Ponteareas: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 18 de febreiro, ás 20:30 h., no local comarcal do Bloque Nacionalista Galego (Rúa Mestres, 8, baixo) Ponteareas, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Xosé Manuel Moo. Colabora a Mesa pola Normalización Lingüística.

A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro, gaña o XVII Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro

O máis prestixioso dos premios gastronómicos de España, o Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro, vén de ser concedido na súa decimosétima edición á primeira historia da alimentación en Galicia, o libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia que recentemente publicou Biblos Clube de Lectores. A mesma obra merecera tamén hai poucas semanas a atención dos xurados do pretixioso premio Gourmand best in the world que o consideraron o mellor libro escrito en galego sobre a materia e que, como tal, participará na fase final do galardón que se fallará a comezos de marzo en París. Recollido en Xornal, A Nosa Terra e La Opinión.

Allariz: presentación de Abelcebú, de Carlos Negro

O venres 11 de febreiro, ás 20:00 h., na Libraría Aira das Letras de Allariz preséntase o libro Abelcebú, de Carlos Negro, publicado en Edicións Positivas. No acto, que definen como un aquelarre literario, participan, co autor, Paco Macías (editor) e o titiriteiro Iñaki de Lalín (esconxurador) “para tentar representar ao demo”, segundo comentan os seus participantes.

A Coruña: presentación de Por um galego extenso e útil, con Carlos Garrido

A quinta-feira, xoves, 10 de febreiro, a partir das 21:00 h., no C. S. Gomes Gaioso (R. Marconi, 9, baixo) da Coruña, preséntase o libro Por um galego extenso e útil. Leituras da língua de aquém e de além, publicado por Através Editora. No acto participa un dos seus autores, Carlos Garrido.

Xesús González Gómez: “Cantos máis premios, menos premiados”

Análise de Xesús González Gómez sobre os premios literarios en A Nosa Terra:
“Polo que se leva dito (escrito), pódese deducir que os premios literarios, sobre todo nas literaturas sen Estado, ademais de privilexiar unha serie de nomes, tamén privilexian un tipo determinado de literatura. Que tipo de literatura? Non hai que ser un Sherlock Holmes para adiviñar que non se trata dunha literatura que se escribe e despois se pode presentar a un premio literario. A primeira (apresurada?) dedución que pode tirar un observador, máis ou menos imparcial, é clara: nas literaturas sen Estado, por mor dunha serie de circunstancias que sería longo, e tedioso, analizar, e que, por outra parte, xa foron analizadas en diversas ocasións, non se escriben obras literarias, escríbense premios literarios.”

Santiago: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa

O luns 7 de febreiro, ás 12:30 h., no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009. O acto contará coas intervencións Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Luís Díaz, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa; Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e Manuel Pérez Rúa, autor. Crónica posterior en Galicia Hoxe.