O sábado 16 de maio ás 12:30 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar unha lectura de textos de Xela Arias, actividade da AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda.
Contaremos coa actuación musical de César Morán, autor da música para o poema de Xela Arias Non é xusto do poemario Tigres coma cabalos, que forma parte do seu disco, Río de son e vento.
As persoas que queiran participar no recital poético deben confirmar asistencia no correo electrónico nesta ligazón. Agradécese que se confirme tamén o título do poema que se vai ler, para así non repetir ningún. Debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19, deberase indicar tamén o voso nome, apelidos e número de teléfono, para cumprir coa lexislación sanitaria vixente.
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
Os Premios Follas Novas terán formato presencial sen público e serán transmitidos pola rede
Os Premios do Libro Galego, que este ano pasaron a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, recuperarán nesta edición a gala de entrega mentres reclaman atención para o sector do libro en Galicia, un sector que, a pesar da pandemia, resiste e busca a visibilidade dos públicos. En rolda de prensa foi presentada esta edición dos premios que estrea denominación e que recupera o formato presencial de entrega. A cerimonia será celebrada o 15 de maio, en directo, no Teatro Principal, sen público, e transmitida a través de You Tube.
Desde as tres asociacións que representan ao sector do libro galego, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia consideran que a recuperación da cerimonia de entrega dos premios Follas Novas significa que estamos a avanzar no camiño da recuperación da normalidade. O recentemente elixido presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, sinalou nunha das súas primeiras intervencións como presidente que o sector do libro suma actividades moi diferentes pero que “todas elas queren incrementar a visibilidade do libro como método para saír dunha situación de dificultades para todas as empresas e persoas relacionadas coa cultura”. Domínguez explicou os pormenores da entrega de premios do vindeiro sábado sinalando que se recuperaba a “presencialidade dos finalistas, agardando que para a próxima edición poidamos recuperar tamén o público”.
Domínguez estivo acompañando polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos. Os tres coincidiron en sinalar que o libro leva demostrado desde o inicio da pandemia “a súa utilidade para a sociedade”. Engadiron que a xente segue a precisar do libro como vehículo cultural e que o mundo do libro necesita de apoio, como outros sectores, para superar a situación de crise xerada pola pandemia.
A cerimonia de entrega dos premios Follas Novas do Libro Galego celebrarase o vindeiro sábado, 15 de maio, a partir das 19:00. Será presencial pero non terá público debido as restricións de aforo. Os premios serán emitidos desde a canle de You Tube dos premios Follas Novas e terá como presentador a Quico Cadaval. Tamén participarán na cerimonia o Cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.
Premios de honra
Ademais das categorías 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autoría da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadoras. A Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas, da libraria Arenas da Coruña; a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira e a Asociación de Editoras de Galicia renderá tributo ao desaparecido Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia.
Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, sinalou na súa intervención a mellora da situación xeral e como se reflicte nos premios, “estamos contentas desde o Concello de Santiago de ir recuperando as actividades que supoñen volver á normalidade cultural”. Rosón apuntou tamén na rolda de prensa que o libro galego “é un sector con grande excelencia e a cerimonia dos premios Follas Novas vai ser especial e importante porque nos vai devolvendo a situación que todos desexamos”.
Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, considerou estas actividades como un síntoma de mellora, “os premios son imprescindibles para a visualización dos libros e aínda que o ano foi malo para a cultura, o libro demostrou que estivo presente no acompañamento da xente e por iso é necesario que saia con forza da situación actual”.
Xurxo Couto, Deputado de Cultura na Deputación da Coruña, reparou nos tempos recentes do mundo cultural: “están a ser anos duros para a cultura e por iso son necesarias todas as actividades que como estes premios melloren a presenza da cultura na sociedade”.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, sinalou que a a cultura “é sanadora e os libros son sanadores e por iso mesmo en situación tan límite os escritores e escritoras queremos crer que estivemos a altura do que a sociedade precisa”.
Henrique Alvarellos, o libro foi a “vacina antes da vacina”, “o libro é o que nos move a todos os que estamos aquí”. “Esta gala vai premiar a excelencia dos libros e sabemos que quedan sempre libros fóra e estamos traballando para conseguir que a vindeira edición poidamos recuperar toda a presencialidade”. O presidente da Asociación Galega de Editoras, avanzou que de cara a futuras edicións dos Follas Novas “estamos a preparar un novo sistema de selección, somos conscientes de que publicando 1.200 títulos por ano, chegar a sinalar 15 gañadores é un traballo difícil e buscamos o xeito de melloralo”.
Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundo dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.
Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.
A elección dos títulos e autoría que forman parte da listaxe de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia achegaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a listaxe definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son as obras gañadoras en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.
Para ver a emisión da gala só tedes que premer esta ligazón:
https://i.gal/follasnovas
FINALISTAS
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2020
Ensaio e investigación
– Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
– Nós xs inadaptadxs. Representações, desejos e historias LGTBIQ na Galiza (Através Editora), VV. AA. Daniel Amarelo (coord.).
– Zona a Defender (Edicións Xerais de Galicia), Manuel Rivas.
Divulgación
– Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), Henrique Alvarellos.
– Guía definitiva dos peixes da Galiza (Soriaourensana de Libros), Pancho Lapeña e Nacho Munilla.
– Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.
Narrativa
– Entre donas (Baía Edicións), varias autoras.
– Para toda a vida (Aira Editorial), Eva Moreda.
– Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.
Infantil
– Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Xuvenil
– A nena do vestido de flores (Aira Editorial), Manuel Fontemoura.
– O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Libro ilustrado
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
– Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
– Extra! (Kalandraka Editora), Paco Nogueiras e Marc Taeger (ilus.).
Banda deseñada
– O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
– Pequena historia da Coruña (Edicións Embora), Xosé Alfeirán e Xosé Tomás.
Iniciativa bibliográfica
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
– Carta xeométrica de Galicia-Facsimilar (Cerne), Domingo Fontán.
– Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939 (Editorial Galaxia), Miguel Anxo Seixas Seoane.
Tradución
– A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
– Aramados (Alvarellos Editora), Manuel García Gerpe, traducido por Miro Villar.
– Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira Editorial), Kenji Miyazawa, Miguel Robledo (ilus.), traducido por Gabriel Álvarez Martínez.
Poesía
– A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
– A ganancia e a perda (Kalandraka Editora), de Martín Veiga.
– Ninguén morreu de ler poesía (Edicións Xerais de Galicia), Aldaolado.
Teatro
– Melancoholemia (Kalandraka Editora), Antón Reixa.
– O charco de Ulises (Edicións Positivas-Xunta de Galicia), Santiago Cortegoso.
– Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.
Libro mellor editado
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
– O bolero de Ravel (Kalandraka Editora), José Antonio Abad e Federico Delicado (ilus.).
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz.
– Poetas Di(n)versos.
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.
Proxecto literario na rede
– Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
– Nee Barros. Canle de Youtube de promoción de libros en galego.
– O bosque dos cromosomas, de Olga Novo.
Xornalismo cultural
– Montse Dopico.
– Ramón Nicolás.
– Ramón Rozas.
A AELG recibe a Insignia de Prata do Museo do Pobo Galego
O sábado 8 de maio, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, recibiu, en representación da entidade, a Insignia de Prata do Museo do Pobo Galego, ao cumprirse 25 anos como socias/os do Museo apoiando as súas actividades.
Agradecendo enormemente este recoñecemento, animamos a todas as persoas conscientes e interesadas pola cultura galega a se faceren socias/os do MPG, e facilitar así a continuidade do seu magnífico traballo.
Escritor Galego Universal 2021: José Luandino Vieira
A Asemblea Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou José Luandino Vieira como Escritor Galego Universal en 2021, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra.
O nomeamento foille comunicado formalmente ao autor desde a AELG.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta e Mariasun Landa.
A foto do autor é de Rui Sousa.
Reproducimos a continuación este texto sobre o autor, elaborado por Carlos Quiroga:
“A Associação de Escritores e Escritoras em Língua Galega, na sequência da sua firme tradição, acordou em assembleia geral proclamar em 2021 o angolano José Vieira Mateus da Graça, conhecido por José Luandino Vieira, Escritor Galego Universal, nosso par, nosso irmão.
Exigências de excelência literária e compromisso ético ultrapassam, no caso, qualquer expectativa. Luandino nasceu em Lagoa de Furadouro, Vila Nova de Ourém, em 1935, acompanhando os pais para Angola aos três anos. Seguiu estudos primários e secundários em Luanda e envolveu-se no movimento de libertação nacional, escolhendo o nome de Luandino como homenagem a Luanda. Acusado de ligações políticas com o Movimento Popular de Libertação de Angola, MPLA, foi preso em 1959 pela PIDE, no chamado “processo dos 50”. Voltaria ser detido em 1961, desta vez condenado a 14 anos de prisão e medidas de segurança. Transferido em 1964 para o campo de concentração do Tarrafal, Cabo Verde, passou aí oito anos, até obter em 1972 o regime de residência vigiada em Lisboa. Em 1975, após a independência do seu país, nacionalizou-se angolano. Regressou a Luanda em 1975, onde exerceu cargos diretivos no MPLA e foi presidente da Radiotelevisão Popular de Angola. Membro fundador da União dos Escritores Angolanos, exerceu funções de secretário-geral deste organismo desde a sua fundação em 1975 até 1992. E agora, desde há alguns anos, é nosso vizinho, perto do pai Minho, correligionário e já para a vida Escritor Galego Universal.
Luandino Vieira foi distinguido com prémios maiores e melhores, como o da Sociedade Portuguesa de Escritores (1965), da Sociedade Cultural de Angola (1961), da Casa do Império dos Estudantes de Lisboa (1963) ou da Associação de Naturais de Angola (1963). A partir de 1972, residindo em Lisboa, iniciou a publicação da sua obra, na maior parte escrita nas prisões por onde passou. Recusou em 2006 o Prémio Camões, o maior galardão literário para a língua portuguesa, “por motivos íntimos e pessoais”, que pareciam prender-se com o seu silêncio. Quebrado este com O livro dos rios, novo romance que até iniciou uma trilogia intitulada De rios velhos e guerrilheiros.
A sua obra, numa primeira fase e até 1962 (reunida em Vidas novas), é de conformação mais clássica, dando passagem com a escrita de Luuanda a uma segunda etapa, absolutamente renovadora. Nela, em que também se insere Nós, os do Makulusu, é quando começa a inserir marcas de angolanização da língua portuguesa, subvertendo a norma padrão e adotando registos populares, orais e tradicionais africanos. A sua voz literária encontra a partir daqui um tom singular. As estórias que escreve, mais longas que o conto sem alcançar as dimensões da novela ou romance, podem invocar o molde do mussosso, narração com peripécias frequentes, fábula ou narrativa moral africana tradicional. Porque o que Luandino faz a partir deste momento é uma deconstrução da língua erudita do colonizador, inseminando quimbundo a nível de vocábulos crioulizados, mesmo neologismos, prolongando a oralidade, tocando até na sintaxe.
Para além de colaborações jornalísticas, disseminadas nalguns meios da segunda metade do século passado, Luandino Vieira é autor destas obras:
Romances:
A vida verdadeira de Domingos Xavier (1961 e 2003).
João Vêncio. Os seus amores (1979 e 2004).
Nosso Musseque (2003).
Nós, os do Makulusu (1974 e 2004).
O livro dos rios (2006).
O livro dos guerrilheiros (2012).
Contos:
A cidade e a infância (1957 e 1986).
Duas histórias de pequenos burgueses (1961).
Luuanda (1963 e 2004).
Vidas novas (1968 e 1997).
Velhas histórias (1974 e 2006).
No antigamente, na vida (1974 e 2005).
Macandumba (1978 e 2005).
Lourentinho, Dona Antónia de Sousa Neto e eu (1981 e 1989).
História da baciazinha de Quitaba (1986).
Infanto-Juvenil:
Kapapa: pássaros e peixes (1998).
À espera do luar (1998).
A guerra dos fazedores de chuva com os caçadores de nuvens. Guerra para crianças (2006).
Memórias:
Papéis da prisão (2015).
Tradução:
A Laranja Mecánica, de Anthony Burgess (1973).
A escolha e proclamação, por parte da Associação de Escritores e Escritoras em Língua Galega, de José Luandino Vieira, Escritor Galego Universal, nosso par, nosso irmão, neste ano de graça de 2021, aclama um criador e autor, digníssimo referente na defesa da dignidade humana.”
XI Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica co que colabora a AELG. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.
As bases do concurso poden descargarse aquí.
A AELG celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Hoxe, 2 de abril, é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Na nosa literatura, afouta e nutrida, temos numerosos exemplos para desfrutar e descubrir.
Desde a Sección de Didáctica da AELG, ofrecémosvos un xeito de indagar neste mundo marabilloso da man de Eva Mejuto (autora, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e persoa con grande experiencia no eido da edición).
Eva ofértanos un paseo pola literatura infantil e xuvenil galega baseado nas rúas de Pontevedra, nas librarías (tan importantes) desa cidade. E non só íso, na proposta tedes tamén un kahoot para descubrir e disfrutar novos personaxes e propostas literarias das nosas letras. Animádevos a mergullarvos neste mundo marabilloso. “Dinnos que os dragóns non existen para que cada quen poidamos descubrilos por nós propixs” (Jeff Smith, Bone).
Podedes acceder premendo nesta ligazón.
#AELG #DocenciaAELG #DíaDoLibroInfantilEXuvenil #LemosEnGalego
A AELG celebra o Día Mundial da Poesía con poemas de Xela Arias #PalabrasDeXelaNoDíaDaPoesía
A de quen comprende non é
palabra feliz.
A de quen transmite é
terminoloxía útil.
Se na vida cotiá o balazo
non rebenta en estourido a estupidez,
pouco importa intelixencia ou sentimento.
A poesía non entende de marxes. Non as precisa. Non delimita espazos. Ten efectos secundarios. Provoca rebeldía, ama todos os corpos, todas as cores de pel. Todas as identidades.
Da memoria delas, o berro xorde na rúa, traspasa, derruba, para tecer novos versos sobre as súas pegadas. Das que seguen a sachar nas palabras desde a soidade. Para desordenala.
O domingo 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, comparte poemas ou versos de Xela Arias nas redes sociais, acompañando co hashtag: #PalabrasDeXelaNoDíaDaPoesía
Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021
Os Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Volven os Paseos que quedaran cancelados por mor da pandemia. Debido á situación sanitaria, os contidos foron gravados e os paseos, de carácter virtual e audiovisual, poden verse na web de Normalización Lingüística do Concello da Coruña as redes sociais. Permanecerán visibles durante un mes desde a primeira emisión de cada un deles.
Estes Paseos virtuais pola Coruña Literaria, que organiza Normalización Lingüística do Concello da Coruña xunto coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, teñen datas e protagonistas para esta primavera. María Canosa, Olivia Rodríguez González, África López Souto e Xosé Antón Bocixa con Emma Pedreira levarannos, de maneira virtual, por diferentes localizacións da cidade que ambientaron ou inspiraron as súas obras.
O calendario é o seguinte:
– 11 de marzo, con María Canosa. Peregrina na miña cidade. O paseo rememorará a visión de dúas protagonistas dos últimos libros da autora. Na obra á que fai referencia o título do paseo, a protagonista chega á cidade por mar e sentirase atraída por todo aquilo que é a fachada da cidade pero tamén polo que queda ás súas costas. A segunda protagonista vive dentro da cidade e transita os espazos menos pintorescos e máis prosaicos, o día a día, a cidade que se “usa”. Pode verse aquí.
– 18 de marzo, con Olivia Rodríguez. A Coruña de Luz Pozo Garza. Faremos un percorrido polos espazos vitais e poéticos de Luz Pozo Garza na nosa cidade e deterémonos naqueles lugares máis significativos na súa traxectoria. Poderá verse aquí.
– 25 de marzo, con África López. Concepción Arenal na Coruña: escoitando as ‘malas mulleres’. Faremos un percorrido aberto e participativo pola presenza de Concepción Arenal na nosa cidade, incidindo nas súas perspectivas en relación a unha visión humanitaria do castigo, a potencia da amizade entre mulleres, centrada na súa relación con Juana de Vega, e o legado que deixou a súa vida e obra na nosa cidade. Poderá verse aquí.
– 1 de abril, con Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. O éxodo, a ruína. Un paseo pola poética da memoria e da casa baleira e abandonada e que fica no silencio da ruína, desde o audiovisual ao literario, coa mirada diversa e complementaria destes creadores. Poderá verse aquí.
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2021 (II)
O acto central do Día de Rosalía 2021 tivo lugar o sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Recital de poemas de Rosalía:
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2021 (I)
O acto central do Día de Rosalía 2021 tivo lugar o sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións: