“Tres
institucións culturais propuxeron que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se dedique á figura de Carlos Casares. O Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular da Limia e a Fundación Carlos Casares irán da man para que o escritor natural da comarca ourensá da Limia sexa homenaxeado dentro de dous anos. Representantes do tres institucións culturais compareceron o venres 22 de xullo ante os medios de comunicación no Liceo Recreo Ourensán. No acto estiveron presentes o escritor Delfín Caseiro; Xosé Badas Fernández, do Centro de Cultura Popular da Limia; e Xoán Xosé Jardón Pedras, representante do Padroado do Museo da Limia. As tres institucións culturais promoverán durante o curso académico 2011-2012 unha serie de actividades culturais con motivo do décimo aniversario da morte do escritor, que se cumprirá o próximo ano. Delfín Caseiro explicou que estas actividades pretenden “preparar, crear ambiente e crear estado de opinión” sobre a figura de Carlos Casares para “ter como consecuencia e obxectivo” que se dedique o Día das Letras Galegas ao autor limiao”. Vía Galicia Hoxe. Tamén en Xornal e Cultura Galega.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Víctor Freixanes define a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos
“(…)
Víctor Freixanes
participa estes días no seminario Cen anos de Cunqueiro organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), onde onte falou do labor xornalístico do autor de Mondoñedo e do contexto social no que desempeñou a súa traxectoria. Freixanes indicou que Cunqueiro “desenvolveu unha parte moi importante da súa vida nos xornais e nalgunhas emisoras de radio” e definiu a Cunqueiro como un dos mellores escritores europeos dos últimos tempos. A primeira relaciónase coa formación do intelectual e ten lugar entre Mondoñedo, Lugo e a súa etapa como universitario en Santiago de Compostela. Nesta última cidade “entra en contacto cunha xeración que está a descubrir Galicia e a súa identidade”, apuntou Freixanes. É nesta época cando aparecen as primeiras publicacións de carácter literario ou crítico-artístico en xornais da época como El Pueblo Gallego. Co estalido da Guerra Civil, explicaba onte Freixanes no Arquivo do Reino de Galicia, comeza a segunda etapa da vida de Cunqueiro, e na que destaca o seu labor como xornalista e as súas primeiras publicacións en medios de comunicación afíns ao réxime. Segundo o director de Galaxia, tralo que falaron as escritoras Marina Mayoral e Inma López Silva, esta época é na que Cunqueiro pega un salto “vertixinoso” a La Voz de España e ás revistas Vértice e Santo y Seña, rematando no ABC como redactor xefe. O ano 1944 foi, segundo Víctor Freixanes, outra das datas claves na biografía de Álvaro Cunqueiro, xa que nese ano perdeu o carné de prensa e non tivo máis remedio que regresar ao seu Mondoñedo natal. Arranca aquí unha terceira etapa, que se converte no rexurdir do escritor lucense e da que sae unha das súas grandes obras, Merlín e Familia (1954). “En dez anos escribiu algunhas das que se consideran as grandes obras da literatura europea”, sinalou Freixanes. Tamén daquela comezaron as súas colaboracións con La Voz de Galicia e Faro de Vigo, e deste último asume a dirección ata 1970. A última das fases nas que o escritor galego divide a biografía de Cunqueiro corresponde aos últimos anos de vida de Cunqueiro, nos que “acadou o recoñecemento” colaborando con revistas e xornais de todo o mundo. (…)” Vía La Opinión.
Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo
O
luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.
Francisco López: “Cunqueiro é o meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas e o herdeiro natural dos trobadores medievais”
“O
director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe na inauguración do encontro Cen anos de Cunqueiro, que organiza a Universidade Internacional Menéndez Pelayo na sede do Arquivo do Reino de Galicia do 13 ao 15 de xullo. O director xeral cualificou a Álvaro Cunqueiro como o “meirande fabulador da literatura europea das últimas décadas, o herdeiro natural dos trobadores medievais”.
Segundo Francisco López, o grande mérito de Cunqueiro non foi só recoller a nosa “enraizada tradición de oralidade”, senón “empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, ata convertela nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal”. O director xeral explicou que cando se le a Cunqueiro un pode lembrar as historias dos nosos devanceiros e admirar os modernos recursos narrativos que utilizaba o escritor mindoniense. “Nesa mestura radica o éxito da construción dun universo máxico que anticipou o camiño polo que despois discorrería boa parte da novela do último terzo do século XX”, asegurou.
Para o responsable da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, tal capacidade para fabular só a pode despregar “un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas nas que Ulises pasaba as súas mocidades, facíao inspirándose nas Cíes e en Sálvora; e cando pintaba un porto do Golfo Pérsico, pensaba en Foz ou Viveiro; e cando falaba da Bretaña do Sochantre dePontivy, en verdade estaba a falar de Galicia”. “Porque no fondo, era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro”, engadiu.” Vía Galicia Hoxe.
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro só escribiu a décima parte do que se lle ocorreu” (La Voz de Galicia).
Carlos G. Reigosa: “Cunqueiro sentía que escribira a décima parte do que se lle ocorrera” (La Opinión)
A obra de Castelao será declarada Ben de Interese Cultural (BIC)
“A decisión de declarar BIC a obra de Castelao foi aprobada pola Consellería de Cultura e Turismo o pasado 28 de xuño a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, o procedemento, será comunicado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. Nos próximos días a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase un período de información pública durante un mes co obxectivo de que os interesados poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, insistiu na tardanza, pero aceptou que, finalmente, se dera o paso: “Cando unha cousa está mal feita é agradable o día no que se fai algo ao xeito. Realmente, é do pouco bo que fai a Xunta” (…) Vía Xornal de Galicia.
A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto
Do
xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.
A Coruña: Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais de 1861
O
sábado 2 de xullo, na Fachada do Teatro Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura promoven Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais da Coruña de 1861, co seguinte programa (Xogos Florais 1861-2011 Unha estrela no ceo de Galicia):
– 13:00 h. Abre o acto un baile de Nova Galega de Danza.
– 13:05 h. Saúdo e presentación do acto polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
– 13:10 h. Lectura dalgúns poemas galegos do Álbum de la Caridad, publicado un ano despois dos Xogos Florais de 1861. Coa intervención de: Consuelo Bautista, xornalista de Radio Coruña; Manuel Gallego, arquitecto; Begoña Varela Bárcena, libreira de Nova Colón; Gonzalo de la Huerga, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; Marisol López Facal, médica; Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Luísa Merelas, actriz; Roberto Pérez Vila, presidente do comité de empresa de Zara Loxística; Laura Gayoso, sumiller e restauradora; Ánxel Vázquez de la Cruz, médico; e Charo Soto Arias, vicedirectora do IES Eusebio da Guarda.
– 13:25 h. A presidenta da Asociación de Compositores de Galicia Margarita Viso Soto interpreta ao piano a muiñeira de Canuto Berea, peza que se escoitou nos Xogos Florais de 1861.
– 13:30 h. Discurso do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
– 13:40 h. Desde a Serra de Outes, terra natal do poeta Francisco Añón, galardoado nestes Xogos Florais, traen unha ofrenda vexetal para os promotores e organizadores dos Xogos. O secretario da Asociación cívico-cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, fai entrega dun carballo ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e dun loureiro á descendente dos irmáns de la Iglesia, María Rosa Saurín de la Iglesia.
– 13:45 h. Pecha o acto a Banda Municipal de Outes coa interpretación do Himno galego.
Tui: recital poético no 120 aniversario dos Xogos Florais de Galicia
“A
concellería
de Cultura do Concello de Tui conmemora o 120 aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. O programa destes actos comeza hoxe, venres 24 de xuño, cun recital poético que terá lugar ás 20:30 horas na igrexa de San Domingos de Tui e que contará cun recital poético de Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente Premio da Crítica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski the Chinaski.” Vía Galicia Hoxe.
“O número de poemas coñecidos de Cunqueiro vaise duplicar”, segundo Manuel Forcadela
Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro
O
xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.