O
mércores 25 de abril, ás 20:30 horas, nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, no salón Arturo Cuadrado (Chacabuco 955), emprazado no barrio de San Telmo en Buenos Aires, Ramón Nicolás falará de Celso Emilio Ferreiro, tanto da edición bilingüe de Longa noite de pedra como das novas achegas que incorpora na vindeira biografía que aparecerá en Xerais en datas próximas baixo o título de Celso Emilio Ferreiro no rodicio dos días. No apartado musical participarán María do Ceo e mais o seu grupo musical.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
50 anos da primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse
“A
Biblioteca Nodal Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida de Xoán XXIII) inaugura a exposición Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria, unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana. No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo. Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que “Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas– que no noso país, danse as grazas.” Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20:00 horas. A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse.” Vía Fervenzas Literarias.
Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro. 50 anos de Longa noite de pedra, o 11 e 12 de abril
Toda a información no blogue da Homenaxe.
Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras
O
sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
– 13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.
Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.
Unha tese reivindica a vixencia da obra de Avilés de Taramancos
“O
nome do poeta Avilés de Taramancos segue sendo toda unha institución na súa vila natal, Noia. O pasado xoves cumpríronse 20 anos da súa morte, e coincidindo co aniversario, saíu á luz unha tese doutoral que será publicada pola editorial Espiral Maior nos próximos meses. O autor do traballo de investigación é o tamén noiés Martín Veiga, que ademais de ser profesor na University College Cork (Irlanda), é poeta, tradutor e crítico literario. «A obra recibiu a máxima cualificación por parte da miña universidade, institución onde desenvolvín vos meus estudos de doutoramento e na que traballo desde hai máis dunha década», explica Veiga. A tese constitúe a primeira monografía dedicada ao estudo íntegro dos aspectos esenciais da obra literaria de Avilés. «Esta tese explora vos aspectos esenciais dá súa obra, establece ou posicionamento de Avilés non seo do sistema literario galego e defende que a súa poesía constitúe un vehículo de valores puramente estéticos e literarios», sinala o autor da investigación. O estudo demostra que a poesía de Avilés inclúe valores tanto literarios como ideolóxicos, e que a súa contribución á literatura galega radica xusto na tensión existente entre os conceptos de lugar e ideoloxía. A súa relación con varios poetas iberoamericanos e outros creadores galegos tamén se retrata a fondo neste concienzudo traballo asinado polo profesor Martín Veiga.” Vía La Voz de Galicia.
Abre a mostra interactiva sobre Celso Emilio
“A
Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), en Compostela, acolleu o luns 26 de marzo a inauguración da mostra multimedia promovida pola Consellaría de Cultura que repasa a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro. O proxecto, coordinado pola empresa Ouvirmos, toma a forma dun punto de información sobre o poeta. No mesmo, unha pantalla amosa unha liña do tempo interactiva que achega imaxes, fragmentos de audio e outros contidos encol do autor. Canda a isto, nunha mesa de luz poden verse obxectos persoais do homenaxeado. Logo da estadía en Compostela, a mostra percorrerá as bibliotecas nodais de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e Vigo para visitar con posterioridade diversos centros de ensino de todo o país.” Vía Cultura Galega.
Noia: recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos
O
venres 23 de marzo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar un recital poético en homenaxe a Antón Avilés de Taramancos, ao se cumprir 20 anos do seu pasamento, coa participación de Yolanda Castaño, Ana Romaní, María Xosé Canitrot e Eva Veiga.
Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario
A
sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.
Ferrol: Homenagem a Ricardo Carvalho Calero
Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro
O
xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.

