Artigo
de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Na faceta máis estritamente biográfica sobre Cunqueiro, a achega de Armesto Faginas configúrase aínda hoxe como insubstituíble. Con todo, ás opinións que estudosos do seu percorrido vital e ás voces testemuñais daqueles que o trataron, existe un capítulo, non exento de interese, que desvela certas claves da figura cunqueiriana. Tal é o constituído polas respostas que el mesmo ofreceu aos xornalistas que indagaban arredor do seu perfil máis humano. A este «Cunqueiro por si mesmo», con todo, cómpre achegarse con certa cautela, tendo ben presente a súa capacidade de fabulación, malia que neste caso teño para min que foi bastante sincero ao se referir ás esferas do máis privativo.
Malia que, segundo avanzan os anos, o escepticismo respecto da vida vai aumentando, nos anos cincuenta, e recluído en Mondoñedo, Santiago Lamas consegue que se autodefina como «vago, fantástico, cordial», con longas horas de descanso e con tendencia a deixalo todo para última hora, trazos aos que engadiría os de «carnal, humano e humilde» ao xornalista Pedro Rodríguez. Pouco despois, Segundo Mariño obtería as respostas de que se vía como «supersticioso, perezoso, buen lector y con algo de espíritu profético» e a Tico Medina confésalle que é un home «a quien le gusta la vida, que ve con cierta melancolía cómo se van los años… Humilde, comunicativo, dialogante… Pero al mismo tiempo solitario». E, en efecto, a soidade como elemento definitorio da súa personalidade é un risco apuntado xa nos anos trinta a Filgueira Valverde -«góstame a soidade»-, entendendo tal apetencia como algo impropio dun «home feliz».
Sobre os conceptos de fabulación e mentira nas relacións humanas faille saber a M.ª Dolores Serrano, a finais dos sesenta desde as páxinas de La Gaceta Ilustrada: «Yo no tengo afición a mentir. Pero tengo necesidad de fabular, incluso en mi relación con los otros seres humanos. Me parece que doy mejor por el camino de lo inventado que por el de lo real. Por las mismas razones siento verdadera debilidad por los anacronismos. Tengo necesidad de mezclar». Mais no ámbito da imaxinación xorde sempre o Cunqueiro máis faiscante ao confesarlle a Francisco Umbral que «hubiera querido ser cocinera de un ministro. De un ministro gallego del siglo pasado»; ao responderlle a Tomás Santidrián sobre cal sería a pregunta máis odiosa e responder que «siempre puede haber una que lo sea más» ou, finalmente, ao sorprender ao amentado Tico Medina co seu desexo de querer reencarnarse nun cervo dos Ancares para «poder bajar una de aquellas hermosas mañanas de abril, donde tendría que ser, naturalmente, hasta las nieblas del río, mordisqueando alguna fresilla silvestre». Cunqueiro por Cunqueiro: inimitable aínda hoxe, no día no que faría os cen anos.”
No mesmo medio de comunicación:
– As claves da súa poesía, por Ramón Nicolás.
– Do xénero humano, por Camilo Franco.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
2011: un ano para a memoria (de Cunqueiro)
Reportaxe
en Cultura Galega:
“En xaneiro varias institucións públicas presentaron no CCG as liñas básicas dunha programación destinada a homenaxear a figura de Álvaro Cunqueiro ao longo de toda Galicia. Co Consello da Cultura Galega como entidade canalizadora, a concorrencia da Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, os concellos de Vigo e Mondoñedo e as universidades do país ofreceron as liñas mestras dun intenso ano de programación cultural que acolleu congresos, exposicións, representacións teatrais, tertulias e diferentes iniciativas. “Cunqueiro é un escritor moi atractivo”, asegura Henrique Monteagudo, coordinador dos Faladoiros Cunqueiro que organizou en diferentes cidades galegas, Madrid e Barcelona, o Consello da Cultura. “Para as xeracións novas”, asegura Monteagudo, “Cunqueiro é unha figura cada vez máis remota e por isto estas accións son importantes”. Monteagudo considera que as accións do Ano Cunqueiro tiveron unha boa resposta do público e constatou o atractivo da súa figura para os galegos. “A primeira vista, Cunqueiro é un autor que atrae”, asegura Monteagudo, “pero logo non é un escritor en absoluto fácil. Require un lector bastante experto, que comprenda os xogos literarios que establece” (…)”.
Ponteceso: actos das Xornadas No confín do outono pondaliano
A
Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso organiza as Xornadas No confín do outono pondaliano. Dentro do seu programa, que pode ser descargado aquí, destacan as seguintes actividades literarias:
Mércores 14 de decembro:
– Diana Varela Puñal e Xulio Valcárcel: Presentación do libro de poesía infantil dixital As trovas de Midas, publicado en Galebook, e obradoiro de poesía. No CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso. En horario lectivo.
Sábado 17 de decembro:
– Rafael Lema Mouzo: Cova céltica Os vapores cormeños. Na lareira da Fundación Eduardo Pondal. Ás 17:30 horas.
Domingo 18 de decembro:
– Centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 12:45 horas. Tamara Lema e Esteban Rey: Escenificación do conto de Álvaro Cunqueiro: Felpeto.
– Lectura cívica de textos cunqueiráns. Alba Costa: Interpretación musical do texto de Álvaro Cunqueiro Teus ollos.
– Coral A Oliveira de Monte Branco (dirixida por Teresa Facal): Estrea da canción Quen poidera namorala, de Álvaro Cunqueiro (partitura cedida polo grupo Milladoiro nas FestiLetras 2011).
– Agasallo do libro O mellor de Cunqueiro, por xentileza de La Voz de Galicia.
Luns 19 de decembro:
– Os Quinquilláns: Representación teatral da obra Merlín para alumnado do CEIP As Forcadas de Corme e CRA Nosa Señora do Faro. No salón de actos da Casa dos Veciños. Ás 11:00 horas.
– Os Quinquilláns: Representación teatral da obra Merlín para alumnado do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso. Ás 15:30 horas.
– César Morán Fraga: Conversa e animación musical arredor da figura do escritor Álvaro Cunqueiro con escolares de 2° de Bacharelato do IES de Ponteceso. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 16:30 horas.
Martes 20 de decembro:
– XXX° aniversario da oficialidade dos símbolos de Galicia. No salón de actos da Fundación Eduardo Pondal. Ás 12:00 horas. Xesús Rábade Paredes: Conferencia Os símbolos de Galicia, para alumnado de 3° de ESO do IES de Ponteceso. Coa presenza institucional da Fundación Rosalía de Castro a través da súa presidenta Helena Villar Janeiro.
Ourense: homenaxe a Marcos Valcárcel
O
luns 12 de decembro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, terá lugar unha homenaxe a Marcos Valcárcel por parte dos seus compañeiros e amigos desta entidade, da que foi o Director da Sección de Literatura, con motivo do primeiro aniversario do seu pasamento.
Santiago: presentación da nova web de Fervenzas Literarias
O
xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Fervenzas Literarias celebra o seu quinto aniversario coa inauguración da súa nova web, onde os lectores poderán atopar as seccións de sempre, contidos dinámicos e novos apartados. Fervenzas Literarias nace con vontade de ser un elo da cadea que una o libro co lector, co que pretende consolidar un proxecto vencellado dende a súa orixe coa difusión e a promoción da lectura de Galicia. Intervirán no acto: Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Belén López, Vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Carlos Negro, Vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Compostela; Carina Fernández, Directora da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela; e Nacho Alonso, director de Fervenzas Literarias.
A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario
“Hai
agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.
Un ano sen Francisco Fernández del Riego
Artigo
en La Voz de Galicia:
“A frutífera vida de Francisco Fernández del Riego apagouse a tarde do venres 26 de novembro do 2010. Hoxe hai un ano que a cultura galega perdeu ao seu patriarca das letras, un home entregado sen fisuras á causa da cultura galega dende ben mozo, ata que as forzas lle fallaron aos 97 anos e a parca o atopou prostrado na súa casa da viguesa praza de Compostela, cidade na que residiu na meirande parte da súa vida. (…)
Na Casa da Cultura Galega, que acolle á Fundación Penzol, inaugurouse o venres 25 de novembro a exposición No niño novo do vento, Cen anos con Álvaro Cunqueiro, que remata en Vigo o seu periplo por Galicia. Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, organizadora da mostra coa Xunta e a Penzol, lembrou ao que foi cofundador da histórica editorial: “Don Paco é un personaxe que marca unha época na cultura galega fundamental, que representa a toda unha xeración arredor dos fillos de Otero Pedrayo e a República e que mantén o espírito da dignidade. O tempo converteraos en xigantes”, dixo.”
Reivindicación dos libreiros galegos ante as dificultades económicas
“Os
libreiros de toda Galicia conmemorarán este 25 de Novembro o Día das Librarías, data de “celebración” en todo o Estado e que estes profesionais, que están a experimentar un momento de “dificultades” económicas pola baixada nas vendas, pretenden aproveitar para reivindicar o seu papel na transmisión cultural á sociedade. Así o destacou Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros, quen destacou a achega do sector como “eixe fundamental” no proceso educativo, cultural e pedagóxico dos cidadáns galegos. Deste modo e fronte ao “ocaso” que ven algúns pola proliferación das novas tecnoloxías, “cada vez fálase máis do libro” e se “le máis”, con índices de lectura que “pouco a pouco van mellorando” e no que os libreiros cumpren o seu papel de “intermediario” entre “esta enorme selva de papel” e o cidadán. Así mesmo, o 25 de Novembro debe ser unha xornada de “reivindicación” das librarías como “comercio de proximidade” fronte ás grandes superficies comerciais, que “baleiran” os barrios da vida que deben ter ao tempo que se conta “o que se constrúe e non o que se destrúe”. “Temos moitas cousas que facer aínda”, insistiu Patiño, se ben admitiu que o nivel de vendas está a ser “máis baixo” que o ano pasado e que moitos establecementos presentan dificultades, motivadas pola perda de capacidade adquisitiva das familias, que deixaron a algunha libraría nunha situación “incómoda”. Así mesmo, os atrasos no pagamento da ‘gratuidade solidaria’ por parte da Consellería de Educación supuxo algunha quebra polas dificultades “para afrontar pagamentos” a distribuidores, aínda que “por sorte, xa está en camiño de solucionarse” (cun 70% xa pagado). (…) Con motivo do Día das Librarías, o próximo día 25 haberá descontos de ata o por cento nos establecementos, que ampliarán o seu horario ata as 22.00 horas. Así mesmo, están confirmadas máis de 25 actividades por todas as cidades galegas, como lectura pública de obras.” Vía Galicia Hoxe.
Homenaxean a Cunqueiro coa etiqueta #ACunqueiro en blogs e redes sociais dende o 26 de novembro ata o Día do Gordo de Nadal
“Queremos
que a xornada do 26 de novembro en Santiago de Compostela non sexa máis que o inicio dunha extensa homenaxe a Don Álvaro Cunqueiro a través dos blogs e redes sociais, así como nos medios de comunicación. Unha homenaxe que debería prolongarse ata o día 22 de decembro, data na que se conmemora o centenario do nacemento do escritor. Para participar nesta homenaxe non tes máis que publicar no teu blog ou web ou nos teus perfís das redes sociais post, notas, receitas, comentarios e referencias a Álvaro Cunqueiro, a súa obra literaria e o seu amor pola gastronomía e os viños. Con esas publicacións contribuirás a levar a estender polo mundo enteiro o coñecemento sobre Cunqueiro e a súa obra. Empregaremos o hagstag ou etiqueta #ACunqueiro, que reúne a inicial do nome e o apelido completo do autor, pero tamén porque dedicamos esta iniciativa A Cunqueiro. Contamos coa túa colaboración e agradecemos que remitas un enlace co que publiques a soledadfelloza[arroba]gmail.com ou info[arroba]colineta.com para enlazalo dende esta web. Mil primaveras máis para a obra inmortal de Álvaro Cunqueiro!” Vía Manuel Gago e Certo.
Suso de Toro: “Se quixese retratar hoxe o meu país non o faría mellor”
Repaso
en Cultura Galega á influencia de Polaroid na literatura galega, con entrevista ao seu autor, Suso de Toro:
“Polaroid foi no seu día un choque na nosa literatura. Segundo lembraba Dolores Vilavedra a analizar os fitos das nosas letras de finais do século XX, “foi un revulsivo que obrigou a cuestionar o que é a novela e a literatura. En certo xeito marca un punto de inflexión e amosa a herdanza das posmodernidade nas nosas letras”. Para máis, o feito de que un libro tal chegase aos centros de ensino como lectura recomendada “provocou protestas de Asociacións de Pais, considerábase inmoral”. O feito de lograr o Premio da Crítica en 1987 non fixo máis do que incrementar o eco da obra. Textos como o Manifesto Kamikaze ou Galicia, esa merda coa súa chamada a facer croquetas coa momia de Castelao ou a derrubar a casa de Rosalía de Castro continúan a ser citados e lembrados a día de hoxe. (…)
Cultura Galega: Ata que punto pensa que ten vixencia o libro?
Suso de Toro: Agora vexo as cousas desde fóra. Achegueime ao libro e ao meu xeito de ver está perfectamente vivo. Non mudaría nada. En primeiro lugar porque é un libro deliberadamente imperfecto e non admite que se lle limen cousas, iso é parte da súa estética. É un libro que ten algo de xesto, entón non lle podo tocar nada. E por outra banda vexo que está vivo. E aínda máis, o discurso ideolóxico que está na Apoteose do churrasco asínoo hoxe. A visión do país que está aí segue a ser perfectamente válida para min. Se o quixese retratar hoxe non o faría mellor.”