Cuestionario Proust: Begoña Díez

DesdeBegoña Díez Sanz o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Begoña Díez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía, a sinceridade, a inquietude, o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade…
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e ás veces o inconformismo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Atopar o camiño á felicidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Renderme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz, así de simple e de complicado.
9.– En que país desexaría vivir?
– Postas a pedir, nun máis xusto e igualitario.
10.– A súa cor favorita?
– Depende do momento e do estado de ánimo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As margaridas de cores, de calquera cor.
12.– O paxaro que prefire?
– O colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Kafka, Beckett, Amelie Nothomb, Mary Shelley…
14.– E na poesía?
– María do Cebreiro, Daniel Salgado, Andrea Nunes, Lois Pereiro, Beckett, Sylvia Plath, Vicente Huidobro, Allen Ginsberg, Jean Arp…
15.– Un libro?
– Sempre.
16.– Un heroe de ficción?
– Sísifo.
17.– Unha heroína?
– Esther Greenwood.
18.– A súa música favorita?
– Depende do momento…
19.– Na pintura?
– Munch, Eduardo Naranjo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Parks, As trece rosas…
21.– O seu nome favorito?
– Gabriela e Xiana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de empatía, gran mal da sociedade.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza e a intolerancia, en calquera ámbito da vida, e a falta de sinceridade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Calquera feito de revolución do pobo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa conciencia tranquila de que fixen e dixen todo que quería dicir e facer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A espera.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula.
30.– Un lema na súa vida?
– Somos un segundo na vida das pedras.”

Xesús Fraga: “O rap é un xénero axeitado para contar a realidade”

EntrevistaXesús Fraga a Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Novo libro de Xesús Fraga (Londres, 1971). Trátase de Reo (Galaxia), co que gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil, e que protagoniza un grafiteiro de 17 anos.
– La Voz de Galicia: Por qué escolleu un grafiteiro para esta historia?
– Xesús Fraga: O graffiti é unha presenza constante nas nosas paisaxes urbanas, pero son moi poucos os que reparan nel, e os que o aprecian, aínda menos. Hai un gran descoñecemento sobre as motivacións dun grafiteiro, e axudar ao lector a descubrilo era unha das miñas intencións coa novela. (…)”

María do Cebreiro: “A poesía vive onde se encontran as lembranzas e a imaxinación”

EntrevistaMaría do Cebreiro a María do Cebreiro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): N’Os inocentes aparecen estes versos: “(…) A impotencia/ (e non exactamente a bondade)/ é aquilo que define os inocentes.” Así ve vostede a inocencia?
– María do Cebreiro (MdC): Aínda que no verso apareza o verbo definir, coido que a poesía non debe dar definicións. Son os versos os que se deben explicar por si mesmos. Non estou segura de estar de acordo con esa afirmación, incluso. O que quería expresar con este libro é que a inocencia é un rastro. Buscamos a súa pegada, especialmente a través do mito do paraíso perdido pero coido que en realidade o único que existe é unha idea do que é a inocencia, ás veces demasiado simplificada. E a miña reflexión reside en cuestionar se esa relación coa inocencia non debera ser máis complexa; superar esa idea de inocencia como nostalxia para enfrontármonos á pregunta máis interesante: quen son os inocentes? Son eles? Somos nós, os que lemos e confiamos na poesía? Diante do tempo que nos tocou vivir, que resistencia facer? Somos os elixidos porque escollemos o bando perdedor? Non teño a resposta.
– B: Unha das constantes do texto é a presenza da creación: o labor de escrita, os libros…
– MdC: O libro coido que forma parte intrínseca da miña obra porque é unha das ferramentas do meu traballo. Eu son profesora de Literatura e a obra literaria acaba formando parte da miña rutina. Non me podo desapegar del. Ademais, a miña relación coa creación literaria é algo sobre o que me gusta reflexionar. Primeiro desde o punto de vista da curiosidade: o que traen escrito os libros. E despois desde o punto de vista contrario, o da hixiene: debemos preguntarnos se é necesario escribir un libro máis cando xa hai tanto escrito. Ese dilema non quero dalo por sabido, quero ter presente que non escribir tamén é unha posibilidade, especialmente para un escritor. (…)
– B: Vostede, por xeración, pertence ao tempo dos Batallóns Literarios da década do 1990. 15 anos despois daquela eclosión de poesía, que pouso queda?
– MdC: Os poetas non gostamos moito diso das xeracións porque é coma se integrarnos nun colectivo nos limitase, como se nos diluíse o desexo de existir –sermos diferentes, únicos–, que vai implícito no labor de escribir. Eu recoñezo que nese tema discrepo. Síntome xeracionalmente no grupo dos 90, por idade, pero no posterior, no que empezou a publicar nos 2000, por proximidade literaria. A ese grupo que forman Daniel Salgado, Alberte Lema, Samuel Solleiro ou Xiana Arias Rego, eu chámolle a Xeración Perdida porque así como a dos 90 tivo unha gran repercusión, tanto entre a crítica como entre os medios de comunicación, os seguintes non foron considerados como grupo xeracional. E ao reflexionar sobre o motivo, penso que a chave de todo está na relación que mantiveron coa xeración anterior. A dos 90 fíxose un oco “matando o pai” (a xeración do 1980) pero ninguén matou a xeración do 1990. Quizais cómpre un discurso crítico coa que se produciu daquela e dilucidar se todo o que se facía pasar por poesía era poesía, se o que se conseguiu tiña importancia por unha cuestión cuantitativa unicamente. E até que punto as metas das que se presume eran tales. Realmente era tan amplo o público que asistía aos recitais? Realmente aumentou a demanda de poesía entre os lectores? (…)
– B: Vostede é investigadora de Teoría da Literatura. Varios dos seus traballos atinxen a presenza feminina na literatura. Convén aínda falar de literatura feminina?
– MdC: Calquera proceso de visibilización trae consigo unha etiqueta e a escrita ten entre as súas funcións romper as costuras, as etiquetas. Pero hai que ser sinceros: a igualdade aínda non é completa e mentres exista esa desigualdade é inevitable que esa mirada atravese os procesos de produción e de recepción de contidos literarios. O que si considero necesario é sermos máis amplos na ollada. Cando se fala de feminización da literatura galega contemporánea, falamos só de que agora hai máis escritoras? Ocorreu o mesmo nos outros campos relacionados? Nas editoriais? Nos medios de comunicación? (…)”

Cuestionario Proust: Yolanda López

DesdeYolanda López o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Yolanda López:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A forza de vontade, o espíritu crítico, a paixón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo corazón, a xenerosidade, a solidaridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pois amizade: saber dar e saber recibir nos bos e nos malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia, o mal xenio cando me faltan ao respecto.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir poesía, pintar, ler coa “miña” música de fondo, fotografar ao aire libre, bailar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Bañarme nun mar de estrelas, poder voar, ou ir de tapas/copas en soedade ou en compaña dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Agora mesmo, a morte da miña nai.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son e mellorar como persoa día a día.
9.– En que país desexaría vivir?
– Cada lugar onde vivín, vivo e vivirei enriquécenme como persoa, mais elixiría Galiza, Nova Zelanda, Irlanda, Escocia, a Patagonia.
10.– A súa cor favorita?
– Cada cor ten o seu matiz, mais quedo co violeta polas súas connotacións sociais e pola súa forza visual.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia, a rosa branca, a mapoula, a flor do toxo, do ameneiro, da cerdeira e a do tileiro.
12.– O paxaro que prefire?
– O gorrión, o corvo, o colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf, Amelie Nothomb, Eudora Welty, Clarice Lispector, Elvira Lindo, María Zambrano, Begoña Caamaño, Ralph Ellison, Roberto Bolaño, Cortázar, Faulkner, Paul Auster, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Galeano, Edgar Allan Poe…
14.– E na poesía?
– Luísa Villalta, Rosalía de Castro, María Mariño, Chus Pato, Emma Pedreira, Álvarez Torneiro, Francisca Aguirre, Emily Brontë, Olga Orozco, Alejandra Pizarnik, Gioconda Belli, Maya Angelou, Miguel Hernández, Gamoneda …
15.– Un libro?
– Los hijos de los días, de Eduardo Galeano, Mujeres que corren con los lobos, de Clarissa Pinkola Estés ou 2666, de Roberto Bolaño, por citar algúns.
16.– Un heroe de ficción?
– O Quixote, ou o protagonista anónimo da novela Invisible Man, de Ralph Ellison.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Pock, punk, new age, blues, jazz, cantautor, country, oriental, celta.
19.– Na pintura?
– Frida Kahlo, Leonora Carrington, Georgia O’Keeffe, Marc Chagall, Alfonso Costa, Rafael Úbeda, Alfonse Mucha, Munch, Van Gogh, Turner, Picasso, Odile Redon, Friedrich….
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas “anónimas” que loitan día a día por saír do pozo, da miseria, da inxustiza… ben, e permítome a licenza de citar a María Pita, Xohana de Arco, Rosa Parks, Nelson Mandela, Gandhi…
21.– O seu nome favorito?
– Gabriel, Rosalía, Anxo, Laura.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de respecto, a intolerancia, a prepotencia, a hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A violencia machista, a dobre moral, o medo/covardía que son a orixe auténtica de todo mal social, o egoísmo, a envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hoxe en día, os ditadores ou “enxeñeiros” financieros: os políticos e os banqueiros corruptos.
25.– Un feito militar que admire?
– Máis que militar, revolucións pacíficas como a das damas brancas de Liberia ou a revolucion dos cravos de Portugal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Dun ataque de risa rodeada dos meus seres queridos, ou amando, ou durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista crítica e escéptica…, e agora mesmo cabreada con esta ditadura oilgarca de mercado que nos asoballa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que veñan da inocencia e a inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Entrevista a Ramón Neto

Entrevista Ramón Neto 2013-06-11 Prague a Ramón Neto na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (PC): Que supõe para ti a poesia/literatura?
– Ramón Neto (RN): A poesía, e a literatura en xeral, supón unha forma de interiorizar pensamentos, emocións, vivir a través das vivencias dos outros, ver as cousas desde outras perspectivas e motivar cuestionamentos. No que respecta á escrita, o que a poesía me aporta varía dependendo da obra na que estea a traballar. Mais, tentando xeneralizar, diría que entendo a poesía como unha maneira de comunicar que fica sempre en suspenso, gardando sempre unha certa actualidade. A voz do poema, independentemente de cando teña sido escrito, garda o alento da palabra que vén de ser pronunciada. Igualmente é o poema unha encrucillada de posíbeis significados que poden revelarse como aparentemente contraditorios sen ser excluíntes. A poesía, mesmo mantendo un ton coloquial e reflectindo a oralidade da lingua, non deixa de ser esa linguaxe rara, esa forma inhabitual de aludir ao cotián ou ao imaxinario; un medio que permite renovar constantemente a maneira na que nos referimos ás cousas. E pode, e mesmo creo que debe ser tamén, un modo de filtrar emocións e experiencias que non son nosas, de meterse na pel dos outros. Por iso mesmo, a poesía pode tamén ser un xogo, un entretemento; e cando se volve retranqueira, o sarcasmo pode axudar a darlle a volta ao xeito de ver as cousas. Mais, finalmente, o que talvez a poesía verdadeiramente sexa, é a arte de non dicilo todo, de deixar espazos abertos para que sexa o lector quen os complete a través de lectura.
– PC: Como entendes o processo de criação artística?
– RN: O proceso de creación acostuma traducirse nunha especie ruxerruxe interno, de fluxo mental, que funciona nalgún lado do maxín en paralelo a todo o que fago na vida cotiá. Sobre todo nos momentos nos que a creación dun poemario vai collendo corpo, acaba sendo o calidoscopio a través do cal vou observando as cousas. Así, ese mesmo proceso vaise nutrindo do que acontece diante dos meu ollos e das vivencias que outras persoas teñen a ben compartir comigo.
Despois está o traballo de revisión. Mesmo se ao final un texto pode practicamente non sufrir cambios, gústame deixalo repousar antes de dalo por bo; e se é preciso modificalo, ter a ocasión de facelo en frío. Concordo co que afirma Manuel Álvarez Torneiro nunha recente entrevista: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”. (…)”

Cuestionario Proust: Antonio Piñeiro

Desde Antonio Piñeiroo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio Piñeiro:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Aberto; nese sentido de “non pechado”. Tampouco que se entenda como aquilo das ostras e os caracois (sublime, Stanley Kubrick. Non estou seguro de se xa estaba no guión de Dalton Trumbo, pero na pantalla dá magnífico). Pódese ser aberto ao estilo Craso e aberto ao estilo Lester Burnham (incluso unha bolsa de plástico ondeando ao vento ten unha certa suma de beleza; so depende de como a mires); ademais: aberto porque no aberto cabe todo e, se noutra resposta contesto outra cousa, pois tamén será verdade.
E xa sabemos que incluso a contradicción é verdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Debo confesar que aí peco de certo materialismo, porque o que me gusta nas demais persoas son os efectos concretos dos sentimentos abstractos. Póñoche un sentimento abstracto como exemplo e deixo que o efecto concreto o imaxine cadaquén: o desexo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que deixen que a suma aumente (e non me saiu como unha frase con dobre sentido, aínda que despois de pensalo un pouco, si).
4.– A súa principal eiva?
– É moi común. Ás veces fágome pallas mentais, pero xa che digo: un profesional díxome unha vez que iso pásalle a moita xente.
5.– A súa ocupación favorita?
– Recordar. E o que non recordo ben foi quen dixo aquilo de que “o único que me molesta da morte é non poder seguir recordando”. Mira que o busquei en Google, en Yahoo e ata na Encarta, pero non hai maneira. En fin: aquilo que dicía Proust (o mesmo que dá nome a este cuestionario) do recendo da madalena mollada en té. Esa fascinación da vida que queda na vida. Recordar cunha música, cunha imaxe ou cunha magdalena; que flipe!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Por suposto, chegar a coñecer o sentido da vida, da existencia. O significado do mundo, do tempo, do ser. Iso se falamos do ideal, claro. Pero teño tamén varias felicidades peonís. Por poñer un par delas: as cigalas e esa outra cousa da que din “sempre andades a pensar no mesmo”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non cho sei certo. Como son tamén bastante práctico, entendo que tanto os grises coma os amarelos teñen a súa razón de ser na vida. Ou aquilo do noso proverbio: nunca choveu que non escampara.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ufff. Cando era neno sempre me preguntaban iso. Eu contestaba sen pensar: profesor. Pero logo corría á praia de Colomer, cunha botella de lixivia de cor azul, das de asa, e mais dous anacos de corda de atar as redes. Facía coas cordas un arnés, amarraba a botella ao meu lombo, como se fose a bombona de osíxeno dun home ra de Viaxe ao fondo do mar, e mergullábame na beira pensando en cofres imaxinarios. Estaba claro: acabei sendo profesor e fabulador.
9.– En que país desexaría vivir?
– Pois aí si que teño un problema, porque me vexo nómade. As Rías Baixas, Florencia, o Caribe, Madagascar, San Francisco, as pradeiras americanas, Manaos, Miami, O Cairo e o Nilo, Bangkok e o Chao Praya, as illas gregas, Bombai, Israel, Hawaii. O mundo é unha virguería. Pero está claro que isto do nomadismo ten certas limitacións. ($). Así que digo o primeiro por raigame e sentimento: as Rías Baixas. O que si che podo acoutar é o contrario, onde non me gustaría vivir: onde haxa neve.
10.– A súa cor favorita?
– Pois é unha das tres primarias: azul. Paréceme elegante, harmoniosa e, á vez, intensa, con carácter. Ademáis é a cor da atmosfera (efecto da dispersión de Rayleigh) e os nenos píntana nos seus cadernos como a cor do mar. Segundo o test de Vasili Kandinsky, ao preferir o azul tamén debería preferir o cadrado. Pero mira ti que non. Gústanme con diferenza o círculo e o triángulo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Ribeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Sen dúbida o carrizo (Troglodytes Troglodytes). Fai un niño tecido, paciente, esférico e pendurado, coma unha lúa das silveiras. Recordo aquela mañá de 1972, indo cara ao río (lavadoiro) do Ameneiro, en Ribeira, cando, sen que souberamos por que, o primeiro carrizo que vía permitiunos ollar durante un instante cómo tecía o seu. Con confianza, cunha despreocupación de cóxega, de amizade. Os carrizos achéganse a un, nos parques, e póñense a triscar a metro e medio, sendo como son o paxaro máis pequeno e fráxil de Galiza.
13.– A súa devoción na prosa?
– Francisco Umbral, o Giocondo, as Giganteas, os Males Sagrados, os Fieitos arborescentes, o Carnívoro coitelo, as Ninfas, a Teoría de Lola, a Balada de gamberros.
14.– E na poesía?
– Javier González (Donde no cabemos), Luísa Castro (Los versos del eunuco), José Ángel Valente, Aurelio Gonzalez Ovies (La hora de las gaviotas, Nada), Javier Bello (Letrero de albergue, Las jaulas).
15.– Un libro?
– A novela que contén o capítulo máis breve e poderoso da literatura (se non me engano). A novela comeza así: “Cuando me arranco al bosque de los sueños, a la selva oscura del dormir, y me cobro a mi mismo, me voy lentamente completando”. Así dende a primeira ata a última frase. A escritura perpetua. O capítulo breve di: “Estoy oyendo crecer a mi hijo” (un fillo xa “ausente”, o significado de cuxa ausencia-presenza so se pode comprender lendo o libro). O seu título é Mortal y Rosa.
16.– Un heroe de ficción?
– O Coiote (Wile E. Coyote), de Chuck Jones (o que en teoría debería ser antiheroe do Correcamiños, pero para min heroe, creativo e teimudo).
17.– Unha heroína?
– A verdade é que hai varias. Gelsomina (La Strada, Federico Fellini), sen que saiba moi ben dicir por que. Temperamento ante calquera infortunio? Vitalidade, ilusión, lealdade, alegría, compaña? Pode ser que sexa pola tremenda forza do seu personaxe, aínda que –si- sobre todo porque é a súa presenza a que reflicte a condición de todos os demais. Tras se separaren, Zampanó (Anthony Queen), anos máis tarde, logra saír da tona durísima que as condicións de vida lle impuxeran, so co seu recordo; igual que Lester Burnham (American Beauty) descobre a verdadeira beleza ollando só unha foto pola que transcorreu o tempo. Aí a maxia de Gelsomina.
18.– A súa música favorita?
– As cualidades da música son tantas que compoñen unha especie de magma, tectónica ou teluria emocional. Imprescindible. Resultame difícil deixar algo de lado. Pero se hai algo que escoito con máis asiduidade, é o Rock and Roll. E ademáis vouche deixar unha anécdota/adiviña curiosa para convidarte, de paso, a escoitar un tema clásico que te vai nutrir de emoción. Saberías dicir cal é a canción de AC/DC que comeza cunhas badaladas no mesmo “do-grave” ca as da campá da Berenguela, na Catedral de Santiago? Fóra de serie.
19.– Na pintura?
O barroco: estilo no que a imaxe é paixón en vez de representación; drama en vez da aparencia; lume en vez de paisaxe; convulsión en vez de composición; literatura en vez de imaxe; talento á vez que oficio.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A pregunta, feita así, está atinada. O mesmo dá, neste caso, heroína ou heroe. A persoa na que penso, ademáis, é moitas. Refírome a quen aquel día (6 de xuño de 1944) tiña que desembarcar o primeiro da lancha, fronte á praia de Omaha, nun diluvio de chumbo do que sabía que non ía saír; ou a quen tiña que subir o cantil de Pointe du Hoc, sabendo que sería o último que fixese, porque ao final da corda, enriba, estaban a esperalo para dispararlle. Refírome a ese heroísmo. Hai pouco estiven nun dos campos de batalla da nosa Guerra Civil. Aínda están alí as trincheiras, os fortíns, os túneles. Non desapareceron. Metinme nunha e percorrina. Miden quilómetros. Esta era do British Batallion. Coñecendo como coñezo canto alí pasou, a sensación foi calafriante. Ía ollando polo chan, todo cheo de balas, casquillos e anacos cortantes de metralla, restos de latas de sardiñas de comeren alí os combatentes. Recollín algúns deses restos do combate e tróuxenos. Tocalos, aínda agora, dá unha sensación rara. Non sei. Supoño que nos pasa isto aos de Historia. En todo caso, estoume a referir a ese heroísmo.
21.– O seu nome favorito?
– Algunha vez o pensei; pero nunca o escollín. Tratandose de nomes (nomear as cousas) non me vexo facendo xerarquías. Cada nome é un matiz-mundo, unha parte do código dos matices que están ligados á persoa (ser, cousa, espazo, tempo, acontecemento), que lle aporta algo de literatura e distinción, e que serve para recordala ou contala. Outra cousa sería preferilos pola fonética, pero iso é cousa xa de palabras, máis que de nomes.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Quizais o mesmo feito de ter hábitos. Non sei. Coido que a ciclicidade é para os acontecementos, non tanto para as persoas. Ainda que tamén é verdade que teño un gato. Xa sabes como son. Teñen ese reloxiño interno e sistemático que sempre me recorda ao “motoriño interno” de Billy Wilder (Tony Curtis na estación de tren, detrás de Marilyn Monroe. Que grande Billy Wilder). En fin, que a propia vida é hábito e seguramente faga o monxe. Así que prefiro soportar o que sexa.
23.– O que máis odia?
– Pois coido que polas outras respostas queda claro: a inflexibilidade, o trato agre, a dureza, a exactitude, a gravidade, a mala hostia, o caracter tiránico, en definitiva, toda esa macedonia propia de certos temperamentos. Xa sei que, no fondo, é a debilidade, o medo, e todo ese rollo psicoanalítico da inseguridade, o que o causa; que a tiranía é unha pantalla do egoismo pavoroso para desviar a atención dos demáis das propias eivas; pero non podo evitar odiar os seus efectos no resto das persoas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Pois hai bastantes, aínda que, claro, segundo di aquilo do “efecto bolboreta”, todas son imprescindibles na cadea do tempo que ven dar a cada un de nós. Se non existira calquera delas, calquera intre ou acontecemento, seguramente nós non existiriamos. Pero dado que dis simplemente “desprezar”, non “borrar”, vou dicir unha sen mencionar o nome, o cal da xa unha idea do desprezo: Unha persoa que, antes de se matar polo seu terror e o seu fracaso, matou antes ás fillas/os e familia porque se consideraba a si mesma única capaz de decidir que non valía a pena que seguisen neste mundo. Mira ti no que poden chegar dar algúns.
25.– Un feito militar que admire?
– O da estilística, retórica e lírica dos cuarteis. A personificación, sobre todo. Ese recurso estilístico de arrestar ou castigar ventás, garitas, catres, vaixelas ou escopetas, por estaren implicadas en accións antirregulamentarias. É dicir. O oficial achégase, ponse fronte á porta da cantina e dille: arrestada unha semana por provocar a liorta na que o cabo feriu ao tenente. Admirable maxicorrealismo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Natural? Uuuuuuiiiii. Por pouco dígoo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Pois da maneira en que o vou facer seguro: ollando nacer algo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Expectante. Transitorio. Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os defectos son perdoables. Nin sequera esa palabra –perdoar- a entendo demasiado ben. Non xulgo (simple postura persoal). Existimos pola multitude e pola diferenza. Recordo como en Cuatro corazones con freno y marcha atrás, de Jardiel Poncela, a inmortalidade, por selo, facíase insoportable. O recendo doce non se entende sen o recendo a podre. O vivir non se entende sen o morrer. Os defectos son os necesarios contrastes das virtudes. Nin sequera sei se agora mesmo estou dicindo unha chorrada.
30.– Un lema na súa vida?
– Sempre flexible.”

Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores”

EntrevistaAgustín Fernández Paz a Agustín Fernández Paz en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A viaxe de Gagarin é un relato ambientado na década do 1960 cuxo protagonista é un rapaz que tiña unha idade semellante á súa naquel tempo. É un libro nacido da súa autobiografía?
– Agustín Fernández Paz (AFP): A proximidade entre a idade do protagonista e a miña é un dos factores que inflúen na escolla do tema pero non é o único. Aquela década, na que eu alcanzo a mocidade, penso que ten algo de representativo para toda a sociedade actual, que hoxe vivimos a vida que comezou a espreguizar naquel tempo. Foi a época da liberación da muller, que empezou grazas aos electrodomésticos que lle facían a vida máis agradable, e acabou cunha reivindicación social máis ampla de igualdade. Dos movementos sociais, de París a Praga. En pouco tempo pasaron moitas cousas que influíron no mundo actual: as guerras de Vietnam e a dos Seis Días entre Israel e os seus veciños; a carreira espacial que amosou publicamente a competencia entre a URSS e os EUA; a extensión da loita revolucionaria do Che Guevara a África e América do Sur… E entrementres, en España viviamos nunha ditadura, moi reprimidos e condicionados polo poder totalitario. Moito máis do que a xente de hoxe imaxina, en parte porque callou a idea de que o franquismo era algo así como o que sae na serie de “Cuéntame”. (…)
– B: Como é o seu sistema de traballo?
– AFP: O primeiro é a idea. Pero non funciona coma unha faísca. Eu anoto, anoto moitas cousas pero non necesariamente considero eses apuntamentos como unha bolsa de ideas de novela. Mais logo hai un pensamento que si funciona como punto de partida. Non é un sucedido ao xeito dese tópico do amigo que te encontra e che narra algo que empeza: “con isto que che conto podes facer unha novela…”. Coido que é máis importante a mirada, aquilo que non pasa para todo o mundo, aquilo que só pasa para ti. E é nese momento cando recompilo, agrego ou enriquezo esa primeira semente con cousas que tiña pensadas de antes. O interese sobre o tema escollido vai medrando dunha maneira irracional. Na seguinte fase leo moito sobre o tema. Hai novelas que requiren moita documentación mais incluso nas que non o precisan, intento mergullarme nos temas que van aparecer nela. A partir de aí vou definindo os personaxes, fago fichas biográficas de cada un deles e incluso deseño dun xeito esquemático secuencias que quero que aparezan no libro.
Esa primeira fase remata co primeiro manuscrito. Eu sempre escribo a man e en cadernos de follas amarelas. Esa primeira redacción é coma un xorro da auga dunha fonte, rápido e continuo. Non me preocupo nesa altura nin do estilo nin da coherencia, nin sequera das descricións. Cando chego a un punto no que teño que contar como é unha casa, por exemplo, poño entre parénteses: aquí conto como é a casa e sigo para adiante.
Unha vez que teño ese manuscrito, empeza o traballo de verdade. Paso no ordenador a primeira versión e imprímoa. Ármome de rotuladores de cores e peneiro cada folla a conciencia, até que o mecanoscrito está practicamente cuberto de tinta vermella. Con esas correccións fago unha segunda versión e volta a empezar. Polo xeral, como mínimo fago seis versións antes de que no mecanoscrito, logo da corrección, apenas aparezan subliñados. (…)
– B: E que autores o marcaron a vostede?
– AFP: Houbo nomes moi influentes nalgún momento da vida que logo pasaron a un segundo plano. Na literatura xuvenil é quizais onde se fixaron máis os traballos dos clásicos modernos, que descubrín hai 30 ou 40 anos: Roald Dahl, que é un escritor único, está no alto. Canda el, Gianni Rodari, Ursula Wölfel, Alice Vieira, Michael Ende, Juan Manuel Gisbert e Christine Nöstlinger. Entre os escritores canónicos, sempre me acompañan Franz Kafka, José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Manuel Puig, Julio Cortázar, Xosé Luís Méndez Ferrín… (…)”