A
quinta feira 28 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel de Vigo (Avenida das Camelias, 102, baixo) de Vigo, Carlos L. Bernárdez impartirá a palestra De Castelao a Seoane.
Arquivo da categoría: Arte
O Premio Manuel García Barros celebrará o seu 25 aniversario reunindo os seus premiados
Desde Praza:
“O Premio de Novela Manuel García Barros fai 25 anos. Promovido polo Concello da Estrada dende 1989, neste tempo serviu de escaparate en toda Galicia de esta vila e converteuse nun dos galardóns de referencia da literatura galega. Juan Constenla, concelleiro de Cultura, destaca a importancia “da consolidación” deste premio, e o seu valor para A Estrada e para a súa proxección cultural en todo o país.
O propio Concello da Estrada, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan o vindeiro sábado 16 de novembro na Cidade da Cultura un acto que servirá para conmemorar a traxectoria deste certame e “promocionar e difundir en toda Galicia os valores e a aposta cultural e literaria do premio estradense”. O obxectivo é reunir á maior parte dos e das gañadoras que tivo este premio, unha listaxe que reúne o máis destacado da narrativa do noso país das últimas décadas. Anxos Sumai é a máis recente premiada, e súmase a Santiago Lopo, Xesús Constela, Antón Lopo, Manuel Veiga, Santiago Jaureguizar, Xabier López, Bieito Iglesias ou Antón Riveiro Coello. Ou os Aníbal Malvar, Xosé Ballesteros, Xosé Miranda ou Manuel Forcadela recoñecidos nas primeiras edicións.
De momento xa está confirmada a presenza de Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai. En recoñecemento á súa contribución á consolidación do premio e á construcción do seu prestixio actual, todos eles recibirán unha serigrafía creada especificamente para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila. O acto será presentado pola xornalista local Mireia García e contará coa actuación do pianista estradense Javier Otero. Ademais, tamén terá un protagonismo especial o IES Manuel García Barros da Estrada, xa que os seus estudantes de Literatura Galega de 2º de Bacharelato participaron na gravación dun vídeo sobre a traxectoria do premio que se proxectará durante o evento.”
Vilalba: inauguración do 8º Hectómetro literario e mesa redonda arredor da obra de Xesús Rábade e Helena Villar, o sábado 26 de outubro
Ferrol: inauguración da mostra Imeldo Corral, pintor das Irmandades, comisariada por Carlos L. Bernárdez
A
cuarta feira 9 de outubro, ás 20:00 horas, Fundación Novacaixagalicia de Ferrol (Praza da Constitución, s/n), inaugúrase a mostra Imeldo Corral, pintor das Irmandades, comisariada por Carlos L. Bernárdez. Poderá ser visitada até o 12 de xaneiro de 2014. Aquí pode descargarse o folleto da exposición: Imeldo Corral. Exposición comisariada por Carlos L. Bernárdez.
Goián (Tomiño): presentación da mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos, comisariada por Carlos L. Bernárdez
A
sexta feira 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Goianés, en Goián (Tomiño), preséntase a mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos: Brasil, Italia e Galiza, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e que poderá ser visitada até o 20 de outubro. Aquí pode descargase o folleto da exposición: Antonio Fernández. Pintor de tres mundos.
A Coruña: obradoiro O ollo da arte, dirixido por Antía Otero
O ollo da arte é
un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde as persoas participantes poderán coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia. Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante. Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal.
Tod@s aqueles e aquelas que cursen O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Datas: todos os luns entre o 14 de outubro de 2013 e o 10 de febreiro de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 18 de setembro até o 7 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse.
• prema en “ver máis”.
• siga a ligazón “inscrición”.
• seleccione o xeito de pagamento e confirme.
Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es
A Coruña: Revelar para rebelarse: escribir neste tempo, obradoiro de creación poética con Antía Otero
“Achegarse
ao feito literario facendo fincapé no poético. Arrincar o medo á palabra, desbloquear a escrita. Atopar a voz propia e afrontar a rebelión do texto. Revelar o entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea. Colocar o poético en relación co interdisciplinar: cinema, música, artes plásticas. Bucear nas propias creacións ao redor da imaxinación, a escoita, o concreto, o diálogo, o eu, o contorno, a periferia, o tempo, o espazo, o silencio. Escoitar o proceso. Aportar chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora do cotián, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético.
Escribir para revelar e rebelarse.
Bloques temáticos:
1.- Cartografías do Eu.- Margarite Duras, Boris Vian, Silvia Plath, Tess Gallagher, Lois Pereiro.
2.- A cidade na presión do tópico.- Paul Éluard, Jean-Luc Godard, José Luis Guerín, Sophie Calle.
3.- Road Movie.- Win Wenders, Nick Cave, Antonio López.
4.- O silencio.- John Cage, Kazuo Ohno, O paseo sonoro.
5.- Diálogo continuo. Entre a tradición e o contemporaneidade.
6.- Formatos Rebelados.- Videoarte, Videopoemas, Espazos -trans, Escrita dixital.
** Ademáis das clases, cada alumn@ terá a oportunidade de recibir tres titorías personalizadas ao longo dos tres meses de duración do obradoiro.
** O día 2 de outubro de 20:00 a 22:00 horas comezamos facendo a primeira aula dun xeito completamente gratuíto. Podes vir, probar e, só se che gusta, quedar.
Duración: Trimestral (outubro, novembro, decembro).
Imparte: Antía Otero.
Días e hora: Mércores de 20:00 a 22:00 h.
Lugar: The Room (Rúa Santiago, 7 – 15001 – A Coruña)
Prezo: 60 euros ao mes.
Máis información, cuestións e matrícula en: obradoiroantiaotero@gmail.com.
A Coruña: obradoiro De literatura e outras artes, impartido por Dores Tembrás
Desde
o blogue de Dores Tembrás:
“Arrinca este outono, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.
Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.
Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina de Dostoievski e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luís Seoane?
Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e espazos transitados pola interdisciplinaridade.
O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 h.).”
Pontevedra: recital poético-musical e exposición África Nossa
A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014
Desde
La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”

