Entrevista ao Escritor na súa Terra 2024: Euloxio Ruibal, na Radio Galega

Entrevista a Euloxio R. Ruibal na Radio Galega:
“Euloxio Ruibal, escritor, académico e renovador da dramaturxia galega contemporánea, será o sábado en Compostela O escritor na súa terra.
A homenaxe da AELG inclúe que semente en Galeras unha abeleira. Con el falamos. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: actividades do 10 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)

Entrevista na Radio Galega a Armando Requeixo, editor da poesía reunida de Luísa Villalta

Desde a Radio Galega:
“Falamos da obra literaria de Luísa Villalta co crítico Armando Requeixo, investigador do centro Ramón Piñeiro e responsable da edición da antoloxía Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), que compila os catro poemarios publicados en vida da escritora: Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo e En concreto. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Un roteiro da AELG lembrará o barrio do Papagaio de Luísa Villalta

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará o 8 de xuño o Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta).
A iniciativa, con saída desde o Museo Casares Quiroga ás 12 horas, estará guiada por Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval e quere dar a coñecer o popular barrio da Coruña.
Fernández Naval explica a Nós Diario que a proposta xorde por ser un lugar no “que a propia María Casares explicaba que se podían ver todos os prostíbulos da cidade”. A ruta afondará na publicación Papagaio de Maribel Longueira e Luísa Villalta coa que realizaron unha crónica fotográfico-poética da súa transformación.
“Sempre foi un espazo de mulleres”, comenta Fernández Naval, “alí estiveron tamén María Miramontes e Ánxel Casal mais tamén o convento das Capuchinas e o hospital que construíu Teresa Herrera”, engade.
Durante o percorrido tamén intervirá Maribel Longueira para explicar, no propio lugar, como traballou para realizar o libro xunto con Luísa Villalta, a poeta homenaxeada este ano coa Letras Galegas.”

Rosalía Fernández Rial: “Nunca foi tan necesario facer un ensino activo e creativo”

Entrevista de María Monteiro a Rosalía Fernández Rial en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que consiste a proposta didáctica de Mover ficha?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha proposta didáctica coa que se pretende que o ensino sexa máis activo, máis comunicativo, que os coñecementos se vinculen entre si de maneira orgánica e natural, esa é a chave, combater estruturas máis ríxidas de pensamento e de ensino.
– ND: Refírese a conectar o ensino de linguas coas performance.
– RFR: Trátase de aplicar as artes ao ensino. O que propoño en Mover ficha é que nas materias de linguas convivan a lingua e a literatura coas artes escénicas, tamén coas artes plásticas e as musicais. Que todo forme parte dun gran proxecto, que o ensino das artes e as linguas se entrelacen e tamén o desenvolvemento dunha sensibilidade cara ás artes e cara á literatura. É unha evidencia que a Intelixencia Artificial está aí, as máquinas e a robótica están aí e o ensino non pode dar as costas a isto. Nunca foi tan necesario facer un ensino activo, creativo e que desenvolva as cualidades humanas.
– ND: Como profesora de linguas, como ve a situación do idioma galego no ensino?
– RFR: As profesoras de calquera lingua debemos ter unha conciencia de normalización lingüística e darnos conta de que a evidencia científica é que temos o privilexio de poder ser bilingües, e temos o privilexio de que a nosa lingua primeira (o galego) nos permita adquirir outras linguas de maneira moito máis doada. O ensino de todas as linguas nunha comunidade como a nosa debería ter un enfoque diferente. (…)”

Anxo Angueira: “Serei un soldado máis en defensa do proxecto da Academia”

Entrevista de Héctor Pena a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Falando do presente, que representa, nun tempo como o actual, ser membro dunha institución como a Real Academia Galega?
– Anxo Angueira (AA): Para min é un orgullo, un gran recoñecemento. Pero por outra parte é unha responsabilidade, pois a Academia é un dos grandes fitos históricos desa Galiza emerxente, desa Galiza que vai contra a asimilación castelanista. Xa o dixen no meu discurso, o que quero é colaborar para defender a independencia da Academia, o prestixio da Academia e o horizonte para a que foi creada, que é a defensa insubornábel da nosa lingua e a nosa cultura.
– ND: Que agarda do futuro, do tempo que ten por diante na institución?
– AA: Non o sei, acabo de entrar nela (ri). Eu ofrezo o meu traballo, o meu esforzo, o meu tempo… todo o que poida para servir e para traballar. Eu son un obreiro, considérome un traballador máis desa gran obra que historicamente realizamos todos, eu son un soldado máis da Academia e onde faga falta alí estarei para defender o proxecto orixinal, que é un proxecto común e compartido a pesar de todas as diverxencias.”