“Como transmitir a poesía infantil”, conferencia de Fran Alonso, o 15 de outubro

Esta é a ligazón á conferencia.

Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade na UDC 2020

“Desde o 19 ao 31 de agosto estará aberto o segundo prazo de preinscrición no Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade da Universidade da Coruña (procedemento e prazos de matrícula en: https://www.udc.es/gl/filo/mestrados/MLCD/2020_2021/MLCD_Calendario_matricula/index.html)
Trátase dun Mestrado oficial, verificado pola ANECA, e que se imparte en  modalidade semipresencial (as sesións desenvólvense horario de tarde dous días á semana, xoves e venres).
O MLCD está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro, cúrsanse as materias dos módulos comúns e, no segundo, as dos itinerarios de carácter específico (ámbito hispánico ou galego-portugués). A docencia está impartida por profesorado de recoñecido prestixio e, compleméntase con seminarios, vinculado a grupos e proxectos de investigación, onde participa profesorado convidado doutras universidades de diferentes países.
Cursar o MLCD é especialmente útil pois permite adquirir unha formación avanzada e actualizada en temas literarios e culturais desde un enfoque multidisciplinar e actual. Ao tempo, proporciona os fundamentos para iniciar unha actividade investigadora xa que permite acceder a un programa de doutoramento.
Podedes ampliar a información sobre o MLCD no díptico que se achega https://bit.ly/2Z8ncBW  e na páxina web https://www.udc.es/gl/filo/mestrados/MLCD.
As consultas poden ser dirixidas á coordinadora do MLCD, Profª Carme Fernández Pérez-Sanjulián (mlcd@udc.gal).”

Antonio García Teijeiro: “A LIX segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición escolar, caería en picado”

Entrevista de Montse Dopico a Antonio García Teijeiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que di que é unha literatura maltratada? A aposta das editoras por ela, por exemplo, é moi forte.
– Antonio García Teijeiro (AGT): As editoras fixeron unha aposta clarísima pola LIX porque é literatura que se vende, fundamentalmete polas prescricións dos colexios. Falta que haxa compra sen esa obrigatoriedade… Falo de maltrato porque non se lle dá a importancia que debería dárselle, por exemplo, a nivel mediático. Ou porque se considera, moitas veces, unha literatura de segunda, é dicir, non é tan valorada socialmente. Mesmo hai escritores que renegan da LIX, o que é moi triste…
A LIX é básica para a formación de futuros lectores e lectoras. A LIX é unha necesidade porque a lectura é unha necesidade. Eu sei, pola miña experiencia como docente, que a literatura axuda a transformar comportamentos, actitudes… Pero teño moitas anécdotas sobre pais que, por exemplo, dicían que non ían gastar en libros porque, unha vez lidos, xa non valían para nada. Falo de maltrato porque se rebaixa o valor social e cultural da LIX.
– P: Na súa experiencia como mestre puido comprobar, segundo comentou en varias entrevistas, que á rapazada si lle gusta a poesía. Que pasa entón para que despois queden poucos como lectores?
– AGT: Eu manteño que cando un docente é motivador, cando é un mediador que cre no que fai, cando é evidente que lle gusta… consegue atraer ao alumnado para a lectura. E non pasa só cos rapaces máis pequenos: tamén cos da ESO. Cando ven que o que dis é auténtico, que cres profundamente niso, déixanse levar pola paixón pola poesía. Durante moito tempo a poesía foi considerada algo “cursi”. Había un rexeitamento cara ela.
O meu reto como docente foi acabar con esa etiqueta para que o alumnado asuma a poesía como algo natural e non como algo alleo a eles, ridículo… Para iso, mostráballes diferentes maneiras de facer poesía, e hoxe ademais xa hai moitos máis poetas que se ocupan de que a rapazada teña boa poesía para ler. O problema é que non hai aínda mediadores suficientes facendo este traballo de campo. E tamén que ás veces os poetas optan por unha escrita complicada e egocéntrica para demostrar que son moi cultos… E a LIX precisa sinxeleza, que non simplicidade.
– P: A que se refire cos mediadores? A todos os axentes que achegan o libro á rapazada?
– AGT: Principalmente ao profesorado, que debe crer no que fai e non terlle medo á poesía. Mais houbo moitos avances nisto: a min hai bastante xente que me pide vídeos, por exemplo. Hai profesores que non presentan a poesía como un traballo escolar, senón que transmiten un interese real por ela. Ás veces eu podo ser crítico cos docentes porque considero que non len o suficiente, pero cada vez hai máis que se preocupan moito disto. Eu tiven rapaces que non eran moi bos academicamente pero que nos obradoiros de poesía eran outros, outra persoa. A poesía é moi importante para eles: provoca reflexións se se escolle ben, ademais do pracer enorme que produce entender as palabras… O que eu procuraba como profesor era que lesen poesía e que a escribisen. (…)”