Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“Na recuperación progresiva das actividades vencelladas ao sector do libro, comezan a retornar algunhas das que se viron canceladas. Aínda que o libro As estacións do lobo (Xerais) se publicou en 2019, María Reimóndez tiña previstas varias presentacións que non se realizaron por mor da COVID-19. O venres resarciuse virtualmente nun evento organizado pola libraría Lila de Lilith, ás 18.30 horas a través da plataforma Zoom, mais no que non falará exclusivamente da obra, senón do chamado “ciclo dos elementos”, do que a novela constitúe a última achega. E non o fará soa, pois vai contar con convidadas de luxo para lle axudar a trasladar as múltiples voces que compoñen este universo ficcional interrelacionado e poliédrico. As súa parceiras forman parte, como confesa a Nós Diario a autora, da súa “manda dos afectos”. (…)
“A escolla foi algo que xurdiu de maneira moi orgánica”, conta Reimóndez, que manifesta ademais a súa preferencia polos proxectos colectivos. A idea de escribir este ciclo presentouse como un “desafío na escrita”, na procura dunha estreita complicidade coas lectoras, que poden ao tempo estabelecer as súas propias visións sobre este universo tecido con fíos delicados, no que cada novela funciona de maneira independente. Reimóndez parte orfa nesta concepción narrativa, non coñece como referente un proxecto parecido, aínda que lle teñen comentado que Almudena Grandes podería estar a desenvolver algo análogo.
O fío condutor metafórico da novela segue o proceso inverso de domesticación que deu paso do lobo ao can, esbozando un retorno ao salvaxe como vía para a liberación da protagonista. Así a historia rebélase contra a socialización da muller nunha “domesticación permanente”.
Xa En vías de extinción presentaba os cans como punto de partida que une as personaxes, explica Reimóndez, se ben afirma que ela é “máis de árbores”. Un comentario nada casual que agocha a transcendencia da relación coa natureza máis alá do animal, en construcións que desde a teoría converxen dalgunha maneira na escrita. Con influencia do posthumanismo ou a ecocrítica, Reimóndez procura distanciarse dos esencialismos do ecofeminismo -“unha corrente coa que teño discrepancias”, indica- e apunta máis cara aos feminismos ecoloxistas. Así, as preocupacións polos dereitos ambientais, dos humanos e non humanos -e dentro deles non só os animais- son temas que atravesan a súa obra, tamén fóra do ciclo, por exemplo, no último libro de Literatura Infantil e Xuvenil que saíu do prelo, A formiga destemida (Xerais, 2020), que se viu igualmente afectado pola emerxencia sanitaria.
Dentro do “ciclo dos elementos”, As estacións do lobo é o texto no que aparece de maneira máis evidente o amor como tema central ao que se enfronta a protagonista, unha tópica que se presenta “como construto social e patriarcal”, di Reimóndez. Así, hai un “desmantelamento da visión de parella e da familia sanguínea”, en favor da manda escollida e das outras formas nas que xorden tamén os afectos.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xosé Ramón Pena: “Errado ou non, coido que don Ricardo actuou sempre de forma honesta”
Unha palabra para don Ricardo: Fina Casalderrey (II)
Boiro: presentación de Selected Poems/Poemas escollidos, de Douglas Dunn, o 12 de xuño
Vídeo do Foro #aculturasegue I: Retos nos contidos dixitais da cultura, con Manuel Gago e Olga Sevillano
Día Internacional dos Arquivos: “Empoderar sociedades de coñecemento”
Hoxe, 9 de xuño, conmemórase o Día Internacional dos Arquivos, co lema “Empoderar sociedades de coñecemento”.
Desde a AELG lembrámosvos a todas e todos que no noso espazo web tedes unha selección extensa, na que se traballa a diario e ano tras ano, para lembrar as nosas letras, autoras/es e as xornadas de creación literaria e sobre o patrimonio inmaterial da nosa lingua e literatura. para a creación e empoderación da sociedade galega.
Ficades convidadas e convidados a paseardes polas nosas rúas virtuais e gozar desta historia narrada entre devanceiras/os, poboación activa e a totalidade das vosas achegas.
Tabela dos libros. Xuño de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras dous meses de ausencia por mor da crise vírica, a Tabela dos Libros retoma a súa andaina. Velaquí a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”