Desde
Sermos Galiza:
“Trinta anos despois da primeira xuntanza das asociacións de escritores e escritoras catalá, vasca e galega, a Federación Galeusca reafirmou en Pontevedra a súa vontade de apostar polas literaturas das tres nacións, en especial, pola escrita infantil e xuvenil, tema do encontro anual do que, desta volta, era a AELG anfitrioa. Nas conclusións da Asemblea anual, a Federación reafirmouse nos contidos do comunicado aprobado no mes de marzo no que mostraban a súa oposición á LOMCE por ser “unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións”. Nun dos puntos das conclusións aprobadas na Asemblea, manifestan o “seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears” e solidarízanse coas mobilizacións desenvolvidas nos tres territorios con linguas propia.
Despois de dous días de debates e posta en común, a Federación Galeusca sinalou a necesidade de apostar por unha literatura infantil e xuvenil “viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas”.
Literaturas “acosadas”
“A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais”, defenderon, nun comunicado final que fixeron público como conclusión dunhas xornadas que xuntou en Pontevedra representantes das literaturas galega, vasca e cataláns, en especial con dedicación á escrita de públicos de menor idade.
Alertaron tamén, dunha reforma da Lei de Propiedade Intelectual que estableza novos recortes aos dereitos de autores e autoras que afectan, de maneira especial, á entidade de xestión CEDRO, “cuxa continuidade se ve seriamente afectada”.
O presidente da asociación catalá, Guillem-Jordi Graells será o novo responsábel máximo da Federación, despois da Asemblea de Pontevedra.”
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Conclusións da Asemblea da Federación Galeusca 2013
“Reunidos
en Pontevedra os días 25, 26 e 27 de outubro de 2013 os membros da Federación Galeusca en torno ao tema A literatura infantil e xuvenil. Propostas de futuro e adecuación a novos formatos, manifestamos:
1. A necesidade de continuar a apostar pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas. Escribimos para continuar soñando e colaborando na transformación da realidade desde a procura de alternativas liberadoras que axuden a articular e reforzar a comunidade.
2. A importancia que ten a formación de novos lectores e lectoras e novos creadores e creadoras, tanto a través da escola como, de xeito cooperativo, desde todos os ámbitos de socialización posíbeis e para iso aproveitaremos as plataformas e medios existentes, como os obradoiros de expresión escrita, clubes de lectura, actividades interdisciplinares, redes sociais especializadas, blogues… e todos os soportes susceptibles de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico.
3. A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais.
4. Ademais, reafirmámonos nos contidos do comunicado da Federación Galeusca contra a LOMCE do pasado mes de marzo, unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións. O seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears, con cuxas mobilizacións nos solidarizamos.
5. Finalmente, ante a tramitación dunha nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual, reiteramos a nosa preocupación ante os novos recortes aos dereitos de autor/a e os intentos de laminación das entidades de xestión e, en especial, da que nos aglutina e defende como é CEDRO, cuxa continuidade se ve seriamente afectada.”
Na sesión do Encontro do sábado 26 fíxose patente a atención que escritoras e escritores prestan aos novos formatos que as novas tecnoloxías achegan á literatura. Os comentarios bascularon entre a necesidade de non perder de vista que a literatura como linguaxe artística debe ser preservada para poder acoller as contribucións que desde outras linguaxes e formatos dixitais poidan vir a incorporarse, e a constatación de que a literatura debe estar preparada para mudanzas de fondo.
Valorouse como necesaria a incorporación dos imaxinarios propios á creación literaria.
Na mesa de poesía os asistentes coincidiron en que é preciso achegala aos lectores e lectoras novas desde novas perspectivas, concluíndo que o poeta ten que aproximarse a eles a través de obradoiros e recitais. Neste xénero literario constatouse a existencia dunha poesía infantil, mentres que se puxo en cuestión o concepto de poesía xuvenil, na medida en que este público responde a perfís lectores con experiencias moi diversas.
No ámbito teatral remarcouse que este xénero fai patente a utilidade da literatura como instrumento que debe ser posto a disposición do público infanto-xuvenil, tanto a nivel da creación como de posta en escena tendo como único obxectivo final chegar ao coñecemento do propio corpo, voz e idioma. Insistiuse en que a mocidade debe ser protagonista do teatro para poder ser lectora e espectadora do mesmo cando adulta.
Fina Casalderrey e Xosé Vázquez Pintor, guiaron as delegacións galega, vasca e catalá, así como ao resto das persoas que acudiron ao Encontro, nun paseo literario por Pontevedra.
Foi unha xornada de intercambio das experiencias que nos últimos anos se están levando adiante en Galicia, Cataluña e Euscadi, e na que se impuxo o optimismo no futuro da creación.
Os textos completos das mesas redondas pódense descargar aquí: Conxunto-textos-encontro-galeusca-2013.
A Casa das Campás acolleu o domingo 27 a Asemblea da Federación Galeusca, da que saíron as conclusións do Encontro.
Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura de Pontevedra, agradeceu a presenza da Federación na cidade e felicitouna pola profundidade das reflexións achegadas, de proveito para o futuro da Literatura Infanto-Xuvenil.
Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro
Deixamos
aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:
– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
– Premios da Crítica Galicia 2013.
– O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
– De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.
Pontevedra: Encontro da Federación Galeusca 2013, do 25 ao 27 de outubro
Do
venres 25 ao domingo 27 de outubro terá lugar o Encontro da Federación Galeusca do 2013 en Pontevedra, baixo o título A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.
O programa está formado polo seguintes actos (sublíñanse os actos abertos ao público en xeral):
Venres, 25 outubro
– 20:30 h. Recepción no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).
Este acto contará coa presenza do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos tres presidentes das asociacións que conforman a Federación, e que atenderán á prensa:
Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).
Guillem-Jordi Graells (AELC).
Ander Iturriotz (EIE).
Sábado, 26 outubro. Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11).
– De 10:00 a 12:00 h. Mesa redonda de narrativa (presenta e modera Francisco Castro).
Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE).
– De 12:30 a 14:00 h. Paseo literario por Pontevedra, con Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.
– De 16:00 a 18:00 h. Mesa redonda de poesía (presenta e modera Antía Otero).
Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE).
– De 18:15 a 20:15 h. Mesa redonda de teatro e outros formatos (presenta e modera Mercedes Queixas).
Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE).
Domingo, 27 outubro. Casa das Campás.
– De 10:30 a 12:00 h. Asemblea Federación Galeusca.
– De 12:00 a 12:30 h. Lectura de conclusións e clausura.
As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e cinco anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
Actualmente a presidencia da Federación corresponde á asociación vasca, e será cedida ao remate da Asemblea da Federación ao presidente da catalá, Guillem-Jordi Graells.
Texto lido por Gonzalo Hermo na mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
O
3 de outubro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Gonzalo Hermo leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:
POESÍA É PRECARIEDADE
“Os teóricos da escola de Santiago veñen falando desde hai algún tempo de dúas disposicións ou habitus, na terminoloxía de Bourdieu, que compiten por monopolizar o capital do campo literario: unha disposición lírica e unha disposición non lírica. De acordo con Arturo Casas, o habitus non lírico recolle todas aquelas prácticas poéticas que presupoñen a refutación da chamada actitude lírica, entendida esta como a construción dun suxeito discursivo que dá conta dunha subxectividade ligada á doxa romántica. Os discursos non líricos son necesariamente heteroxéneos, xa que se caracterizan á negativa, pero poden ser perspectivados como unidade na medida en que funcionan no seu conxunto como contrapeso dos líricos. En termos de Foucault, o discurso lírico sería a potentia ou forza hexemónica, mentres que o non lírico desempeñaría o papel de potestas, a contra-forza que resiste e nivela o influxo da forza dominante.
Pois ben, a miña idea sobre o estado actual da poesía galega é que a potestas está en condicións de darlle a volta á relación de poder e tornarse potentia. Tomando como referencia a produción poética galega a partir do ano 2000, ano no que, non por acaso, Chus Pato lanzaba un clamoroso «adeus á lírica», percibo cada vez máis tentativas de ensaiar fórmulas non líricas para o poema. Digo tentativas porque nalgunhas ocasións os resultados son tímidos, ou inseguros, e isto explícase pola presenza dunha tradición monopolizada ata tal punto polo habitus lírico que este chegou a confundirse coa esencia mesma do poético. No entanto, si parece claro que existe un certo cansazo das formas de escrita vertebradas en torno ao mundo interior dun eu que facilmente puidese confundirse co poeta mesmo e, por conseguinte, unha estratexia encamiñada a remarcar as fronteiras entre a voz do poema e a voz do poeta.
Ollo, con isto non quero dicir que o salto ao non lírico se salve mediante un cambio pronominal. De feito, existen poéticas perfectamente líricas que se expresan desde un nós. Da mesma maneira, o uso da primeira persoa non implica que o resultado sexa lírico de seu e, de feito, moitos textos nos que estou pensando constrúense deste xeito. A diferenza radica en que na poesía non lírica ese eu dá conta do poema, non é o poema. O texto despraza «a centralidade enunciativa e enunciada do suxeito», o reflexo dunha «sentimentalidade vinculada ao coñecemento» –son palabras de Casas. Cabe aquí a contaminación discursiva, coa entrada de modalidades neo-épicas ou epizantes, dramáticas e ensaísticas, e aínda das non literarias, pero moitas veces son poemas onde o eu simplemente se esforza por levantar a vista do embigo.
Adopte a forma que adoptar, a emerxencia de poéticas non líricas ten as súas implicacións. Por unha banda, revela unha negativa a asumir a máxima posmoderna segundo a cal é imposible saír dos esquemas pautados pola tradición (aquilo que Vattimo chamaba «a fin da era da superación») e, consecuentemente, a actualización da noción de vangarda, non na dirección de recuperar as vellas vangardas históricas, senón como confianza en que a historia, tamén para a poesía, non morreu coa caída do muro de Berlín. Por outra, representa unha posibilidade de intervención no espazo socio-político (se é que tal acción é aínda posible a través do poema), na medida en que, ao sacar o xénero da dimensión autorreferencial, se facilita a posta en marcha de análises críticas da realidade non niveladas polo recurso ao singular e ao emocional.
É dicir, a hipótese que lanzo aquí é que a proxección de poéticas non líricas en Galicia pode estar en consonancia cunha toma de conciencia e un querer posicionarse a respecto da realidade por parte dos autores que as poñen en práctica. Talvez sexa activada por poetas que se saben e se recoñecen como suxeitos históricos, perfectamente transidos polo seu espazo e o seu tempo. Non hai maneira de escapar destas coordenadas, non se pode escribir desde fóra, por moito que se nos repita que a poesía é a arte do transcendente e o poeta, a poeta, unha especie de ente atemporal que comunica as esencias do humano. Falando desta cuestión con Francisco Cortegoso, dicíame el que o escritor é un «conservador do seu tempo». Pode fantasiar coa idea de que escribe sen pai, sen tempo e sen patria, pero a súa produción deixará igualmente rexistro de quen é seu pai, cal o seu tempo e onde a súa patria.
Ora ben, isto non quere dicir que a práctica lírica e a vontade de artellar un discurso de resistencia sexan incompatibles. Por poñer un exemplo, as poéticas feministas continúan a articularse en boa medida valéndose dunha actitude lírica, é dicir, construíndo un suxeito poético feminino que, mediante a expresión dunha subxectividade liberadora, vén entrar en concorrencia co réxime simbólico do patriarcado. Hai moitos outros exemplos, e a tradición literaria galega pode fornecérnolos sen ter que rabuñar de máis. Aí esta Rosalía, sen ir máis lonxe.
En todo caso, sexa mediante a configuración de discursos non líricos, sexa mediante discursos líricos, os elementos repertoriais da recente poesía galega dan a entender que os produtores, incluídos os poetas que se incorporan á actividade literaria no último decenio, non esquecen nin queren esquecen a condición subalterna da cultura da que agroman e cúmprense así a pauta sinalada por González-Millán segundo a cal os autores de literaturas periféricas móstranse máis receptivos a subverter as tradicións discursivas dos xéneros literarios, que son percibidos desta volta como dispositivos de poder que vehiculan unha tradición repertorial que terma do statu quo.
Isto é especialmente visible se o comparamos coas modalidades de poesía que se practican hoxe nos grandes centros de cultura. Ultimamente estiven atento ao que están escribindo poetas novos dos Estados Unidos. Non hai dúbida de que a miña visión do asunto é necesariamente incompleta, máxime cando parte da lectura de antoloxías e panoramas, pero a impresión que extraio é que estes autores mozos proxectan suxeitos poéticos que reflicten a súa percepción ante experiencias cotidianas que se viven como cruciais para a autoformación persoal ou ben reivindican aquelas escritas que senten como próximas, pero non por vía do intertexto, é dicir, mediante o diálogo con eses textos de referencia, senón sinxelamente como catálogo de predileccións, como inventario de fetiches. O cambio verdadeiro que eu detecto nos seus discursos a respecto de, por exemplo, os confesionalistas dos anos 50 e 60, é que, por primeira vez, interesa máis o efecto que o texto produce nos lectores, a imaxe que se proxecta da propia poética, que a poética en si mesma. Interesa a superficie, talvez porque a cultura da imaxe fixo o seu traballo ou ben porque se chegou á conclusión de que calquera tentativa de significación está abocada ao fracaso.
Isto é, a lírica predomina con clareza, mesmo que sexa modulada polo humor, e, ademais, trátase de lírica á que se lle poderían aplicar boa parte dos trazos característicos que Alberto Lema fixaba a semana pasada neste mesmo encontro para a novela posmoderna: predominio dunha primeira persoa que carece de identidade colectiva, preponderancia da ironía, presentismo ou ausencia de profundidade histórica, renuncia ao proxecto que representaron as vangardas, ausencia de conflito de clases, etc.
En Galicia comezan a albiscarse retallos de poéticas máis ou menos afíns, pero, se atendemos á obra dos poetas que foron aparecendo dun tempo a esta parte, xusto é dicir que andan noutra cousa. E digo eu que a barbarie coa que nos obrigan a tragar a diario algo terá que ver con isto.
Ocórreseme, mesmo, que a vangarda ben puidese estar aquí, a este lado do mapa, onde cada vez é máis xeral a sensación de que a posmodernidade, tamén a posmodernidade estética, foi un mal soño que cómpre esquecer. Mentres tanto, nas capitais do imperio algúns continuarán a escribir poemas convencidos de que a realidade é un texto e que nada máis importa.
A precariedade conta coa vantaxe de que serve para manter os ollos abertos. Algo bo tiña que ter.”
San Simón, Redondela: II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador
O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela). É un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunto a outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.
Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.
Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:
– Mércores 16 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).
– Xoves 17 outubro, 19:30 horas. Mesa redonda Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
– Venres 18 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).
Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín.Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.
Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario.
Pode descargarse máis información aquí: Folleto Con barqueira e remador 2013.
Lugo: Letra das Festas: O San Froilán de hai 50 anos, o 10 de outubro
O
xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Círculo de las Artes de Lugo, nun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar a Letra das Festas. Historias do San Froilán de hai 50 anos, onde se falarán de músicas, atraccións e espectáculos, persoeiros, anécdotas… A entrada será libre e gratuíta.
– Participarán doce persoas nacidas ou residentes en Lugo desde hai moitos anos:
Adela Figueroa, profesora e escritora.
Alfonso Blanco Torrado, crego e activista social.
Xerardo Pardo de Vera, avogado, actor e antigo batería do histórico grupo de música pop “Los Pekenikes”.
Manuel Pajón, músico, baixo desde 1969 a 1980 da “Calú 96”, histórica orquestra de Lugo que amenizou o San Froilán moitos anos.
Mª Concepción López Fernández, que achegará lembranzas de cando era a nena.
Pilar Yáñez Lombardía, foi mestra ata que unha enfermidade a deixou sen vista con apenas 49 anos.
Felipe Arias, arqueólogo e historiador, director do Museo do Castro de Viladonga.
Xesús Regueiro, responsable da Galería Sargadelos de Lugo
Jorge Chao, foi concelleiro do PP e directivo do baloncesto en Lugo moitos anos.
Higinio Martínez Fernández de la Vega, funcionario xubilado, avogado, sobriño-neto de Celestino Fernández de La Vega.
Suso Arrizado, antigo traballador na térmica das Pontes e en Alúmina, dedicado ao sindicalismo nacionalista desde mozo.
Xosé López, mestre xubilado, natural de Guntín, que lembra as súas visitas ao san Froilán cando era neno.
– A fermosa fotografía que ilustra o cartel de convocatoria deste acto (Comendo o polbo no San Froilán de 1970) é da autoría do veterano fotógrafo Carlos Valcárcel.
– Na parte musical interveñen Sito Sedes, unha das voces con máis personalidade da música galega do último medio século, acompañado ao piano por Sergio del Castillo, músico cubano afincado en Galicia desde 1994, que interpretarán temas de moda das décadas dos 50 e 60 do pasado século.
– Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (sección de literatura de tradición oral da AELG).
Texto lido por Berta Dávila na mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
O
3 de outubro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Berta Dávila leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:
SER AVE DE EXTRAMUROS
“En 1937 un discurso do novelista alemán Ernst Wiechert opoñéndose ao fascismo e a barbarie do seu país, chega a Moscú dentro dunha bola de pan. Forneadas no interior, as súas palabras convocan, dun xeito ou doutro, a resistencia. E non só a resistencia, porque ás veces non basta, senón tamén a rebelión.
Tempo máis tarde, sería feito prisioneiro político no campo de concentración de Buchenwald o que antes fora un dos escritores máis lidos de Alemaña, e escribiría alí unha novela, O bosque dos mortos —Der Totenwald—, sen tradución ao galego e editada en castelán en abril de 1946. Atopei un exemplar da primeira edición dese libro nunha libraría de vello. É un volume encadernado en tea de cor laranxa, talvez menos laranxa do que fora noutro tempo. O cambio de cor da tapa e a mudanza do discurso de Wiechert, que nos primeiros anos trinta apoiara ao chamado nacional socialismo, parecéronme marcas do sol sobre un tempo salvaxe. Alí, en Buchenwald, traducido “bosque de buxos”, o escritor non é condenado a traballos forzosos senón ao silencio, a ficar na marxe.
Pero Wiechert escribe. Faino en pequenas follas separadas de papel que oculta baixo a terra a medida que colma de palabras en letra miúda o espazo do que dispón. Escribe sen que ninguén o lea e atopa así un xeito de resistencia. E algo máis. A escrita é o camiño que Wiechert escolle para sobrevivir. Igual que César Vallejo escribiu o poemario Trilce na cadea. E igual que Boris Pasternak escribiu Doutor Zhivago desde un exilio interior. O curioso é que despois da fin da guerra, Wiechert regresa a Buchenwald e recupera os papeis soterrados para publicalos cun formato de libro. Escarba no bosque de buxos para procurar o bosque de mortos.
Der Totenwald é unha prosa poética contra o salvaxe, non é unha crónica en sentido estricto, senón un libro de ficción. Na primeira páxina o protagonista di sentir: “a espera, anguriosa, dun porvir descoñecido, preñado de ameazas, que se erguía diante del, enigmático e silencioso, inexpresivo e informe”.
Convídanme hoxe a dar resposta a unha pregunta, Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, sobre a que non teño realmente ningunha resposta segura. Como o protagonista de Wiechert, o único que sei da poesía do meu tempo é que cómpre escarbar para atoparmos algo, aínda que sexan os nosas propias sombras, e talvez tamén que opera en todos nós un cambio paradigmático: que a poesía xa non pode ser un vieiro para procurar a verdade, senón unha frecha cara á incerteza. O discurso poético nun tempo precario é, inevitablemente, o discurso da espera. Aínda que o poeta saiba que só agarda para ser devorado.
Tamén desde o exilio Hermann Broch escribiría A morte de Virxilio, retrato dos últimos días do poeta latino caído en desgraza, unha parábola da confrontación do escritor fronte ao poder. Desde a expulsión do poeta da República de Platón, o cantor sabe que só lle pertencen as marxes do seu mundo e que é ese espazo o único que lle é permitido para observar a cidade. O poeta é unha ave de extramuros, como lle chamou Valente. Nos versos que pechan a derradeira sección de Presentación y memorial para un monumento escribe: “porque es nuestro el exilio, no el reino”.
A diáspora resignifícase, así, como espazo necesario para a poesía, que só cobra sentido cando as palabras do poeta, escritas desde o outro lado da fronteira, resoan, malia todo, dentro da cidade. Porque se no discurso do poder estas fican esvaídas de sentido, abandonando a súa condición de símbolos, no do poeta violéntanse unhas contra outras como pezas de metal imantadas que se opoñen por lados do mesmo signo. E nesa violencia rompen muros, atravesan dogmas, sinalan e crean estigmas.
A decisión de violentar a linguaxe ata as estremas é a resposta de Paul Celan para a poesía. A súa furia sen destinatario. Porque a poesía para Celan, como a bola de pan na que viaxou o discurso de Wiechert até Moscú, é unha botella lanzada ao mar sen que o poeta saiba quen a vai recoller ou se vai chegar a alguén.
Celan, poeta rumano de orixe xudía, mais de fala alemá, atópase na disxuntiva de escribir poesía que sexa testemuña do holocausto empregando paradoxalmente o mesmo idioma apropiado polo nazismo para xustificar a represión exercida sobre o seu propio pobo. Nese sentido sofre unha dobre represión, un dobre intento de silenciamento: o primeiro experiencial, recluído nun campo de traballo en Moldavia do que finalmente logra escapar, o segundo lingüístico. Porque a lingua, sempre compañeira do imperio, fora desposuída de toda verdade inxenua e arbitraria ao formar parte dunha maquinaria represora.
Preguntado sobre por que escribe en alemán chega a dicir: “Un non pode expresar a súa verdade máis que na súa lingua materna. Nunha lingua estranxeira, o poeta minte.” Porque se algunha vez pensamos, pensou alguén, que a linguaxe era inocente, nunca o é o idioma. A profesora donostiarra María José Olaziregi, especialista en literatura infantil e xuvenil, di que as marcas ideolóxicas sobre a escrita literaria son previas ao propio texto. Escoller a lingua significa, para o poeta, determinar a República da que quere ser expulsado.
Herdar un idioma asoballado, e retomando o caso de Celan, herdar un idioma baleirado, converte a linguaxe nun código insuficiente, e por iso tamén César Vallejo, en Trilce, quere destruír cada correspondencia, desaprendendo a idea de que a palabra representa, de algunha maneira, outra cousa.
Esa é a procura. Por iso apunta: “quiero escribir pero me sale espuma”.
A escrita poética é, xa que logo, non só a espera do que xa non ten máis seguridade que a incerteza, non só unha diáspora ou un relato desde a fronteira —“una mirada desde la alcantarilla puede ser una visión del mundo”, escribía Pizarnik— senón tamén, e sobre todo, un acto fondamente revolucionario, necesariamente violento
Cando o filósofo alemán Theodor Adorno afirma que “escribir poesía despois de Auschwitz é un acto de barbarie”, toma partido retirándolle ao poeta, ao que xa lle fora negada a cidade, tamén o seu exilio. Desde aí non cabe nada máis que o silencio, xa non quedan preguntas que formularse. E por iso Valente invirte de novo os termos para sinalar a necesidade do acto de barbarie como tal. A pregunta é se acaso é posible non escribir poesía despois de Auswicht. E tamén se estamos realmente despois de Auschwitz, se chegaremos algunha vez. Porque despois de Auschwitz, Hiroshima. Despois de Hiroshima, Korea. Despois de Korea, Vietnam. Despois de Vietnam, Iugoslavia. Despois de Iugoslavia, Palestina, Irak. Siria hoxe.
A guerra silenciosa que vivimos, este tempo efectivamente salvaxe, de persecución e precariedade, non é unha guerra económica senón unha loita de signos.
A responsabilidade do poeta é histórica e co seu tempo:
Resignificar a linguaxe do poder. Trasladar a palabra até a fronteira. Ser ave de extramuros sobrevoando unha paisaxe asoballada. Incendiar devesas.
Non importa que aquel que escribe non saiba, como tampouco o soubo Hölderlin, para que poetas en tempos de miseria.”
Crónica da mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
Desde
o Diario da Universidade de Vigo:
“Berta Dávila e Gonzalo Hermo son apenas dous mozos pero os seus nomes agroman con forza no novo panorama literario galego e fano, nada máis e nada menos, ca no eido da poesía, convencidos de que “a responsabilidade do poeta é histórica co seu tempo”. Baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe? participaron este xoves na segunda xornada do VIII Ciclo de Escritora/es na Universidade na Facultade de Filoloxía e Tradución.
A incidencia da situación económica e política no modo en que se concibe o discurso poético non pasou desapercibida para ningún destes autores e tampouco ningún dos dous quixeron pasar por alto a relación entre precariedade e poesía. Conscientes de que apostar pola poesía é “abrir unha frecha cara a incerteza”, subliñou Dávila, os dous o fixeron, e fixérono ademais en lingua galega “pois un non pode expresar a verdade se non é na súa propia lingua”.
Gañador do primeiro premio de poesía do Certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia no 2010 por Crac, Gonzalo Hermo, que se referiu a si mesmo como un lector atento máis ca un poeta, fixo fincapé na súa intervención ao feito de que os “produtores non esquecemos nin queremos esquecer a cultura subalterna a que pertencemos”.
A visión de Hermo completouna a novelista e poeta Berta Dávila, gañadora dos certames Minerva de poesía (2005), Avelina Valladares (2007), Biblos de novela (2008), Johán Carballeira (2012) e Narrativa Breve de Repsol (2013), que afondou no papel do poeta, e sobre todo no do poeta en lingua galega, como un creador “valente e revolucionario”.
Unha xeración “perdida para que? perdida para quen?”
E como a cousa ía de poetas e de mozos, quen mellor para presentalos ca outro mozo poeta. Ben coñecido na Facultade de Filoloxía e Tradución, Xabier Xil Xardón, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e gañador de numerosos certames poéticos, entre outros o da propia Universidade, foi o encargado de introducir os relatorios. Na súa intervención falou de literatura, pero tamén de precariadade… “Como non facelo se son membro do que chaman a xeración perdida”, sinalou, “perdida para que? perdida para quen? Para incorporarse ao sistema económico, para incorporarse ao mercado de traballo…” salientou Xil Xardón, que remarcou como “inevitable” que a creación das novas xeracións estea marcada pola imposibilidade e as frustracións creadas por unhas expectativas de vida que se viron truncadas. “Non somos unha xeración perdida, sabemos quen somos e sabemos onde estamos. Queremos ser outra cousa e ademais queremos selo de xeito colectivo”, recalcou o poeta.”
Crónica da mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
Desde
o Diario da Universidade de Vigo:
“E despois da posmodernidade que? Camiñar cara adiante pero coa vista posta nun pasado de modernidade ou explorar novas vías que rachen co presente, fornecendo novas vangardas? Sexa como sexa, semella que en plena crise péchase un ciclo tamén para a arte, pero neste punto (seguido ou final) sempre se abren novas fiestras, as que agora explora unha nova xeración de escritores que son os que protagonizan a oitava edición do Ciclo Escritoras-es na Universidade, que este venres comezou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Serán en total tres mesas redondas con creadores mozos, arredor da trintena, “con discursos novos que viven a precariedade como man de obra excedente”, como explicaba na apertura da sesión a escritora e profesora Rexina Vega, que coordina esta iniciativa. “Vivimos nun estado de demolición no que caen cada vez máis bombas”, apuntaba, “pero debemos fuxir do vitimismo e apostar pola universidade como campo de batalla”, un campo de batalla en defensa e reivindicación da literatura galega, “desamparada polas institucións”. E este é o obxectivo do ciclo de mesas redondas, unhas das escasas ventás á literatura galega, que contou no seu acto de apertura coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou que este 26 de setembro, se celebra o Día Europeo das Linguas. A decana do centro, Rosa Pérez, que tamén asistiu ao acto de inauguración, agradeceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Xunta de Galicia, entidades organizadoras xunto coa Universidade de Vigo, a súa colaboración nunhas xornadas “que serán de gran proveito para todos e nas que aprenderemos moito”.
Presentados por Iria Presas, estudante do grao en Estudos de Galego e Español, os escritores Alberto Lema e Samuel Solleiro fixeron un percorrido pola historia que desembocou na posmodernidade pero tamén polas novas vías que se abren tras ela. Lema, autor de obras como Unha puta percorre Europa ou Plan de fuga, remontouse séculos atrás para analizar como o devir da historia foi dando paso a diversos movementos artísticos e, en concreto, á posmodernidade, que mesmo comparou co Renacemento pero que “lonxe dunha misión redentora está directamente relacionada cos obxectos de consumo”. É, sen dúbida, o de posmodernidade un concepto vago do que, como explicaba Solleiro, “todos opinan pero ninguén se atreve a definir”, aínda que Alberto Lema se animou a dar varias pinceladas: “na novela posmoderma predomina a primeira persoa, unha primeira persoa que carece de identidade colectiva, cargada de ironía, na que todo sucede na distancia e na que non hai heróes, sen profundidade histórica, nun presente perpetuo e cunha importante presenza do xénero apocalíptico e de paisaxes catastróficas”. Pero a pregunta é “que podemos facer os escritores ante o fin da posmodermidade?” Para Lema deben comezar a “tomar conciencia do contido ideolóxico, identificar que a estética dominante é reaccionaria e tomar conciencia da historia, pero o fin do posmodernismo non pode ser unha volta á modernidade”, concluíu.
Para Solleiro, que conta entre as súas obras títulos como Elexías a deus e ao diaño, DZ ou o libro do esperma e Gran tiburón branco, destaca que “a crise da posmodernidade, igual que a crise da universidade, é a crise do coñecemento especulativo” e incidía en que características súas como a ironía ou o cinismo, están xa institucionalizadas, estandarizadas, polo que sería preciso rachar con elas, e mesmo percibe un ton reaccionario na época posmoderna actual. Ante ela, avoga por loitar contra a sobreinterpretación, por apostar pola sinxeleza e fuxir dos dobres sentidos. Pero esa páxina da historia está por escribir e tamén por bautizar…”




