A AELG lamenta a perda do escritor Xoán Xosé Fernández Abella

A AELG lamenta a perda do poeta Xoán Xosé Fernández Abella, quen desenvolveu o seu traballo creativo dunha maneira silenciosa e profunda, sempre entrañábel no seu vínculo co devir colectivo da nosa literatura e da Asociación con afecto e cercanía.

Aquí pode verse a ampla entrevista feita arredor do conxunto da súa obra.

Neste vídeo tamén podemos escoitar o autor recitando o poema Nai, da súa obra Poemas estradenses e catorce poetas máis.

A AELG congratúlase polos avances lexislativos en relación ao Panteón de Galegos Ilustres

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega congratúlase pola aprobación por unanimidade dos tres grupos con representación no Parlamento Galego da lei que permite sacar do limbo xurídico o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que será xestionado por unha fundación na que terá un papel central o propio Parlamento, e que se identificará como símbolo de Galiza.

Este é o inicio do camiño para que chegue a bo fin a nosa reivindicación de que o Panteón sexa, ademais de accesíbel publicamente e destinado a usos laicos, un espazo civil de titularidade pública, o que vimos defendendo xa desde 2010, cando a AELG celebrou un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, ao tempo que promoveu que se garantise o acceso público ao Panteón.

Non sería entendíbel que estea en mans privadas un dos símbolos da nación recentemente recoñecidos, polo que resolver esta situación de anomalía histórica é unha necesidade que non pode ser demorada.

Luísa Villalta, Día das Letras Galegas 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de Luísa Villalta como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2024 por parte da Real Academia Galega.
Mantivo unha importante vinculación coa AELG, sendo partícipe do Consello Directivo entre 1993 e 2002. A súa creatividade manifestouse en diversos campos, desde a poesía até a narración, ensaio, teatro, escrita xornalística e tradución, xunto á súa outra gran paixón, a música, sempre cunha calidade indiscutíbel e unha posición independente á vez que comprometida coa lingua e literatura galegas e a sociedade do seu tempo.
Lembramos aquí a Homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, que tivo lugar en 2014, co descubrimento dunha placa na casa onde vivira Luísa, e a intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, naquel acto.

Maniféstate pola Lingua!, Queremos Galego 2023

A plataforma cidadá Queremos Galego sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora.

Lugares das concentracións:
Santiago de Compostela (Alameda)
A Coruña (Obelísco)
Lugo (Praza Maior)
Ourense (Praza do Correxidor)
Pontevedra (Praza da Peregrina)
Vigo (Cruce Vía Norte)
Ferrol (Praza do Inferniño)
Monforte de Lemos (Praza de España)
Foz (Casa do Concello)

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala.

ASINAR MANIFESTO

A AELG lamenta o pasamento do seu socio Benito Pereira Domínguez

A AELG lamenta o pasamento do escritor Benito Pereira Domínguez, autor de diversas obras de narrativa e de divulgación.

Aquí poden verse os vídeos gravados ao autor en 2017, dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.

No Día Internacional da Poesía, a AELG reivindica e asume como propio o manifesto Máis alá e anima a publicar poemas en galego nas redes #Máisalá2023

Desde a AELG convocamos a toda a sociedade a celebrar o 21 de marzo o Día Internacional da Poesía reivindicando a vixencia do Manifesto Máis alá, de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, que facemos noso, ao tempo que a animamos a publicar nas redes sociais durante toda esta semana poemas recollidos no Centro de Documentación da AELG, ou ben outros poemas en galego, etiquetando estas creacións co cancelo #Máisalá2023

Reproducimos a continuación o texto do Manifesto:

“Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa Terra.

I

O xesto
Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.
Case todos eles tencionan arrecadar adeptos para algún novo ismo que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a Literatura.
Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacable contra os vellos.

Os vellos
Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respetar aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa innabil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe. Esta gafuara, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrápole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgracia que non só non fan iso senón que aínda teñen o pretendemento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo.

A nosa razón
Non é que nás adoezamos do tan extendido andacio de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás Juventudes doutras terras. É que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e arneázanos o contaixo do pobo se non se atalla o mal, Este contaxio arrepiente será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ó acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibihdade os nosos prestixos literarios.
Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (miudean os movementos nacionalistas que comenzan polo arredismo artístico) chegaremos a coidar senón fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdente na Galicia se non se consegue un troque radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar cos pés atados o tratar de libertarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior.

O ruralismo
Os nosos poetas, dende os precursores ata os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada aos catro ventos, sería o verdadeiro comenzo da loita xeral galeguista, Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo. da ignorancia. do renunciamento á vida e á dignidade, cómpre anulalo antes que no terreo pohtico-social, no senso estético.
Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nás mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo irnpor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e ceibista. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choldo e ateigado dunha declamatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplexo e depurado que coide ver neles a alma da raza.
Mentres que tódalas culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acá, mausoleos de escuridade encol dese xeito de mortos en vida, ¿que espectáculo é o que damos en Galicia? Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza. Mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cicelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas, unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para retábulo dos tempos.

Os devanceiros
Diciamos no comenzo que respetábamos os devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respeto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. 0 noso respeto vén de que eles non tiveron culpa de vivir nun tempo de choída incultura castelá.
Inda que nos esforzaramos por atopar algo de bo nos precursores, o noso trabarlo sería infructuoso. Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ese interés en converter o galego na fala intérprete de tódalas indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioria dos “mestres” menores. Nin a baldeirez verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros. Non podemos prestar a nosa louvanza á socorrida e ridícula “posse” do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptible eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica. 0 herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado.

II

“Pollitos bien”
Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Mestre: Chamámoslie mestre por ser vostede o “mestre” da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa cobardía do debre tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte. Non tería o seu nome acolleita nestas liñas se quixeramos tan só chamarfle aquilo. Pero ten que ser ó falar dese fato de cabezas focas, nenos “foulard e de rubi”, engaiolados polo innegable prestigio da prosa e da ridícula mentira dunha epopeia aventureira que vostede, unha e outra, falsifican. Sabemos que con intermedios himnarios ó Gran Pontifice da baldeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón…) entran a estrago pola fala meseteira, con gran desprestigio dela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para “alá”. Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.
Agora, o que quixeramos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepía o pensamento de que eles se coidasen chamados por estas nosas verbas de mocidade e chegase algún a desertar de la “lengua de Cervantes” para vir a baldeirar na nosa Fala as produccións do seu serrín encefálico. Esto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita meflor sorte. E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira fofia dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desiderátum voso, Madrid precísavos para personaxes da súa opereta.

Tamén hai outros
Hai os que teñén algún valor e desménteno expresándos en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Extranxeira por extranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta. Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora. Hai os dunha certa clase derradeira, dos cales abonda con… non falar deles.

III

Nós
Despois de ter dito que non traernos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.
Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros caminos poden ser nosos. A Novidade que enxerguemos é tan só un anedamento, un ceibamento do pasado sen a definición da súa resultanza: isto é arbitrariamente persoal.
E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos “movementos” literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son un negamento non só do pasado se nón de tódolos tempos e tódalas cousas, dende o bo gusto ata a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, coa anárquica dilecn individual.

A fala
Tamén nos temos, inda que noutra orde, os nosos imperativos, e comenzamos pola máis agresiva intrasixencia na Fala. Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que; a – emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete uchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorables posibilidades porque o seu estado ceibe permitiralle axeitarse a tódalas navidades, a tódolos variamentosporviristas que tome o noso gusto. E consentirafle o seu indelineamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento do artista e non el escravo dela.
Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio. Esta nosa exaltación do Verbo tamén quere dicir algo ós vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fan da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quere dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán para cando coidan (“eles”) que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprecio que sentimos por eles.

Desbotando
Arrenegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a excusar a nosa sinceridade. que é sagra porque é a nosa vida e debemos espertala a non ser desleigados a nos mesmos. Arrenegamos da Lei e do Costume.Cada importa alleeira vén a roubarlle á nosa mocidade unha á. Arrenegamos dos temas obrigados. É vergoñoso falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. 0 pranto e a elexía, fixeron coidar ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Galega gardemos os nosos cantos patrióticos para o día en que deamos o vento a sua Bandeira e non poidan ser testigos da cobardía e da mansedume. A literatura paisaxista ó deito de fotografía iluminada con notas de turista burgués é a maior caloña da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada. Arrenegamos de toda imitanza.
A dos vellos en nome da Vida; a dos nosos en nome da Novidade.

Individualismo
Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.

IV

¡Mocidade!
Agora cómprevos dicir, mozoa da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.
Se queredes libertarvos do xerme da veller e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.
Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2023 en Compostela (I)

Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2023 en Compostela, que tivo lugar o 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.

Interpretación musical da Coral da A. C. Solfa:

Saúda da presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez:

Lectura do Manifesto da AELG, Carme Adán:

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor Salvador García-Bodaño, Socio de Honra deste colectivo desde 2004

Salvador García-Bodaño, poeta e narrador prezado por todas e todos nós pola capacidade creadora e a súa achega incansábel para dotarnos de institucións culturais, sociais e políticas, vén de finar hoxe,7 de marzo de 2023. Segundo informou a familia, a capela ardente estará instalada no Museo do Pobo Galego das 11:00 ás 19:00 horas do mércores, cuarta feira, 8 de marzo. Ás 19:00 horas desde día, en San Domingos de Bonaval, celebraranse as honras da despedida.

Nado en Teis (Vigo) en 1935, foi vogal do Consello Directivo da AELG nos anos da súa fundación, sendo nomeado en 2004 Socio de Honra deste colectivo. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1992.

A súa extensa obra, centrada nomeadamente na creación poética, recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz. das que salientamos esta entrevista de longa duración onde Salvador fixo un repaso demorado a toda a súa vida literaria.

Nas súas propias palabras, recollidas na autobiografía do autor na nosa web: “Fun sabendo quen era na medida en que vivía, ou, de poñérmonos transcendentes, funme coñecendo no propio vivir.”

(Esta foto pertence á Homenaxe O Escritor na súa Terra ao autor, por parte da AELG, en 2004).

Carme Adán: “Entendemos o pensamento de Rosalía porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza”

Entrevista de Laura Veiga a Carme Adán en Nós Diario (foto desde a Wikipedia):
“- Nós Diario (ND): Que quería transmitir co manifesto do Día de Rosalía?
– Carme Adán (CA): Foi unha proposta que me fixeron desde a AELG e que aceptei a pesar de que me parece dunha responsabilidade enorme. Que podo dicir eu de Rosalía que non estea dito? Porque eu nin son especialista nela nin son escritora.
Quixen falar da dimensión de Rosalía como pensadora porque é algo que nos serve no presente. É dicir, ante que inxustizas estamos, por que non escoitamos os berros da xente que sofre ou os nosos propios, como nos absorbe o mundo tecnolóxico até o punto de non permitirnos compartir…
Isto era o que quería pór enriba da mesa, especialmente de cara á mocidade porque este manifesto se vai ler fundamentalmente nos centros educativos. Parecíame que reflexionar desde o mundo no que estamos a través de Rosalía podía ser algo que lles achegase.
– ND: Cre que están aumentando as desigualdades?
– CA: É unha pregunta complexa. Acrecentan as desigualdades económicas? Todo apunta a que si, porque a concentración de capital en mans duns poucos é cada vez maior e só hai que mirar as ganancias da banda nestes momentos e as dificultades das persoas para pagar as súas hipotecas.
Por outra parte, tamén é certo que avanzamos na igualdade entre homes e mulleres, se ben todo apunta a que o machismo está a alza. Temos máis conciencia de que as persoas migran? Si, mais ao mesmo tempo deixámolas morrer sen case deternos a pensar en Melilla ou no Mediterráneo. Como se iso non fose con nós. Importounos moito a guerra de Ucraína hai un ano, mais que espazo informativo ocupa hoxe?
Vivimos nun mundo cheo de contradicións escoitando só aquilo que parece que nos afecta directamente. E iso que nos afecta dura moi pouco nas cabeceiras porque constantemente hai noticias novas. A lectura de Rosalía obríganos a deternos e pensar: por que sempre existen persoas que non son escoitadas? Quen son as persoas que non son escoitadas? Pobres, mulleres, persoas fóra das nosas fronteiras ou da nosa pantalla do ordenador, as que non teñen móbil, das que non fala o youtuber de moda.
Rosalía ten sempre esa dimensión aberta para unha nova lectura que fagamos do seu pensamento porque é este o que alimenta a súa poesía e os seus versos.
– ND: Ese pensamento propio e crítico é ao que fai referencia no manifesto.
– CA: Penso que un escritor ou unha escritora, para que se considere un clásico, debe apelar a algo no que nos poidamos sentir reflectidas.
Cando Rosalía fala da xustiza e da inxustiza, da lingua galega ou das mulleres, está apelando a nosa comprensión sobre iso, non soamente como algo antropolóxico ou histórico dese momento, senón tamén da nosa realidade. Entendémolo porque somos quen de ver onde se xera a inxustiza.
Cando ela se reivindica como unha muller que pensa libre é unha forma de posicionarse. O pensamento crítico é algo que utilizamos como unha frase feita, por exemplo no ensino, mais realmente non o fomentamos. Diría que inclusive o desprezamos.
A potencialidade de Rosalía, entre moitas outras cousas, está nesa defensa do ser fiel ao que se pensa e desas ideas que van contracorrente. Unha cousa que me dá medo é que entendamos por pensamento dicir o que nos dea a gana, fomentando o odio e o rexeitamento ao outro, en lugar de promover o respecto e a comprensión. O pensamento propio non é para botar por fóra, é unha reflexión a respecto de como nós nos situamos no mundo e intentamos vivir en sociedade.
– ND: Nese sentido, que destacaría do Día de Rosalía?
– CA: Creo que é moi importante celebrar o Día de Rosalía, animar a que a xente a lea desde si, porque podemos sacar lecturas propias e diferentes do que outras persoas nos contan sobre o seu discurso. Esa é a mellor proposta que podemos facer polo seu día: deixarse levar pola lectura de calquera dos seus textos.”