Arquivo da categoría: Ensaio
A Coruña: presentación de A sociedade tecnolóxica e o reto ecolóxico, de Tino Rábade
O 18 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala de Cultura do Sporting Club Casino da Coruña (Rúa Real, 83, primeiro andar), Tino Rábade presenta o seu libro A sociedade tecnolóxica e o reto ecolóxico. A introdución do autor e presentador correrá a cargo de Joám Carlos Rábade Castinheira.
Cangas: presentación de Crónica da Galiza, traducida por Henrique Harguindey
Compostela: debate ao redor do libro Galicia, Distrito Industrial, con Antón Baamonde e Daniel Hermosilla, o 19 de marzo

Entradas limitadas. Ver toda a información aquí.
Compostela: presentación de De Rui Vasques a Gregório de Lobariñas Feijó. Venturas e desventuras do Libro dos bispos de Yrea a Santiago, de Ramón Mariño e José António Souto
Vigo: Xornada “Recuperemos as mans. Homenaxe a María Xosé Queizán”, o 14 de marzo
Maceda. Homenaxe a Francisco Carballo. Centenario do seu nacemento, 15 de marzo de 2025
Ponteareas: presentación de As benfaladas, de María Xosé Porteiro
Gondomar: presentación de As benfaladas, de María Xosé Porteiro
Cultura da Deputación da Coruña selecciona os oito proxectos das Residencias Artísticas Mariñán 2025
Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Branca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. As residencias de música —do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas— corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou “a calidade das propostas presentadas”, un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento —que teñen como comisario a Roberto Abuín— Sica Romero, Xosé Ricardo Losada e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música —das que é comisaria Aitana Cuétara— Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.
“Para nós, como administración”, explica Natividade González, “é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutible calidade e das que tanto gozamos”.
Segundo a deputada, “a estadía en Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais”. “A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras, sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.
Proxectos de literatura e pensamento
Segundo o xurado, Mandrágora, de Branca Trigo, propón “unha exploración mitopoética da conexión entre o ‘queer’, a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero”.
Camiños do desexo, de Sergio Marey, “é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas”.
Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, preséntase como “unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas, a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego”.
O amor ao territorio, de María Bella, “desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura”. (…)”











