Freixanes, ante os datos de competencia lingüística: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”

Desde Nós Diario:
“O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, renovou o seu mandato á fronte da institución cunha chamada á responsabilidade dos poderes públicos e á sociedade ante a situación do idioma entre a mocidade, especialmente polos desequilibrios de competencia e coñecemento detectados nas contornas urbanas: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”, afirmou.
A Academia deu a coñecer o resultado dun rigoroso e profundo estudo sociolingüístico no que analiza o grao de competencia en galego e en castelán co que o alumnado remata os seus estudos no ensino secundario obrigatoria.
O informe reflicte un acusado desequilibrio, especialmente nas contornas urbanas. A pesar de que o alumnado galegofalante mostra un dominio similar en ambos idiomas, máis do 35% do estudantado castelanfalante presenta unha escasa competencia no idioma propio da Galiza.
Do mesmo modo, o documento constata a maioría de uso do castelán entre a mocidade. Así, o 70% das e dos participantes responderon que falan única ou preferentemente en castelán fronte a un 30% que se comunica en galego de forma prioritaria.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o escritor e docente reivindicou o papel exercido pola Academia para, a través deste tipo de investigacións e estudos, “chamar a atención” sobre “aqueles aspectos que deben ser reforzados”. Pola contra, lembrou que a institución “realiza propostas” na medida das súas posibilidades, mais a execución das medidas “depende da iniciativa civil e da iniciativa política”.
“Hai un universo de persoas e institucións que teñen que comprometerse, a lingua é algo de todos”, advertiu, para matizar que a potestade para regular a política lingüística do territorio está nas mans do Goberno galego. “Creo que hai que facer unha reflexión, que algo non estamos a facer ben”, considerou respecto diso.
O presidente da Academia insiste en que as cifras evidencian unha realidade moi clara: que boa parte dos “futuros cidadáns galegos” sae do sistema educativo sen competencia en ambos os idiomas e “sobre todo nos ámbitos urbanos”.
Neste sentido, instou a non mirar “para outro lado” ante a evidencia de que as formulacións unánimes plasmadas na Lei de Normalización Lingüística “non se cumpren” na actualidade coa normativa e o modelo implantado pola Xunta nos centros de ensino.
Outro dos membros do seu equipo e un dos impulsores do estudo, o académico Henrique Monteagudo, tamén advertiu esta semana de que o cambio na lexislación realizado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, coa implantación do sistema plurilingüístico desde 2010 e a supresión da discriminación positiva do galego nos centros, acentuou aínda máis ese desequilibrio a favor do castelán.
Freixanes sinalou que “moitos pais denuncian” en zonas como Ames, Brión ou Bertamiráns que os seus fillos volven da escola “falando en castelán” e que “deixan de falar galego”, a pesar de ser a lingua coa que foron educados na casa e coa que os seus proxenitores se comunican con eles. (…)”

Xesús Constela: “Que cousas hai na cabeza dunha persoa cando chega a vella?”

Entrevista a Xesús Constela en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Que é O peso do cerebro?
– Xesús Constela (XC): Unha novela que acabei este ano, pero na que levaba moito tempo traballando. Porque este tema, o da mente das persoas maiores, sempre me resultou moi atractivo. Que cousas hai na cabeza dunha persoa cando chega a vella? Parto dun personaxe que vive nunha cidade imaxinaria para falar de todo isto.
– DP: Don Honorio.
– XC: Iso é. Que vive en Cidade Barco. Quen queira atopar similitudes entre este lugar e a cidade de Ferrol, que é a miña, atoparaos, e quen non os atope pode ler o libro igual porque non é algo determinante na historia. Pero aí está a homenaxe a Ferrol, si, como pon na contraportada, “unha cidade que languidece tras perder o lustre do seu glorioso pasado de grandes estaleiros e navegantes”. A Cidade Barco é iso, un lugar grandioso vido a menos. Nesa cidade vive Don Honorio, un home maior, de arredor de 80 anos, que un día que está na súa casa, ao coidado da súa neta, escapa. El é unha persoa que hai tempo que deixou de falar e que pasa o día sentado sen moverse. Aínda que non se menciona ningunha enfermidade concreta, o lector vai percibir enseguida que este home ten a cabeza desorganizada. E iso é así porque o narrador está dentro da súa cabeza. Vemos esa serie de asociacións de ideas que o van facer, despois de moitísimo tempo sen moverse, ter a forza suficiente para erguerse e saír da casa. E nós imos ir con el pola Cidade Barco adiante.
– DP: “A limpeza de cerebro debería ser obrigatoria para todo o mundo”, pon en boca de Don Honorio ao comezo da historia.
– XC: Ordenar o cerebro debería ser algo indispensable para todo o mundo, si. Case unha obriga constitucional. Evitariamos malentendidos, problemas… A min unha das cousas que máis me chama a atención da vellez é esa desorganización mental que aparece coa demencia senil. Compárase moito ese trance final cunha candea que se vai apagando, pero eu penso máis ben que é como un ordenador que vai perdendo a súa estrutura interna e a súa funcionalidade. (…)
– DP: Como levou o escritor que é vostede o confinamento e a pandemia?
– XC: A min o confinamento serviume para escribir. Porque o primeiro que necesitas para poñerte a escribir é tempo. E aí tiven tempo. Aproveitei para rematar unha novela breve na que precisamente aparecen retratadas un montón de cousas que vivín durante o confinamento. Foi un momento que me levou a toda a ciencia ficción, a todas as distopías, que teño lido. Como autor foi fantástico nese sentido, unha época moi fecunda. (…)”

Alefato, o alfabeto hebreo e uns poemas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Alefato é un canto á comunidade xudía en Galicia. Desde o século XI as terras galegas acolleron un pobo de vizosa historia. A raíz do xudaísmo nutriría as outras dúas relixións monoteístas, e desde aquel altar de Siquen consagrado por Abrahám até o Finis Terrae, as vinte e dúas consoantes hebreas que Xosé Lois García canta neste delicioso libro son escusa de reflexión filosófica, fundamentada na Cábala, e asemade devalo erudito arredor da historia galega ligada co pobo semita. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xoán C. Domínguez Alberte: “No libro hai unha proposta de reivindicación, para dar a coñecer a nosa vida, os nosos nomes”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace este poemario [Nomes] e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, “Lugares”, deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo.
No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di “son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos”. Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo.
– ND: Entón a presenza da natureza non é só por tratar a toponimia senón tamén como reivindicación.
– XCDA: Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos.
– ND: Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra?
– XCDA: Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. (…)”

Emma Pedreira e Laura Romero: “Que entendemos da poesía e das poetas? Xela Arias tamén formulaba esta cuestión na súa poética”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
XelArias. Palabra á intemperie son poemas a dúas voces, colaxes e ilustración para achegarse á figura de Xela Arias a través dos textos de Emma Pedreira e as ilustracións de Laura Romero. O libro, de Edicións Baía, inclúe partes biográficas, versos e anacos de conversas con Xela Arias. A entrevista pode verse aquí.”

Julio Negueruela, ‘Jamas’, de Dios Ke Te Crew, publica o seu primeiro libro

Desde Nós Diario:
“”Amenceu asollado, respírase un ambiente a campamento de verán. Un can pasea o seu dono polo Home Santo, un peregrino perdido contempla en silencio a catedral. Nun restaurante baleiro, catro paisanos recollen un pedido de comida para levar. Vinte e sete cañas despois, abandonan o local sen o sándwich mixto. O protocolo de confinamento comeza de xeito normal”.
Así comeza o Diario dun pirata confinado, o primeiro libro de Julio Negueruela, máis coñecido como ‘Jamas‘, integrante do grupo de rap Dios Ke Te Crew. A Editorial Urutau publica este escrito onde o autor narra os seus pensamentos e vivencias durante o confinamento.
“A idea deste libro xorde o día 14 de marzo de 2020, de maneira espontánea, no coche, cando ía á compra coa miña parella escribín o primeiro capítulo no móbil e aí foi onde me propuxen este caderno de bitácora, que durou os tres meses”, explica o escritor en conversación con Nós Diario.
Os capítulos, escritos ao día, entrelazan varios xéneros “onde prima sobre todo a narrativa, mais tamén hai pinceladas de poesía e ensaio”, combinando a realidade e a fantasía. “A xente que o lea poderá pensar que hai feitos que semellan fantasía, mais son reais”, apunta.
Os textos foron creados en lugares como “a terraza e a bicicleta estática do piso dos meus sogros, onde pasaba o tempo entre quintos e cigarros”. Para poder matizar os escritos “utilizaba o tempo que me deixaba as sestas da miña nena, que por aquel momento tiña 18 meses, e pola noite rematábaos para o día seguinte continuar co próximo capítulo”, conta.
Negueruela escribiu desde o 14 de marzo até o 15 de xuño do ano pasado, “mais a idea era que fose até o día 21 de xuño, co final do estado de alarma decretado polo Estado español. Cando Feixoo anunciou que tres días despois da súa comparecencia comezaría a ‘nova normalidade’ no país trastornoume os plans, porque tiven que descartar ideas que tiña pensadas para os dez días restantes”, explica o autor.
O resultado é un libro “sen ningún tipo de censura, nin pola miña parte nin pola editorial, onde expoño a miña opinión e reflexións sobre o exército, a Garda Civil, a Igrexa e mesmo a CRTVG”, indica o escritor. Pódese apreciar certa evolución no comezo do libro, “xa que os dez primeiros capítulos son máis curtos, malia ningún ser moi longo”, apunta o artista. A publicación “pódese ler por capítulos soltos, mais para entender certos aspectos, personaxes e detalles, o público debería lela do comezo ao final”, sinala Negueruela.
O escritor e integrante do grupo de rap galego Dios Ke Te Crew comenta co xornal o “duro que resultaba no confinamento explicarlle á miña nena que non podiamos saír á rúa cando nos sinalaba as chaquetas. Agardo que, de cara ao final do verán, poidamos volver aos escenarios co grupo e poder levala para que se divirta como o facía antes, danzando e gritando o nome do grupo como ela fai ‘Dios que te quiu'”, relata.
Negueruela avanza que o grupo está a preparar diversos contidos dixitais para “seguir dándolle ao público a esencia de Dios Ke Te Crew”, conclúe.
O primeiro libro de Julio Negueruela, Diario dun pirata confinado, conta co prólogo da escritora galega (e referente para o escritor) Teresa Moure, quen se declara “papagaia-amiga do pirata” e describe este lanzamento como “a primeira bala dun kalashnikov cargado de ácida retranca”.
O prólogo encantoulle ao autor “desde o comezo até o fin e, quen me coñece e o leu, comentáronme abraiados o ben que me calou Moure”.”