Ars dedicandi: Rafael Dieste

DesdeRafael Dieste o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un 29 de xaneiro pero de 1899 nacía en Rianxo Rafael Dieste. De neno tiráballe a pintura, o piano e, xaora, a escrita, afeccións que alimentaba o carburante dos feitos insólitos, tal o varar dun cachalote na praia de Tanxil cando era apenas un rapazolo, suceso que logo literaturizou en relato ben coñecido. Cos anos viñeron os libros de todos sabidos: Dos arquivos do trasno e, tamén si, A fiestra valdeira.
Nun exemplar da primeira edición desta peza de teatro estampou o autor a dedicatoria que aquí se reproduce, regalada a quen foi un bo amigo seu: Francisco Fernández del Riego.
A data de sinatura é 1962. Por tanto, uns meses despois de regresar do exilio en Bos Aires. Obsérvese que, malia terse publicado en 1958 unha nova edición da obra teatral, Del Riego posuía tamén unha copia da orixinal de 1927, que foi a que asinou Dieste en Vigo para o vello amigo. (…)”

ars_dedicandi_dieste

Uxío Novoneyra: 85 anos desde o seu nacemento

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
O poeta courelao naceu un 19 de xaneiro 1930. Caderno da crítica, que sempre o ten moi presente, lembra esta data cun manuscrito poético cedido xenerosamente pola Fundación que leva o seu nome: trátase do contundente e estremecedor aínda “Amador e Daniel“, poema ao que particularmente cheguei, sendo adolescente, a través dunha interpretación incluída nun disco que oín centos de veces: Estamos chegando o mar (1976) de BibianoO tema musical pódese oír premendo aquí e, abaixo, reprodúcese o manuscrito poético. Beizón!”

uxio

Ars dedicandi: Uxío Novoneyra

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A alta Arte da palabra caligráfica ten un nome maior na nosa literatura: Uxío Novoneyra. O poeta que, de estar entre nós, faría o 19 de xaneiro oitenta e cinco anos, escribiu moitos dos seus versos imprimindo neles poderosos trazos que tiñan todo de fonda lírica e moito de pintura en grafemas.
Tanto amou Novoneyra o corazón que deitaba nas letras sinuosas e desmedidas do folio en branco que mesmo chegou a escribir un libro enteiro con tal feitío: Poemas caligráficos, unha regalía para os ollos e a intelixencia que os Brais Pinto tiraran en Madrid como número un dos que chamaron Cuadernos da Gadaña, cun limiar de Raimundo Patiño e un texto prefacial tomado dunha das “Figuracións” de Luís Seoane. Gardo —delicado pano na arca— un exemplar desta xoia de 1979 ao que volvo como se fose un orbitar de cometa admirativo.
Esa querenza polos versos caligrafados acompañou de sempre o autor, quen adoitaba agasallar os amigos con algún haiku que deseñaba, currenti calamo, nos máis diversos lugares e circunstancias. Hoxe recupérase aquí un deles co que obsequiou aos seus benqueridos Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, con quen os uniu unha longa e fraterna amizade, pois non en van foron os profesores lucenses os editores referenciais da súa obra e dous dos máis importantes estudosos da mesma.
O manuscrito dedicado é de 1980 e foi creado polo poeta nunha xuntanza en Compostela. O texto reproduce o terceiro verso do poema “Terras altas e solas” da sección “O couso da door” integrada nos Eidos (1955). Trátase en orixe, por tanto, dunha creación de 1953-1954 que na redacción primeira tiña esta forma estrófica: Terras outas e solas! / Serras longas e mouras! / Eu son esta coor de soidá…
Precisamente este último verso regalado a Rodríguez Fer e Blanco é o que serviu como título, moito tempo despois, para Esta coor de soidá…, a escolma poética que para Libros da Frouma prepararon Luís Alonso Girgado e Luís Cochón en febreiro do 2000. (…)”

ars_dedicandi_novoneyra

O teatro galego no aniversario de O Fidalgo

ArtigoO Fidalgo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Un 17 de xaneiro de 1918 estréase no Teatro Principal de Compostela a obra O Fidalgo, de Xesús San Luís Romero.
O acontecemento dá pé para que no número do 30 de xaneiro do mesmo ano A Nosa Terra, Boletín decenal, publique un artigo titulado “O Teatro Galego”. O texto, que comeza recoñecendo a importancia do teatro como elemento de promoción da lingua (“En Compostela rindíuselle culto estes tempos ô noso idioma e ô noso teatro”) remata dando noticia do éxito desta obra e das facilidades que Compostela presta ao teatro mentres A Coruña se desentende:
“O teatro galego vai tendo afortunados cultivadores. Hai que axudalos. E adeprender dos de Compostela: aló os aficionados representan con entusiasmo as obras dos seus viciños,
Eiquí, en troques, as obras de Lugrís, de Carré e outros, siguen sin tere quen as represente. E isto é unha pena.”
Lamentabelmente a falta de apoio que na altura A Nosa Terra limitaba á Coruña é hoxe visíbel por toda a escena galega.
E non é porque non existan recintos. Nin actores, nin actrices. E por suposto hai público.
O único que non hai é política teatral.
E isto é unha pena.
(Pódese ler unha escolma de obra na Biblioteca Virtual Galega).”

Lugo: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix

GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 1GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 2

Ramón Neto gaña o XXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón coa obra Zonas de tránsito

DesdeRamón Neto 2013-06-11 Prague o Concello de Dodro e no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Ramón Neto, arousán do ano 1975, é o gañador da XXVII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro. Así o decidiu por maioría o xurado, reunido esta mañá na Casa de Cultura, tras valorar “a boa estructuración e a eficaz progresión temática, que bebe de lecturas de tradición xermana como Paul Celan e Hölderlin”
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Zonas de tránsito, reside en Bruselas e ten obra literaria publicada Agora, como gañador do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón recibirá 2.300 euros e a edición da obra.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Berta Dávila, Armando Requeixo, Román Raña, Gonzalo Hermo e a concelleira de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo de Dodro, Cristina Codesido Fernández que actuou como secretaria sen voto.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e do poeta Paulino Vázquez, rendiron un tributo poético ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.”

A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés

OMiguel González Garcés venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:

Luz Pozo Garza.
Xulio López Valcárcel.
Lino Braxe.
Olga Patiño.
Miguel Mato Fondo.
Estíbaliz Espinosa.
Manuel Rivas.
Miguel Anxo Fernán-Vello.
Ánxeles Penas.
Xavier Seoane.
Manuel Álvarez Torneiro.

Coa música de César Morán e Xosé Taboada.

MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.

MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano

Ourense: Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

2014 12 Xornadas Blanco Amor 12014 12 Xornadas Blanco Amor 2