Entrevista
a Eli Ríos en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): – Eli, como te sentes despois de recibir o maior premio da literatura galega?
– Eli Ríos (ER): Agora mesmo estou desbordada de emoción. É a miña primeira novela de narrativa de adultos e supón unha enormísima responsabilidade. Ademais a é un texto moi complicado, unha aposta arriscada que teño que agradecerlle ao xurado porque é difícil que un texto de complexidade formal así chegue a finalista dun premio e máis aínda que o leve.
– LeO: De que trata Luns?
– ER: O texto centra a súa atención na vida diaria dunha muller de 37 anos, nai dunha nena e dun neno; cando se introduce un elemento novo, como é neste caso, un diagnóstico de cancro, toda a realidade sofre unha volta, que obriga volver analizar o existente; a dor, as relacións sociais ou amorosas…non acostuma ser un proceso sinxelo. E ela é quen nos conta a través das páxinas como se sente, como se quere sentir, como quere enfrontar os atrancos que sufrimos as nais como sostedoras do sistema de coidados. (…)
– LeO: Como xorde o salto cara a narrativa para adultos?
– ER: Non hai salto, é un proceso normal para non esmorecer. Igual que non comes todos os días un chuletón no almorzo, comida e cea pois a literatura é o mesmo. Non saltei porque nun par de meses sae un poemario, simplemente alterno os xéneros.
– LeO: Como che vai cambiar a vida este premio?
– ER: O premio non cambia nada na vida dunha persoa. Vaime permitir tapar buratos, pero seguirei tentando sacar o seguinte texto e para iso hai que sentarse igualmente diante dunha folla en branco e o premio non che vai vir ditar nada.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Eli Ríos: “Sempre hai unha nai supermuller e superheroína que pode con todo”
Entrevista
de R. Castro a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Gañaches o primeiro Torrente Ballester con modalidade só de galego…
– Eli Ríos (ER): Si, é fundamental e importantísimo o traballo que fixeron na Deputación da Coruña, porque non só dignifica o traballo das autoras, senón que dignifica o premio, que antes compartían tanto en castelán como en galego, e dignifica a todo un equipo enorme que hai por detrás, porque hai un comité elector e un xurado dunha calidade impresionante. E tamén toda unha serie de medios que están postos a prol do galego, sempre defendendo o que é a creación en galego. Teño que dicir que é unha auténtica honra poder estar neste premio e con este novo impulso que se lle deu.
– SG: E ademais é a túa primeira novela, logo de gañar varios poemarios e gañar unha manchea de premios. Como foi que te botaches á narrativa?
– ER: Pois por necesidade, estaba nun momento no que precisaba retos na vida e quería contar unha historia, non me chegaba un poema e precisaba a extensión da narrativa. Ademais, esta novela ten unha complexidade formal coa que quería experimentar e xogar. Eu sempre o digo, as primeiras que nos temos que divertir co que escribimos somos as autoras. Non é un texto comercial, ten unha voz que é o fluír da consciencia, que xa de por si é moi complicado. Imaxinemos Joyce, todo o mundo opina sobre o Ulysses, pero ninguén o leu, porque é moi complicado de seguir. Para min supuña un reto facer un fluír da consciencia. E a outra voz é un diálogo, non hai un narrador que nos mastigue as palabras ou as situacións. Esixe unha interacción e que a persoa que le traballe nese texto para poder comprendelo e seguir a historia.
– SG: E que máis nos podes contar de Luns? Sabemos que é un personaxe feminino diante dunha situación vital dramática e que está escrita con perspectiva de xénero…
– ER: A perspectiva de xénero non vén ser outra cousa que unha protagonista que conta a súa propia historia. Estamos afeitas na narrativa a que sexa un narrador -e normalmente masculina- que nos vaia dictando as pautas sobre o que debe sentir ou como se debe sentir ou debe reaccionar. Neste caso é ao revés. A acción márcaa directamente a protagonista a través do que sente e a través do que vai vivindo, que é quen leva a acción adiante. É unha nai dunha nena e dun neno que ten 37 anos e que ten unha vida montada. Nesa vida entra un elemento que a distorsiona, que é un diagnóstico de cancro, que fai que esa realidade cotiá teña outra mirada sobre as relacións sociais, as relacións amorosas, os coidados, que sempre recaen na muller. Iso é o que ofrece Luns. (…)”
Daniel Asorey: “Son fillo dunha matria na que as mulleres construíron o país en silencio”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Daniel Asorey en BiosBardia:
“No século XVII, a República Irmandiña de Galicia converteuse xa nun imperio colonial con posesións en Nova Galiza, na costa do subcontinente brasileiro. Nesta atmosfera literaria medra Nordeste (Galaxia), a novela coa que Daniel Asorey (Santiago, 1970) gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2016. Conversamos co escritor sobre a súa primeira obra publicada.
– BiosBardia (B): En Nordeste os irmandiños gañan a guerra contra os señores no século XV e proclaman unha república. Mais vostede achéganos a Galicia ucrónica 200 anos despois, gobernada por homes “bos” desde unha Compostela máis atlántica ca nunca, co mar en chegando ao Obradoiro. Por que empregar un pasado alternativo para contar esta historia?
– Daniel Asorey (DA): Entendo a literatura como a posibilidade de darlles voz aos oprimidos, aos que non teñen voz. Para min, Galicia non ten voz desde hai séculos. Vive nunha situación política subalterna que a mantén en silencio ante o mundo. Eu quixen imaxinar o meu país, o meu pobo, con voz, cun papel diferente na historia. Pero non buscaba idealizar ese pasado alternativo senón reflexionar sobre a posibilidade de que incluso unha sociedade xurdida dunha revolta contra os poderosos podería, pasado o tempo, volver estar dominada por eles.
– B: Na súa ucronía, os irmandiños son en efecto revolucionarios. Nese punto segue un dos mitos históricos máis controvertidos do galeguismo.
– DA: Eu era consciente dese mito e tamén de que a historia real dos irmandiños é máis complexa, menos utópica. Pero non me interesaba neste libro explicar se a Irmandade derrubaba as fortalezas ao canto de “Viva el-Rei” ou se en realidade estaba controlada pola baixa nobreza. Non, o que quería era xustamente usar un mito noso e logo contrastalo co rigor de que calquera país, se quixo entrar no capitalismo, tivo que alimentarse do sangue das mulleres e dos escravos. A época na que transcorre unha das historias da novela é xustamente esa, a do desenvolvemento do capitalismo tal e como o coñecemos. (…)
– B: Esta é a súa primeira novela publicada, con 46 anos. É vostede un autor cuxo gusto pola literatura lle vén desde novo ou descubriu a escrita xa maduro?
– DA: Eu escribo desde sempre. Gañei varios premios de relato e recoñezo que até a adolescencia me vin sempre como escritor. Pero logo faste adulto, empezas a traballar e escribir pasa a ser secundario. Para min é moi difícil encontrar tempo para a literatura. Esta novela escribina nun verán. Foi cando puiden escribir cun horario regular, todos os días varias horas seguidas. E saíu dun tirón. Para poder construír obras necesito un sistema así. (…)”
Xabier Maceiras, “O cronista que honra o Arteixo esquecido”
Conversa
con Xabier Maceiras desde El Ideal Gallego:
“Unha conversa co escritor Xabi Maceiras poderá empezar con fútbol, política ou audiovisual, pero acabará sempre, irremediablemente, lembrando os episodios da historia de Arteixo, desde as expropiacións do polígono de Sabón –que está a recoller nun documental xunto a Xosé Antón Bocixa– ata a primeira muller taxista do municipio ou as anécdotas da estación de ferrocarril de Uxes, agora en desuso.
Maceiras, membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, é unha auténtica enciclopedia sobre o concello e vén de cumplir 100.000 visitas no seu blog, Crónicas de Arteixo, no que cada semana honra diferentes personaxes, lugares ou edificios deste territorio tras escoitar os testemuños dos maiores do municipio, dos que di aprender moitísimo: “Hai que explotar ao máximo a transmisión oral cos nosos maiores. Atesouran historias que, de non recollelas, acabaremos esquecendo”, sinala.
Arteixo antes da industria
Comezou co blog, explica, porque tiña na cabeza moitas historias “que quizais nunca podería chegar a publicar en papel”. Quixo abarcar moitos temas, indica, pero comprobou que os textos que máis gustaban ao público eran os que deixaban ver o lado do Arteixo antigo, o que xa existía antes de Inditex e da revolución industrial en Sabón.
“Agora céntrome nos meus recordos de infancia, nos sitios que frecuentaba de neno e que siguen aí, pero tamén naquelas persoas que son ou foron unha parte importante da historia de Arteixo”. Así, Xabi Maceiras, veciño do Rañal, xa ten dedicado entradas na súa páxina á Panadería Fernández de Lañas –ata agora, a máis vista da web–, o Bar Insua da avenida de Fisterra, o cine de Arteixo e, por suposto, o Balneario, entre outros.
Afirma que, desde que naceu o blog, hai dous anos, recibe na rúa moitas felicitacións e comentarios nas redes sociais. “Á xente gústalle ler estas cousas porque non adoitan saír nos medios e non as coñecen. Moitos agradecen que alguén dedique tempo a falar cos maiores e lles achegue os seus contos nun formato máis actual e accesible”, comenta.
En Crónicas de Arteixo pode lerse, por exemplo, a historia de Otilia Josefina López, “a rubia de Vilarrodís”, futbolista que levantaba pasións coa súa melena loira; a de Máximo Mosquera “Pitos”, que foi mestre, futbolista profesional, banqueiro, alcalde e, agora, xerente do Balneario; e a das percebeiras de Rañobre, ademais doutras moitas. Todas elas, afirma o escritor, teñen algo en común: “Representan o Arteixo de toda a vida”.
Maceiras, que tamén colabora na revista de fútbol “O Dez” e publicará próximamente un libro sobre a historia do fútbol de Arteixo e A Laracha, aproveita cada momento para escribir textos e anotar posibles temas para o blog: “Ás veces escríbeme xente para que fale sobre algo ou tomando un café atopo a alguén cunha boa historia para contar. Van xurdindo pouco a pouco”, conclúe, sorrindo, mentres saúda un veciño no paseo fluvial.”
Mar Guerra: Norteáns, “unha epopea á castrexa”
Entrevista
de Belén Bouzas a Mar Guerra en Sermos Galiza:
“Mar Guerra, escritora e xornalista, foi galardoada en 2008 co Premio Merlín de literatura infantil por Xenaro e o misterio da mochila verde. A este seguíronlle Xenaro e a hucha do indiano, Xenaro e a negra sombra e Señor Meco –editados na colección Merlín de Xerais–. Agora, tras a publicación de Norteáns, novela editada na colección Fóra de Xogo da Editorial Xerais, tivemos o pracer de conversar coa autora para coñecer máis en profundidade o que se agocha detrás das máis cincocentas páxinas que conforman esta grande novela e que, con certeza, fará gozar a aquelas persoas que teñan interese na cultura castrexa.
– Sermos Galiza: Norteáns é unha novela histórica na cal se reconstrúe con detalle a sociedade castrexa. En que se centra o libro? Cal é o argumento principal?
– Mar Guerra: Norteáns é unha epopea á castrexa desenvolvida cos modos de pensar, sentir e actuar actuais. O ambiente arranca cun capítulo inicial contemporáneo e despois toda a narración desenvólvese no século I antes de Cristo. Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia. Unha Ítaca que mudou durante ese tempo que estiveron fóra, mais que continúa a ser ese lugar ao que todos devecen por volver. Con Norteáns eu tentei realizar unha achega non só de contexto histórico, senón tamén da miña filosofía vital, esas pequenas pegadas que imos deixando polo camiño e que espero que poidan achegar algo a quen as reconstrúe. (…)”
Entrevista a Tito Pérez Pérez en Radio Obradoiro
Desde
Radio Obradoiro:
“Entrevista a Tito Pérez no programa O sombreiro de Merlín, de Radio Obradoiro, centrada no seu libro Vinte fragmentos de mocidade voraz, o sábado 3 de decembro. Pode escoitarse aquí.”
Entrevista a María Canosa no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Canosa falanos de Cando cae a luz, o seu novo libro de relatos que publica en Urco Editora. Pode accederse á entrevista aquí.”
Héctor Cajaraville: “Unha cousa é pensar que o que ti fas ten calidade e outra é comprobar que outros o pensan tamén”
Entrevista
a Héctor Cajaraville en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PdG): Agora chega ás librerías A caixiña dos rancores (Xerais, 2016). Como nace esta historia? ¿Que podemos agardar dela?
– Héctor Cajaraville (HC): A caixiña dos rancores é unha historia de amizade entre unha vella e dous mozos, un rapaz e unha rapaza que son parella. De modo casual as súas vidas crúzanse (Vidas cruzadas era o título orixinal da novela, que logo se cambiou pola abundancia de referencias con este mesmo nome, mesmo no ámbito literario), e o que nun principio é unha convivencia obrigada que non semella ter visos de callar acaba converténdose nunha fonda relación de afecto mutuo que ao meu modo de ver é a verdadeira esencia da novela. A maiores hai tamén unha historia de misterio que se vai desvelando aos poucos a medida que a trama avanza, e que trata sobre un dos casos de “nenos desaparecidos” tan frecuentes no noso país ata hai relativamente pouco, pero iso só é a desculpa para que os personaxes afonden nese vínculo tan especial e tan inesperado (ou tan especial por inesperado) que se establece entre eles.
– PdG: Acaba de recibir o premio Meiga Moira coa novela Denébola a Roxa. Como recibiu a noticia?
– HC: É o cuarto premio que recibo en algo máis dun ano, ademais de ser finalista no Merlín, un recoñecemento coa mesma ou maior repercusión ca outros galardóns. Tamén gañei ou recibín algunha mención noutros certames de relatos curtos. Alguén poderá pensar que un se acostuma a isto de que o chamen por teléfono e lle digan que recibiu outro premio, pero polo menos a min pásame o contrario: cada vez póñome máis nervioso ao recibir a noticia e paréceme máis incrible. Cando gañei o premio Xerais estaba máis ou menos á expectativa de que iso puidese suceder, pois era un dos finalistas, pero todos os que viñeron despois colléronme tan de sorpresa que nalgunha ocasión nin sequera fun capaz de reaccionar. Lembro especialmente cando me chamou a concelleira de Cultura de Lugo para dicirme que gañara o premio Ánxel Fole e eu quedei calado do outro lado da liña. Debeu pensar que o de escribir igual non se me daba mal, pero que para manter unha conversa non estaba moi capacitado. E este último, o Meiga Moira, igual, porque ademais era unha novela que mandara a outros certames e que non fora finalista nin merecera ningún outro tipo de recoñecemento, así que as miñas expectativas non eran moi elevadas. Por esa é outra: sábense os premios que gañas, pero non os moitos nos que non recibes mención de ningún tipo. Eu mesmo cheguei a participar en certames que se declararon desertos por “falta de calidade dos orixinais presentados”. Iso é o peor que che poden dicir como escritor, porque podes entender que outro orixinal sexa mellor ca o teu, pero que prefiran deixar o premio deserto… uff!! (…)
– PdG: Que é o que quere amosar Héctor Cajaraville ao seu público infantil?
– HC: O que quere todo o mundo que se dedica a escribir, supoño: ofrecer historias que divirtan e que dean pé á reflexión, e que no caso concreto da literatura infantil e xuvenil axuden a entender un mundo que nesas idades aínda se está conformando nas cabezas dos lectores. Se consigo algún deses obxectivos, xa me dou por satisfeito. E se consigo os tres, xa nin che conto. (…)”
Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”
Entrevista
de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”
Zé Paredes: “Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe”
Entrevista
de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”