O
xoves 14 de marzo terá lugar a entrega da XVIII edición do Premio Arcebispo San Clemente aos escritores Xavier Queipo, Marina Mayoral e Peter Stamm. O programa de actos é o seguinte:
– 18:30 horas. Roda de prensa cos escritores galardoados, no Salón de Claustros do Instituto San Clemente.
– 19:30 horas. Acto de entrega no Salón de Actos do Instituto.
– 21:30 horas. Cea no Hostal dos Reis Católicos.
Arquivo da categoría: Entrega de premios
Agustín Fernández Paz, seis lembranzas e unha narración no camiño ata o Honoris Causa
Desde
a Universidade de Vigo:
“Por todos os seus “méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”. Por todos e cada un de estes motivos o escritor Agustín Fernández Paz foi nomeado Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, “un recoñecemento co que me honra e que tanta emoción me fai sentir que non garda relación cos meus posibles méritos, malia as palabras de loanza” coas que o seu padriño, o profesor e vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, pedía que entrara no Claustro universitario. “Que isto me estea a suceder na Universidade de Vigo, a cidade da que son veciño desde hai máis de 20 anos, éncheme o peito de alegría”, asegurou emocionado.
A través dun relato vertebrado en Seis lembranzas e unha narración, o xa Honoris Causa fixo un percorrido vital no que quedou patente que toda a súa andaina persoal e profesional xirou arredor da defensa dunha lingua que tivo na súa xeración aos encargados “de espallar e prestixiar socialmente” un idioma que ata entonces vivía “nunha diglosia granítica que se instalara na sociedade coma se pertencese á orde natural das cousas”. “O párroco, os mestres, os artistas do cine ou o médico falaban en castelán, o mesmo idioma que liamos nos xornais e escoitabamos pola radio. A lingua dos usos formais, porque logo a vida de verdade se desenvolvía na fala de noso”, lembrou o escritor ao tempo que advertía dos moitos chanzos que aínda quedan por subir.
Un edificio a medio construír
A situación social do galego nas últimas décadas tráelle á memoria a Fernández Paz Penélope, un poema de Díaz Castro que recolle entre os seus versos “Un paso adiante e outro atrás, Galiza e a tea dos teus soños non se move”. Atrás quedan o traballo cotiá en aulas e ámbitos sociais, moita enerxía para “erguer o sinxelo edificio que nos permitía soñar cun futuro mellor” e a ilusión que traía baixo o brazo o Plan Xeral de Normalización da Lingua coa que “criamos posible engadirlle unha placa máis ao edificio no próximo futuro”. Anos despois, segundo Fo escritor lingua e educación sofren recorte tras recorte mentres a sociedade asiste desacougada “ao minucioso proceso de demolición do edificio”. “Coa escusa da crise ou sen ela, os retrocesos legais sucédense con medida puntualidade. O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado”, asegura con mágoa.
A pesares de ser perito mecánico, Fernández Paz tardou pouco en darse conta de que a súa verdadeira vocación estaba entre libros, ensinando ou escribíndoos. Dende entonces pasaron 25 anos, ducias de libros colectivos, 55 de narrativa en galego e máis de medio millón de exemplares cos que sementar bibliotecas de Galicia e do mundo. “Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. E ser consciente de que aramos sobre os mortos desta terra, de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon”, describe o escritor, para quen o trazo máis significativo da lingua galega é “a súa vocación de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas, a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces”. Moitos anos de “labor teimudo e solitario de construír mundos, obsesionarse cunha historia, deixarse posuír por ela”, sempre apoiado pola súa dona, Inmaculada, e a súa filla, Marina, “os esteos que me sosteñen”.
Dignificar escola, lingua e terra
Agustín Fernández Paz é unha persoa “que afortunadamente para as letras galegas e universais se debruzou nas profesións de mestre por vocación e narrador por necesidade”, como o definiu Xosé Henrique Costas. Fillo dun lector apaixonado e famento de libros ao vivir nunha época na que “a censura era brutal e a liberdade de expresión unha utopía”, o lucense “traballou sempre por dignificar unha escola para un tempo, nunha lingua e para unha terra”, participando activamente en movementos de renovación pedagóxica e promoción da lectura. “A súa obra narrativa é vizosa, é galega, é excelente, é recoñecida e é universal”, subliñou Costas, que describiu ao escritor como unha das voces máis poderosas da literatura infantil e xuvenil galega, merecedor de numerosos recoñecementos colectivos e tan coherente coas súas ideas como para rexeitar en 2010 o Premio da Cultura Galega porque “Rosalía nunca aceptaría un premio hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar”.”
O discurso completo pódese descargar aquí: Discurso Honoris Causa Agustín Fernández Paz.
Vigo: investidura de Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa pola Universidade
O
luns 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o escritor Agustín Fernández Paz será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo o día de San Tomé de Aquino. Actuará como padriño o Vicerreitor de Extensión Universitaria, o profesor Xosé Henrique Costas González.
Becerreá: XXI Noite Poética A Pipa 2012
A Coruña: entrega de premios do III Certame Curtas para Rosalía
Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares
O
sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.
A Estrada: entrega do Premio García Barros, de Santiago Lopo
O
venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a entrega do Premio Manuel García Barros a Santiago Lopo, pola súa novela Hora zulú.
Lousame: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2012
O
sábado 15 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Lousame convidan á saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2012, nun acto no que estarán presentes Manuel Cartea, Xesús Laíño e Teresa Villaverde Pais. Ao remate da presentación do volume, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2012.
Fene: entrega do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor
O
sábado 1 de decembro, a partir das 21:00 horas, no local da S. C. R. D. Agarimo (Rúa Mestre Lois Rodríguez Calvo, 1-3) de Sillobre (Fene), terá lugar o acto de entrega do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor, organizado este ano polo Concello de Fene. Neste acto, que se celebrará no local da SCRD Agarimo de Sillobre o vindeiro sábado a partir das nove da noite, darase a coñecer ao gañador ou gañadora do certame, elixido entre os autores das dúas novelas finalistas: Dióxenes en Dolorida e Tara.
Entre as persoalidades que asistirán á gala salientan o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, representantes da Deputación da Coruña, alcaldes dos Concellos patrocinadores, gañadores de anteriores edicións do Premio e representantes do movemento asociativo fenés e do mundo da cultura. O acto contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamnsters.
A Coruña: entrega do Premio Repsol a María López Sández
O
xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17) da Coruña, terá lugar a entrega do Premio Repsol a María López Sández, pola súa obra A forma das nubes.

