Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Desde Galaxia:
“A gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020 foi Lara Dopazo Ruibal coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga. (…)
O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.
Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”
A autora manifesta “un dominio do relato no manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples”.
Esta é unha característica que destacan, “pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas”. O xurado manifestou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, dende a americana ata as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.
Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.
O axolote e outros contos de bestas e auga é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. (…)”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Iria Misa

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro arredor de Segredos no Solpor, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Iria Misa o domingo 6 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Carral: entrega do Premio de poesía Concello de Carral 2019 e entrega do Premio de 2020, o 12 de setembro

“A Casa da Cultura de Carral acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, ás 19:00 h, o acto central do Premio de Poesía Concello de Carral. Como é habitual, o evento servirá para conceder o premio da presente edición e para a presentación da publicación do libro gañador na anterior. Así, Manuel López Rodríguez recibirá o galardón polo seu poemario Nas pulsacións e Xurxo Alonso presentará En luz escrita co que obtivo o premio o pasado ano e que formará parte da colección de Poesía de Espiral Maior. Como en anos anteriores, contamos coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a edición da obra gañadora do noso certame.
No acto contarase coa presenza do alcalde Javier Gestal Pose, do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, de Miriam Ferradáns, como representante do xurado da vixente edición, e de Miguel Anxo Fernán Vello como responsable de Edicións Espiral Maior.
Debido ás actuais circunstancias, o aforo será moi limitado e será preciso para asistir inscribirse previamente chamando antes das 14:00 h. do venres ao 981 672 580.
Ao público asistente agasallarase o libro En luz escrita, tendo ocasión de que llo asine o seu autor, Xurxo Alonso.
Nesta edición e dadas as precaucións polo Covid19, o acto non contará con ningún tipo de intervención artística nin existirá o habitual convite para o público participante.”

A Coruña: Clube de lectura de Literatura universal, por Xoán Costa

A A. C. Alexandre Bóveda inicia un clube de lectura de Literatura universal, coordinado por Xoán Costa.
Terá lugar os mércores, cada quince días, de 18:00 a 19:30 horas, nas seguintes datas:
– 14 e 28 de outubro.
– 11 e 25 de novembro.
– 9 de decembro.
As persoas interesadas en participar deben enviar a súa solicitude de inscrición no correo acab@mundo-r.com, dado que as prazas son limitadas.