Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Pontevedra: inauguración da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!
Vilalba: XII cabodano do pasamento de Manuel María, Día da Cultura Chairega
Outeiro de Rei: XII Cabodano Manuel María: entrega da Navalla do Manuel
Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.
O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.
O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.
A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.
Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López. (…)”
“Ánxel Casal, o primeiro editor moderno de Galicia, no 80 aniversario do seu asasinato”
Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras quere lembrar nesta data a Ánxel Casal Gosenxe (A Coruña, 1895-Cacheiras, 1936), o editor, libreiro, impresor e alcalde de Santiago que apareceu morto un 19 de agosto de hai oitenta anos nun foxo en Cacheiras, preto de Santiago de Compostela.
Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Ánxel Casal publicaría máis de oitenta libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que a Asociación Galega de Editoras considera “fundacional” para o libro galego moderno. Do prelo de Casal saíu quizais o conxunto máis importante da cultura galega de toda a súa historia. Por todo isto, dende a Asociación Galega de Editoras queremos lembrar hoxe a súa traxectoria:
“Os pobos somentes son grandes po-la cultura. Mercade Libros Galegos”
Este era un dos lemas publicitarios da editorial e imprenta Nós en 1933. Castelao diría de Ánxel Casal: “Fixo por Galicia máis que todos nós”, e Otero Pedrayo falaría nestes termos dos seus proxectos editoriais: “Na rúa Real da Cruña, nas Hortas e na rúa do Vilar de Sant-Yago, tivo Casal o seu xardín ou horto das letras, pombeiro de voares de espranza” (Libro dos amigos, Bos Aires, 1952).
Ánxel Casal creou a primeira editorial moderna de Galicia. Un proxecto cultural en clave galeguista e de esquerda deseñado para difundir a literatura e a cultura galegas nun público o máis amplo e transversal posible. Desenvolveu o seu labor ao longo de 12 anos —entre 1924 e 1936— e en dúas cidades, A Coruña primeiro e logo en Compostela. Sigue lendo
Boiro: acto de homenaxe no centenario de Raimundo García Domínguez, Borobó
Betanzos rende homenaxe ao poeta Salvador García-Bodaño
Desde La Voz de Galicia:
“«Xa fixen os 81 anos, e aínda me custa crelo» [ri]. E iso que é poeta, que é oficio no que o paso do tempo é asunto referencial. Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) recibe o venres 12 de agosto ás 20:00 horas unha homenaxe en Betanzos, na librería Biblos, que dirixe o escritor Tucho Calvo, e na que lembrarán -con motivo de que se cumpren 45 anos- como gañou os xogos florais brigantinos de 1971, naquela edición dedicados a Rosalía de Castro, co poema Cántico pra túa soedade que se ergue coma unha bandeira. Un título, anota o autor, que na súa parte final causou incomodidade en certos prebostes, algo que aínda agora celebra. «Non eran fáciles aqueles tempos. Houbo momentos terribles. A miña infancia foi un pouco sinistra. E no instituto dicías unha palabra en galego e arriscábaste a un castigo. Todo eran obstáculos, o idioma estaba sometido. Por iso aqueles encontros poéticos, os xogos florais ou os minervais tiñan tanta importancia para nós».
García-Bodaño enxalza o valor emotivo e de iniciación daqueles concursos, que lle serviron á súa xeración como toma de contacto, de coñecemento e de intercambio, para ver que había outros que pensaban de forma similar e tamén para trabar unha certa amizade. «De aí moitos foron caendo cara a defensa do idioma, da cultura. Empezamos a vivir Galicia como unha unidade, máis aló das catro provincias, asistiamos a un sentido de país en construción, a unha afirmación paulatina sen necesidade de moito ruído». O poeta ve neste tempo o xermolo da situación de normalidade na que hoxe se move a sociedade galega, e iso o «pon contento», que se poda falar da cultura galega, da lingua, e que a xente mostre interese por elas.
En Betanzos xa gañara os xogos florais de 1960, nos que era mantedor Álvaro Cunqueiro. «Aquela si foi a miña verdadeira porta de entrada ao mundo da creación literaria -recorda-. Moitos de nós empezamos a coñecernos nestes encontros poéticos». Así ocorreu con Manuel María, co que coincidía en algúns concursos, «unhas veces era el quen levaba o primeiro premio, outras eu». En 1971, o escritor chairego mereceu no certame brigantino o segundo posto, dotado con 8.000 pesetas; García-Bodaño recibiu 25.000 pola vitoria. O poeta ri cando se lle anota este particular anecdótico que esquecera. «Sorpréndeme, pois daquela 25.000 eran moitos cartos, pero a dotación económica dos premios é algo importante para axudar ao poeta no seu labor», afirma.”