Xosé Iglesias, o mariñeiro de Cee que pon por escrito as súas vivencias: “Xa vou polo sexto libro”

Entrevista de Candela F. Roldán a Xosé Iglesias en La Opinión:
“(…) «Os barcos transfórmanse en seres que conforman o seu espírito», explica o mariñeiro de Cee, que di que este libro reúne 67 ilustracións con metamorfoses que renden homenaxe ao mar, aos devanceiros e aos mariñeiros que faenaron e faenan cada día. «Recollo unha historia detrás de cada ilustración e falo de xente real, das súas vidas», asegura.
O mariñeiro, que traballou durante un tempo como patrón de pesca no caladoiro de Rockall, ao noroeste de Escocia, continúa navegando cada día cun bolígrafo na man na súa terra. «Vivimos intensamente as catro estacións, e o mar é pura poética, é imposible non sentir inspiración cando me subo ao barco», sostén o patrón, que di que «cando tes o abismo a cero centímetros, a inspiración chega soa».
A Costa da Morte é unha personaxe máis das súas obras, pois o poeta recoñece que a comarca e a súa bisbarra son os principais escenarios dos seus libros. «Estou moi empapado da miña terra», di o mariñeiro, afincado en na parroquia arteixá de Pastoriza, que recorda que se criou recollendo fanecas co seu avó a carón da casa. (…)”

O escritor Fran Fernández Davila gaña o XXXV Premio Literario Camilo José Cela de narrativa

Desde O Barbanza:
“O escritor Fran Fernández Davila resultou gañador do XXXV Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa, convocado polo Concello de Padrón, coa obra titulada A lingua dos ósos. O xurado destacou “a complexidade temática do relativo, o estilo pulido e a combinación dunha voz que combina a crudeza dunha realidade afastada pero universal, con acenos líricos ben acaídos e que reflicten o cambio de paradigma do momento que vivimos a nivel socio-político”.
O fallo fíxose público este martes 9 de decembro no salón de plenos da Casa Consistorial, nunha sesión presidida polo alcalde e responsable da área de Cultura, Anxo Arca. O xurado estivo formado por Carlos Arias, escritor e gañador da XI edición do certame; Beatriz Vázquez, licenciada en Filoloxía Inglesa; Esteban Folgar, profesor de Lingua e Literatura; Covadonga Rodríguez del Corral, coordinadora de actividades culturais da Fundación Pública Galega Camilo José Cela; e Inés Mosquera, mestra de Educación Primaria. Como secretaria actuou Mª Cruz Taboada, funcionaria do Concello de Padrón. (…)”