Compostela: presentación de Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial

O venres 10 de febreiro, no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, preséntase o libro Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. O programa do acto é o seguinte:
12:00 h. Biblioteca. Presentación. Con Manuel Portas, un dos alumnos que aparece no documental, Manuel Dios, Valentín García e a propia autora.
13:00 h. Proxección do documental Aulas sen paredes, coa asistencia dos alumnos protagonistas.

Compostela: acto de entrega de Homenaxe a Manuel María, de Nolo Suárez, á Fundación Manuel María

O venres 10 de febreiro, ás 20:15 horas, no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Santo Antonio, 5), en Santiago de Compostela, a Agrupación Cultural O Galo organiza o acto de entrega dunha carpeta de pinturas de Nolo Suárez á Fundación Manuel María. Homenaxe a Manuel María é un recoñecemento que lle realiza dita asociación ao poeta da Terra Cha. No acto, onde estará presente Saleta Goi, presidenta da Fundación, falará Alberte Ansede sobre o legado do escritor e Nolo Suárez sobre as pinturas que realizou para a carpeta, proxectándose, por último, un audiovisual sobre o poeta.

Oiartzun: Homenaxe a Concha Murguía 2017

O Excmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan a Homenaxe a Concha Murguía 2017, co seguinte programa:

Xoves 2 de febreiro, ás 19:00 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Recital poético musicado, vasco-galego, de poemas de Rosalía de Castro e de Antton Kazabon:
· Recitadores: Antton Kazabon e Xosé Estévez.
· Músicos: Edurne Saizar, piano; Haizea Lekuona, frauta; e Oihane Mitxelena, acordeón.

Venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Presentación do trailer do documental Euskal Herria: sitio distinto, a cargo do seu autor, Davide Cabaleiro, e de Ainhoa Aranburu, ilusionista.

Sábado 4 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza de Santo Estevo e na Sala Manuel Lekuona da Casa de Cultura:
– Ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía Egaña, coas intervencións da Concelleira de Cultura, Dona Iosune Cousillas, e de D. Xosé Estévez, historiador. Actuarán os txistularis Lartaun Txistulari Taldea, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros Trisquele da Casa de Galicia de Donostia. Ao remate do acto os asistentes serán agasallados co galano dun refrixerio.

Cambre: proxección de Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María e posterior coloquio con Lois Diéguez

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Vila Concepción (Cambre), Lois Diéguez falará sobre o poeta Manuel María, aproveitando a proxección do audiovisual Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María, que aproximará ao poeta viaxeiro polos mundos que amou, pisou e poetizou e que animaron de xeito especial a súa vida.

Bases do Pontegal 2017

“A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura e Lingua, no seu afán de impulsar e fomentar a cultura popular en lingua galega nas múltiples e variadas expresións artísticas e en colaboración cos concellos, as agrupacións, as entidades e as asociacións culturais, pon en marcha o Pontegal 2017. A través deste programa serán retribuídos os grupos da provincia polas actuacións autorizadas e realizadas ao longo do ano 2017 no ámbito territorial da provincia de Pontevedra coas contías establecidas para este fin na base 6.ª e que se imputarán con cargo á aplicación 17/330.3340.226.29 do Orzamento provincial.
Poderán solicitar a inclusión no Pontegal as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.

Lugar e prazo de presentación
As solicitudes formalizaranse no modelo normalizado que se facilita no Rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura e Lingua ou na web www.depo.es, e presentaranse, xunto coa documentación prevista na base 3.ª, no Rexistro xeral da institución provincial:
— Sede de Pontevedra: avda. de Montero Ríos, s/n (de luns a venres).
— Sede de Vigo: rúa Oporto, núm. 3 (de luns a venres).
Ou a través de calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015, de 2 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas (LPACAP).
A presentación da solicitude implicará que se autoriza á institución provincial para o tratamento automatizado de todos os datos contidos nela.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e rematará o 1 de febreiro de 2017.

As bases completas poden consultarse aquí.”