Non hai que esquecer que foron moitos artistas importantes os que fixeron os carteis, polo que o mínimo era facer un libro esteticamente á altura do sentido estético que tiñan eles.
– ND: Neste libro que agora presenta vai moito máis alá e afonda nas influencias que tiveron…
– IFRV: Unha cuestión de fondo era explicar todo o que foi o contexto que deu lugar a moitas desas referencias nas que eles se movían. Por exemplo, os carteis, por estilo e por temas, estaban relacionados con Manuel Murguía e as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e tamén a mesma cuestión do sufraxio feminino.
– ND: Amosa tamén a modernidade desa campaña, das persoas que a levaron adiante e tamén da sociedade. Como era en realidade?
– IFRV: Daquela a sociedade galega viaxaba moito. Había un movemento moi grande por Europa e tamén cara a América. Accedían a lecturas e sabían o que estaba sucedendo. O mesmo no país, entre a capital, A Coruña, e outras cidades e vilas. É algo que non se ten en conta moitas veces. Pénsase que había unha sociedade atrasada e non era así. Desde a emigración enviaban diñeiro para que se creasen escolas e había acceso á educación. (…)”

Compostela: Festival de arte e cultura brasileira Bonito Pra Chover 2026. Recital poético e musical dedicado a Elisa Lucinda

O 24 de setembro terá lugar un Recital poético e musical dedicado a Elisa Lucinda dentro do Festival de arte e cultura brasileira Bonito Pra Chover 2026.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) colabora, co apoio de CEDRO, no recital poético-musical en homenaxe á escritora, poeta e actriz Elisa Lucinda, que terá lugar o 24 de setembro de 2026, ás 19:00 horas, na Casa do Taberneiro (Rúa San Pedro, 15), en Santiago de Compostela, con entrada libre até completar capacidade. A apertura de portas será ás 18:30 h.

O programa é o seguinte:

Saúda ás persoas presentes de Jakson Renner Rodrigues Soares e Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Recital poético:
Andrea Nunes Brións
Cesáreo Sánchez Iglesias
Daniel Asorey
Elisa Lucinda
Jakson Renner Rodrigues Soares
Luiza Fernandes

– Música ao vivo con:
Leka Denz
Sérgio Tannus

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2026: Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras

Destacado

A edición de 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil vai ter lugar baixo o título xeral de Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño González, Carla Míguez, María González Cerdeira e María Vázquez Fernández (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días 8, 15, 22 e 29 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

8 de outubro
Inauguración
Paula Carballeira
Contar os medos

15 de outubro
Xosé Miranda
O fantástico e o arrepiante

22 de outubro
Ramón D. Veiga
O sorriso detrás do medo: monstros que fan cóxegas

29 de outubro
Fina Casalderrey
A xoaniña que bebeu na folla

Vigo: Foliada calceteira. 20 anos de O club da calceta, de María Reimóndez, o 26 de setembro

“Hai libros que, anos despois de ser publicados, seguen creando encontros. E O club da calceta, de María Reimóndez, é un deles.
Este ano cúmprense 20 anos da publicación desta novela feminista, que leva ducias de miles de exemplares vendidos, foi traducida a varios idiomas e chegou tamén ao teatro e ao cinema. Pero, sobre todo, segue viva nas lectoras que continúan atopando compaña, forza e identificación nas súas personaxes.
Para celebralo, a Fundación María Reimóndez propón un encontro de mulleres que calceten, con lectura de fragmentos do libro e un pequeno sorteo de exemplares.
Unha mañá para calcetar, ler, conversar e compartir, reivindicando tamén eses espazos de apoio mutuo e de coidados que tan presentes están no espírito de O club da calceta.

– Sábado 26 de setembro.
– A Morada (Vigo)
– 12:00 h
– De balde.

Non é preciso ser unha experta calcetando: a actividade está aberta a calquera persoa á que lle guste calcetar, queira aprender ou simplemente teña interese pola literatura feminista en lingua galega.”